Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2017 Páx. 12759

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 9 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativa ao Plan Renove de instalacións eléctricas comúns, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2017 (códigos de procedemento IN412E-IN412F).

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia no seu artigo 28.3 o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación estatal respecto do réxime enerxético.

O Decreto 146/2016, do 13 de novembro, modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, na cal se inclúe, tal e como se indica no artigo 1, a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Por outra banda, o artigo 1 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da antiga Consellería de Economía, Emprego e Industria dispón que esta é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións no ámbito, entre outros, da enerxía, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia.

A enerxía é un ben imprescindible para o desenvolvemento socioeconómico e para o benestar persoal e colectivo dos cidadáns. A planificación enerxética da Comunidade Autónoma de Galicia ten como obxectivos garantir a cobertura das necesidades enerxéticas e da calidade da subministración eléctrica, e constitúe un dos seus piares básicos o fomento do aforro enerxético nos diversos sectores económicos e sociais.

A preservación da seguridade dos cidadáns na utilización da enerxía a través das instalacións de enlace e receptoras, que son de propiedade dos particulares, é tamén un obxectivo de carácter prioritario. Unha elevada porcentaxe do parque de predios destinados principalmente a vivendas teñen instalacións eléctricas de enlace dunha antigüidade maior de 25 anos. É por iso conveniente acometer unha importante renovación das instalacións eléctricas de enlace existentes coa finalidade de mellorar substancialmente as condicións de seguridade, favorecendo, así mesmo, a posibilidade de incorporar medidas de aforro no sector doméstico, o cal é responsable de mais do 20 % do consumo de enerxía eléctrica da comunidade.

De acordo co anterior, a Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, CEEI), a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (en diante, DXEM), acorda realizar unha convocatoria de axudas para a renovación de instalacións eléctricas comúns en edificios de vivendas (Plan Renove de instalacións eléctricas comúns).

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen no anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da CEEI para incentivar a renovación das instalacións eléctricas comúns en edificios de vivendas, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2017.

Artigo 2. Financiamento

1. Na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 está consignado crédito por importe de 800.000 euros na aplicación orzamentaria 09.20.733A.780.1 para atender as axudas da presente orde.

A procedencia dos fondos correspondentes ás achegas concedidas pola CEEI para 2017 nesta aplicación é de fondos propios.

2. A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no Diario Oficial de Galicia e tamén na páxina web da DXEM a dita circunstancia, o que comportará a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas informará as entidades colaboradoras adheridas, mediante un anuncio inserido na súa páxina web, da data en que finalicen os fondos asignados para este programa de axudas.

Artigo 3. Solicitudes

1. As entidades colaboradoras do Plan Renove de instalacións eléctricas comúns son as encargadas de tramitar a solicitude (facer a reserva dos fondos, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).

2. Para poder actuar como entidade colaboradora do Plan Renove de instalacións eléctricas comúns 2017 deberá presentar a solicitude de adhesión axustada ao modelo de formulario normalizado, que se inclúe como anexo II desta orde.

3. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo de formulario normalizado que se inclúe como anexo IV desta orde, a través das entidades colaboradoras que se adherisen ao Plan Renove de instalacións eléctricas comúns, indicadas no primeiro parágrafo deste artigo.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación de solicitudes e de xustificación

1. As solicitudes, tanto de adhesión das entidades colaboradoras ao plan (procedemento IN412E), como as solicitudes de axuda (procedemento IN412F) deberán presentalas as entidades colaboradoras exclusivamente por vía electrónica, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde as páxinas web https://entidadescolaboradoras.xunta.gal/electricas e http://planrenoveinstalacionselectricas.xunta.gal, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 39/2016, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión de entidades colaboradoras será de 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (código de procedemento IN412E).

3. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día 2 de maio de 2017 e finalizará o 1 de setembro de 2017, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web da DXEM e no Diario Oficial de Galicia (código de procedemento IN412F).

4. O prazo para xustificar o investimento rematará o 29 de setembro de 2017.

Artigo 5. Comunicación á base de datos nacional de subvencións (BDNS)

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 6. Información aos interesados

1. Sobre estes procedementos administrativos, que teñen os códigos IN412E-IN412F, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na DXEM, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: http://economiaeindustria.xunta.gal

b) Os teléfonos da devandita dirección xeral: 881 99 94 29/881 99 92 83/981 95 72 51.

c) O enderezo electrónico: ceei.dxem.axudasenerxia@xunta.gal

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director xeral de Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativa ao Plan Renove de instalacións eléctricas comúns, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria destinadas á renovación de instalacións eléctricas comúns en edificios de vivendas, co fin de mellorar as súas condicións de seguridade e favorecer a incorporación de medidas de eficiencia enerxética, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión (procedementos IN412E-entidades colaboradoras e IN412F-solicitudes de axuda).

Artigo 2. Réxime das subvencións

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

Artigo 3. Actuacións, gastos subvencionables e contía das axudas

1. Será subvencionable a reforma das instalacións eléctricas comúns dos edificios de máis de 25 anos destinados principalmente a vivendas para adaptalas na súa totalidade ao Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas ITC.

Isto inclúe a reforma das instalacións de enlace (desde a caixa xeral de protección, ou caixas xerais de protección, incluídas estas, ata os cadros xerais das instalacións receptoras dos usuarios), a toma de terra, o cadro de servizos comúns, as portas RF e as instalacións correspondentes aos servizos xerais do edificio.

Considérase subvencionable a substitución de chaves e interruptores convencionais por detectores de presenza.

Considéranse tamén custos subvencionables os relativos á pequenas obras auxiliares de construción necesarias para acometer a instalación, sempre e cando veña detallado na factura.

2. Non son subvencionables os contadores. Tampouco as luminarias, lámpadas ou equipamentos que non formen parte da instalación de alimentación eléctrica (ascensores, bombas, equipamentos de calor/frío, etc.).

En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos a actuacións que xa fosen obxecto de subvención noutras convocatorias de axudas.

3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

4. Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos e custos financeiros que sexan consecuencia do investimento.

b) Os gastos realizados en bens usados.

5. O IVE (imposto sobre o valor engadido) será subvencionable para os particulares, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas, para o que será necesario realizar unha declaración responsable (opción establecida na solicitude-anexo IV) indicando que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional ou, en caso de ser Administración pública, que non pode repercutir o IVE.

6. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día seguinte da reserva de fondos e o derradeiro día do prazo de xustificación.

7. As reformas das instalacións eléctricas que se realicen deben cumprir coas seguintes condicións:

– Realizarse no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Os edificios estarán destinadas principalmente a vivendas e dispor de máis de dúas subministracións destinadas a esta finalidade.

– Tratarse de instalacións de titularidade de comunidades de propietarios ou predios de propiedade de particulares.

– As instalacións deberán quedar adaptadas na súa totalidade ao Real Decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas ITC.

– Os aparellos que sexa preciso instalar deberán ser novos e cumprir coa lexislación que lles sexa de aplicación (marcación CE, etc.).

8. A contía da axuda ascenderá a un máximo de 150 euros por contador, cun límite máximo de 3.000 euros por instalación. En calquera caso, a cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25 % do custo total da instalación.

Só se admitirá unha solicitude de axuda por solicitante.

9. As subvencións que se outorguen ao abeiro destas bases serán compatibles con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Non obstante, o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou doutros organismos internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

10. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á DXEM tan axiña como o interesado teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado.

11. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 18 destas bases reguladoras.

Artigo 4. Vixencia do plan

O Plan entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria e rematará o último día do prazo para facer solicitudes establecido nela.

Artigo 5. Entidades colaboradoras

1. As entidades colaboradoras actuarán de enlace entre os solicitantes das axudas e a DXEM. Serán as encargadas da venda, da promoción, da substitución e da instalación dos equipamentos indicados no artigo 3.

Na súa relación coa DXEM, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

a) Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda.

b) Realización ante a DXEM dos trámites para solicitar a axuda.

c) Desenvolvemento das accións vinculadas ao plan.

d) Xustificación da axuda e a súa certificación ante a DXEM.

2. Para os efectos desta orde, poderán ser entidades colaboradoras as empresas instaladoras de baixa tensión habilitadas que estean inscritas no Rexistro Integrado Industrial do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e a DXEM. As características técnicas exixibles poderán consultarse na páxina web da DXEM (www.xunta.gal).

3. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten nos prazos que se indican no artigo 6.

4. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas das sinaladas no punto 2 deste artigo, nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

5. As entidades colaboradoras seleccionaranse de acordo co procedemento que se establece no artigo 6 destas bases, con suxeición á normativa que resulte de aplicación.

De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e a CEEI, en que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, que figuran no anexo III desta orde. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

6. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de inspección e control que a CEEI poida efectuar respecto á xestión destas axudas, e que permitan a xustificación financeira perante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Contas, así como as comprobacións previstas na lexislación do Consello de Contas, de acordo co establecido na alínea d) do artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Dar a adecuada publicidade do carácter público do cofinanciamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento pola Xunta de Galicia a través da CEEI.

d) Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión, e deberán restituír as cantidades percibidas nos casos en que concorra causa de reintegro.

e) Dispor dos medios técnicos axeitados para a tramitación da devandita orde.

7. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

b) Realizar a instalación antes do derradeiro día do prazo para a xustificación establecido na convocatoria.

c) Aplicar os descontos correspondentes á subvención conforme o establecido nas bases.

d) Facilitar canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.

e) Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do plan, en particular coa normativa técnica de aplicación ás instalacións eléctricas.

8. As entidades colaboradoras adheridas xestionarán estas axudas cumprindo cos principios dispostos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Adhesión de entidades colaboradoras

1. Solicitude

As entidades colaboradoras interesadas deberán cubrir a solicitude de adhesión (anexo II-procedemento IN412E) e o convenio de colaboración (anexo III) de forma exclusivamente electrónica, a través da aplicación informática habilitada para tal efecto accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde as páxinas web: https://entidadescolaboradoras.xunta.gal/electricas e http://planrenoveinstalacionselectricas.xunta.gal

A entidade colaboradora recibirá no enderezo de correo electrónico facilitado para o contacto un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para facer as reservas de fondos e para ver o estado da solicitude.

A entidade colaboradora debera remitir xunto coa solicitude e o convenio de colaboración, debidamente asinados polo representante legal, e por vía exclusivamente electrónica, a través da aplicación informática habilitada para tal efecto, a seguinte documentación complementaria:

1º. Copia do documento acreditativo do poder suficiente do representante legal da entidade.

2º. Copia do NIF da entidade colaboradora, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

3º. Copia do DNI/NIE da persoa solicitante ou representante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

4º. Certificacións de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

Esta documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal ou copia compulsada/auténtica. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 27 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

2. Prazo de presentación das solicitudes de adhesión.

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión de entidades colaboradoras será o establecido na orde de convocatoria.

3. Emenda.

a) De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos exixidos, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.

b) Igual requirimento efectuará a DXEM no suposto de resultado negativo da consulta cos organismos seguintes: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Consellería de Facenda, Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos, así como na verificación do NIF.

c) De conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e segundo o establecido no artigo 5 en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 43 da da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

d) A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:

1º. Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que informará da posta á disposición do requirimento.

2º. Pode acceder ao citado requirimento no taboleiro dispoñible na aplicación co seu usuario e contrasinal.

e) A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Instrución do procedemento e audiencia.

a) Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de 10 días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

b) Poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

5. Competencia.

É competente para a instrución do procedemento de selección de entidades colaboradoras a DXEM e, para a súa resolución, o conselleiro da CEEI.

6. Resolución.

a) O prazo máximo para resolver sobre as adhesións é de 15 días hábiles, contados desde o día en que remata o prazo para solicitar a adhesión. Pasado o devandito prazo, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

b) Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos ao Plan Renove de instalacións eléctricas comúns.

c) O convenio de colaboración asinado pola CEEI remitiráselle a entidade colaboradora unha vez resolta a solicitude de adhesión.

7. Notificación das resolucións.

a) Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) De conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e segundo o establecido no artigo 2 en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 43 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

c) A devandita adhesión será notificada a través da aplicación informática establecendo a seguinte mensaxe: entidade colaboradora adherida.

d) Na páxina web da DXEM (www.xunta.gal) poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao plan.

e) Ademais, a adhesión destas entidades colaboradoras será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

8. Réxime de recursos.

a) As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, poderá interporse recurso de reposición ante a CEEI no prazo dun mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, segundo o establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 7. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións as comunidades de propietarios ou persoas físicas propietarias de edificios de uso residencial con dúas ou máis vivendas.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Os beneficiarios obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida pola DXEM no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Artigo 8. Obrigas

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as seguintes:

a) As descritas no artigo 5, letras a), b), c) e d), obrigas comúns ás entidades colaboradoras.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

c) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

d) Presentar ante a entidade colaboradora, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, declaración de que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

e) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data de xustificación establecida na orde da convocatoria. O pagamento corresponderá ao investimento total da renovación descontando a axuda outorgada pola CEEI. Este pagamento debe estar debidamente xustificado mediante xustificante bancario, tal e como establece o artigo 20.3 destas bases.

f) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse coa solicitude de subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención, así como colaborar e achegar a documentación á entidade colaboradora.

h) Xustificar, no prazo establecido na convocatoria, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

i) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que podan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

j) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

k) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

l) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Autorizacións e consentimentos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. Atendendo ao disposto no artigo 20.4 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 10. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da CEEI. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da CEEI, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Artigo 11. Presentación de solicitudes

1. As entidades colaboradoras do Plan Renove de instalacións eléctricas comúns son as encargadas de tramitar o procedemento (facer a reserva dos fondos e presentar a solicitude, así como presentar a documentación xustificativa da actuación).

2. As persoas interesadas dirixiranse a unha entidade colaboradora e aceptarán unha instalación que cumpra os requisitos mínimos exixidos no artigo 3 destas bases.

Na páxina web da DXEM (www.xunta.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras do Plan Renove de instalacións eléctricas comúns.

