Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2017 Páx. 15279

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 17 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases de subvencións a festivais de artes escénicas e de música, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 339832.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Persoas físicas e xurídicas de carácter privado domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

Segundo. Finalidade

A concesión de axudas, polo procedemento de concorrencia competitiva, aos organizadores de festivais de música ou de artes escénicas celebrados en Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Celebración: o festival debe levarse a cabo entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017. Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro que desenvolvan a maioría das actividades neste período.

b) Antigüidade: o festival ten que ter realizado un mínimo de dúas edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.

c) Contratación artística: o festival ten que ter un orzamento mínimo de contratación artística do 40 % do orzamento subvencionable, para a modalidade A (festivais de música), e un 30 % do orzamento subvencionable para a modalidade B (festivais de artes escénicas).

d) Programación: o festival debe ofrecer un mínimo de seis compañías ou grupos.

e) Presenza de compañías galegas: só para a modalidade B (festivais de artes escénicas), as formacións ou compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia teñen que representar, como mínimo, o 20 % do orzamento de contratación profesional artística do festival ou un mínimo do 30 % do total das actuacións profesionais artísticas que se ofrezan. Quedan excluídos do cumprimento deste requisito os festivais presentados á modalidade A (festivais de música).

f) Entradas de pago: polo menos un 50 % dos concertos ou representacións escénicas teñen que ser con entradas de pago, excepto os festivais de artes escénicas de rúa.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 17 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases de subvencións a festivais de artes escénicas e de música, e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Destínase un total de 390.000 euros, dos cales 220.000 euros son para a modalidade A: festivais de música, e 170.000 euros para a modalidade B: festivais de artes escénicas, das aplicacións orzamentarias seguintes: 10.A1.432B.460.0, 130.000 euros, 10.A1.432B.470.0, 130.000 euros, e 10.A1.432B.481.0, 130.000 euros, dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para o ano 2017.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais