Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2017 Páx. 16016

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2017 pola que se regula o período de prácticas dos aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado mediante a Orde do 18 de maio de 2015.

Dando cumprimento ao ordenado na base III.2 da Orde do 18 de maio de 2015 (DOG núm. 95, do 22 de maio), pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e finalidade

O período de prácticas integrado no proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado mediante a Orde do 18 de maio de 2015 (DOG núm. 95, do 22 de maio), consistirá na aplicación á realidade cotiá do traballo administrativo e ao funcionamento da organización dos coñecementos previamente adquiridos polos aspirantes.

As prácticas terán como finalidade a súa preparación para o exercicio das funcións específicas tanto da especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria como da especialidade de contabilidade e intervención.

Segundo. Organización e dirección

Encoméndase á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda a organización e dirección do período de prácticas.

Terceiro. Destinos en prácticas

O conselleiro de Facenda, por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, disporá as unidades administrativas en que os/as funcionarios/as en prácticas deberán realizar esta fase do proceso selectivo.

A realización de prácticas non comporta en ningún caso o desempeño dun posto de traballo.

Os/as funcionarios/as en prácticas estarán baixo a dependencia da Subdirección Xeral de Orzamentos da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, e da Xefatura da Área de Colaboración Social, Información e Asistencia da Axencia Tributaria de Galicia.

Cuarto. Duración e xornada de traballo

O período de prácticas comezará o día 24 de abril de 2017 e rematará o día 23 de xuño de 2017.

Desenvolverase de luns a venres co horario laboral xeral para o persoal da Administración da Xunta de Galicia (das 7.45 ás 15.15 horas).

Quinto. Sistema de cualificación

Unha vez rematado o período de prácticas, os/as funcionarios/as baixo cuxa dependencia prestaron servizo remitiranlle á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio un informe en que manifesten expresamente se os/as funcionarios/as en prácticas cumpriron ou non satisfactoriamente coas tarefas encomendadas.

A declaración definitiva de apto/a ou non apto/a competerá ao tribunal cualificador da oposición, logo de informe proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

Para a avaliación dos/das funcionarios/as en prácticas é preciso que estes presten servizo polo menos o 90 % da duración total das prácticas. No caso de que non sexa posible por causa de forza maior debidamente xustificada, quedarán dispensados/as de facelo, logo de solicitude do/da interesado/a, mediante resolución da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio. Quedarán obrigados/as a realizar o período de prácticas coa promoción inmediatamente posterior ao momento de desaparición da causa impeditiva, coa prelación que lles corresponda atendendo á puntuación obtida na fase de oposición.

Sexto. Non superación do período de prácticas

Os/as aspirantes que non superen o período de prácticas perderán todos os seus dereitos para o nomeamento como funcionarios/as de carreira, mediante resolución motivada da Consellería de Facenda por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e logo do informe favorable da Comisión de Persoal.

Sétimo. Situación durante o período de prácticas

Durante o período de prácticas, os/as aspirantes serán nomeados/as funcionarios/as en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e demais disposicións de aplicación.

Oitavo. Réxime disciplinario

Os/as funcionarios/as en prácticas estarán sometidos/as ao disposto no Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado mediante o Decreto 94/1991, do 20 de marzo, nos termos establecidos no seu artigo 1.1.

Noveno

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase recorrer potestativamente en reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou impugnala directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2017

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda