Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2017 Páx. 15966

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 34/2017, do 16 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade da totalidade da estrada autonómica AC-194 desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 1+250, a prol do Concello de Vilasantar.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Vilasantar solicitou á extinta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o arranxo das beirarrúas existentes ao longo da estrada AC-194, que transcorre polo termo municipal. Con tal fin o día 17 de decembro de 2015, a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Vilasantar asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de actuacións na travesía urbana da AC-194 no núcleo de Vilasantar-Raposeiras. Nos compromisos das partes, unha vez rematadas as obras e recibidas, o treito urbano da AC-194 será cedido ao concello de acordo ao procedemento legalmente establecido.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da totalidade da estrada AC-194, delimitada entre os pp.qq. 0+000 e 1+250 a prol do Concello de Vilasantar.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de marzo de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Vilasantar da totalidade da estrada AC-194, delimitada entre os pp.qq. 0+000 e 1+250.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Vilasantar deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Vilasantar, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito sinalado, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de marzo de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda