Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2017 Páx. 14503

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de marzo de 2017 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Santa María Nai e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Santa María Nai, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data 13 de febreiro de 2017 tivo entrada na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Santa María Nai, adoptado polo padroado o 21 de decembro de 2016.

Segundo. A fundación foi constituída mediante escritura pública do 4 de marzo de 2005 outorgada ante o notario de Ourense, Alejo Calatayud Sempere, co número 843 do seu protocolo. Por Orde do 13 de maio de 2005 (BOE núm. 139, do 11 de xuño) foi inscrita inicialmente no Rexistro de Fundacións do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Por escritura pública do 3 de xullo de 2013 outorgada ante o notario Vicente Martorell García, co número 163 do seu protocolo levouse a cabo a modificación do artigo 1.3 dos seus estatutos no referente ao ámbito territorial da fundación, que pasa a ser na Comunidade Autónoma de Galicia. O 31 de xullo de 2013 o Rexistro de Fundacións do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte solicita o traslado do expediente e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. A Fundación Santa María Nai foi clasificada de interese cultural por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 12 de novembro de 2013 (DOG núm. 231, do 3 de decembro) e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 14 de xaneiro de 2014 (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro) figurando inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2014/2.

Terceiro. De acordo co artigo 5 dos seus estatutos (que foron elevados a público o 17 de abril de 2013 ante o notario de Ourense, Daniel Balboa Fernández, co número de protocolo 619), os fins da fundación son: a contribución ás tarefas de evanxelización, na que ocupa un lugar preferente o labor docente orientado a impulsar a actividade cristiá das persoas; a conservación, protección e ordenación do medio ambiente; a recuperación, mantemento e sostenibilidade de actividades agropecuarias; a conservación, recuperación e manexo do patrimonio natural e cultural mediante a adquisición, estudo e xestión de terreos, paraxes, xardíns e lugares; o desenvolvemento rural a través da integración do turismo en zonas rurais; a conservación, restauración e revalorización da riqueza patrimonial, arqueolóxica e monumental da igrexa; todo isto perseguindo o progreso cristián, social, económico e cultural da comunidade cristiá en Ourense.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 31 de decembro de 2016, adoptou o acordo de extinción da fundación pola acumulación de perdas que deixan o patrimonio neto negativo, sen posibilidade do seu reequilibrio, imposibilitando a realización dos fins fundacionais.

No expediente tramitado para o efecto, consta a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

c) As contas da fundación na data de adopción do acordo.

d) Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

e) Informe-proposta do protectorado.

Consideracións legais:

Primeiro. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é competente para o exercicio das funcións de protectorado sobre a Fundación Santa María Nai, de conformidade co establecido no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O devandito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, sendo aprobado polo padroado na súa reunión do 31 de decembro de 2016. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Cuarto. En exercicio da facultade prevista no artigo 37 dos seus estatutos, o padroado da fundación acorda que os bens e dereitos resultantes da liquidación sexan destinados ao Bispado de Ourense.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Santa María Nai, adoptado polo padroado da fundación na súa reunión do 31 de decembro de 2016.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Declarar como destinatario dos bens e dereitos resultantes da liquidación o Bispado de Ourense.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2017

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
P.D. (Orde do 25.1.2012; DOG núm. 27, do 8 de febreiro)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria