Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 21 de marzo de 2017 Páx. 13574

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2017 pola que se convoca o curso monográfico Desafío 2020: os novos retos da Administración na segunda década do século XXI.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2017 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase o curso monográfico Desafío 2020: os novos retos da Administración na segunda década do século XXI, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Nunha contorna cambiante chea de desafíos, a Administración pública e os seus principais valores, o persoal que nela traballa, deben adaptarse á nova realidade social. O obxectivo deste curso monográfico é axudarlles a anticipar eses cambios coa vista posta no ano 2020, que marcará o inicio da segunda década do século XXI, a que moitos coinciden en chamar «a década paradigmática» polo cambio de paradigma que representará.

Neste novo contexto de necesaria renovación, as administracións e o seu persoal deberán optimizar a súa solvencia económica, técnica e profesional; mellorar a súa resonancia como elementos identitarios de referencia; incrementar os seus niveis de integración no espazo global a que pertencen; avanzar en transparencia e axustar as súas dimensións; aumentar a eficiencia de todos os seus recursos, en especial a excelencia dos seus valores humanos; expoñerse dunha maneira máis próxima e comprensible á cidadanía, convertendo a comunicación e a oratoria en dúas das súas ferramentas esenciais; tomar conciencia do seu papel social e representalo con motivación, e interactuar con suficiencia na contorna dixital.

Solvencia, resonancia, integración, transparencia, eficiencia, excelencia, comunicación, oratoria, motivación e interacción, dez eixes vertebradores esenciais para que a Administración afronte con éxito o reto do ano 2020.

2. Contidos.

Neste curso monográfico trataranse, entre outros, os seguintes temas:

– Ser funcionario, ser diferente.

– Funcionario: marca persoal.

– Un concello de Europa.

– Integración e integridade municipal.

– O funcionario excelente.

– A comunicación dun concello.

– O funcionario orador.

– Redes de desenvolvemento local.

3. Destinatarios.

O curso diríxese aos empregados das administracións públicas de Galicia, preferentemente da Administración local, e ao persoal da Administración institucional e dos entes instrumentais do sector público de Galicia.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 4 e 5 de abril de 2017.

Horario: día 4 de abril, en horario de mañá e tarde; día 5 de abril, en horario de mañá.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 31 de marzo de 2017.

Agás os empregados que pertenzan á Administración autonómica e á Administración de xustiza, todos os solicitantes, unha vez formalizada a súa inscrición, deberán enviar un correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, achegando a certificación acreditativa da súa condición de empregado público e da Administración e do grupo a que pertencen. Serán excluídas aquelas solicitudes que non xunten a devandita certificación ou que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, 31 de marzo de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

7. Criterios de admisión.

Darase preferencia na selección aos empregados da Administración local de Galicia. A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de admitidos.

A listaxe de seleccionados publicarase na epígrafe deste curso monográfico da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/).

9. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

10. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública