Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2017 Páx. 14532

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2017 pola que se delegan competencias atribuídas á persoa titular da Presidencia desta entidade.

A actividade administrativa da axencia Instituto Enerxético de Galicia comporta unha concentración de funcións arredor do titular da Presidencia que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias noutros órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e unha maior fluidez na tramitación dos diferentes procedementos administrativos co obxecto de lograr unha maior axilidade, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Unha vez vistas as competencias, funcións e facultades atribuídas ao titular da Presidencia no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia, e considerando o disposto no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como o establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Delegar na persoa titular da Dirección da axencia as seguintes competencias:

a) Subscribir contratos, convenios de colaboración, acordos e outros instrumentos xurídicos que poidan xerar compromisos ou obrigas para a axencia.

b) Calquera outra non atribuída de xeito expreso polo estatuto da axencia e demais normas que resulten de aplicación.

Segundo. Réxime xurídico da delegación de competencias

Os actos e resolucións administrativas ditados por delegación farán constar esta circunstancia, con referencia ao número e a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditados polo órgano delegante.

En todo caso, quedan excluídos da delegación contida nesta resolución os supostos previstos en el artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia, e no artigo 9.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Terceiro. Revogación

A persoa titular da Presidencia poderá reclamar, en calquera momento, o exercicio das competencias que son delegadas por esta resolución.

Cuarto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2017

Francisco Conde López
Presidente da axencia Instituto Enerxético de Galicia