3. Unha vez aceptada a instalación, a entidade colaboradora terá que:

a) Comprobar que o comprador cumpre cos requisitos establecidos no artigo 7 para poder ser beneficiario da axuda.

b) Cubrir a solicitude de axuda, mediante o formulario normalizado (anexo IV-procedemento IN412F), para este comprador, mediante a aplicación informática habilitada para o efecto e accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben desde a páxina web da DXEM (www.xunta.gal). A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario por duplicado.

4. Unha vez xerada a solicitude, e sempre e cando existan fondos dispoñibles, a aplicación informática reflicte o estado de «Reservada» o que significa que existen fondos reservados, indicando a contía da axuda reservada. No caso de cometer algún erro ao cubrir a solicitude, pode borrala e cubrila de novo sempre e cando existan fondos. Do mesmo xeito, a entidade colaboradora poderá rectificar a solicitude no caso de comisión dalgún erro na descrición das instalacións de tipo aritmético ou tipográfico, accedendo á aplicación informática durante os 5 días hábiles seguintes á data de xeración da solicitude a través da aplicación informática habilitada para o efecto e sempre e cando, coa corrección do erro, a contía reservada sexa a mesma ou diminúa.

5. As entidades colaboradoras accederán á aplicación informática co usuario e o contrasinal proporcionados na adhesión. Só será posible unha conexión con cada usuario e contrasinal.

6. A aplicación informática informará en tempo real sobre os fondos económicos dispoñibles.

7. Co obxecto de executar o máximo orzamento, unha vez que a cantidade reservada sexa equivalente á cantidade máxima destinada a esta convocatoria, poderá seguir cubrindo formularios de solicitude de axuda ata un máximo de 100.000 euros. Estas solicitudes aparecerán na listaxe como «lista de espera (núm. Lista de espera)» e, de ser o caso, no momento en que se liberen fondos como consecuencia da cancelación de actuacións reservadas, pasarán ao estado de «reservadas».

8. A solicitude (anexo IV), unha vez cuberta e xerada pola entidade colaboradora, imprímese por duplicado desde a aplicación informática, e un exemplar é para o solicitante e outro para a entidade colaboradora. Tanto o comprador como a entidade colaboradora asinarán os exemplares dando a súa conformidade.

9. A entidade colaboradora presentará por vía exclusivamente electrónica a solicitude de axuda, a través da aplicación informática habilitada para tal efecto, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben desde a páxina web da DXEM (www.xunta.gal). As solicitudes xeradas, en estado «Reservada» e non presentadas, dentro dos 5 días hábiles desde a data de xeración da solicitude, quedarán sen efecto e procederase á súa cancelación na aplicación informática, e anularase esta reserva de fondos.

10. Co envío da solicitude, deberá incluírse dixitalmente a documentación complementaria seguinte en formato pdf cun tamaño máximo por arquivo individual de 4 MB:

a) Solicitude do beneficiario asinada (anexo IV).

b) Autorización para representación pola entidade colaboradora segundo o anexo VI.

c) Fotografías da instalación que se vai reformar.

d) Orzamento detallado da instalación (só das actuacións subvencionables).

e) Cando resulte de aplicación, segundo o indicado no punto f) do artigo 8, copia das tres ofertas solicitadas e, en caso de non se optar pola máis vantaxosa, memoria xustificativa da elección. No caso de non presentar as ofertas por concorrer algunha das circunstancias indicadas na citada base, deberá indicar o motivo.

f) No suposto de que o solicitante sexa unha persoa física:

1º. Copia do DNI/NIE, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

2º. Documentación acreditativa da propiedade ou recibo do imposto de bens inmobles (IBI) a nome do solicitante.

g) No suposto de que o solicitante sexa unha agrupación de persoas físicas, o representante deberá asinar a solicitude e achegar a seguinte documentación:

1º. Copia do DNI/NIE dos solicitantes, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

2º. Documentación acreditativa da propiedade ou recibo do imposto de bens inmobles (IBI).

3º. Copia do documento que acredite a constitución da agrupación.

4º. Copia do nomeamento do representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

5º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos, así como o importe da subvención que se aplicará a cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios (anexo V).

Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de que unha comunidade de veciños sexa a solicitante, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o/a presidente/a desempeñará a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación, para isto deberá presentar:

1º. Copia do NIF da comunidade de propietarios, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

2º. Copia da acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación de propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.

3º. Copia da certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios en que se acepten as bases da convocatoria, se comprometan á execución das respectivas obras e se faculte o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.

4º. Copia da acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este aspecto, ou certificación do administrador de predios que xestione a comunidade.

11. As solicitudes de axuda poderán efectuarse no prazo establecido no artigo 4 da convocatoria.

12. O formulario de solicitude estará dispoñible na aplicación informática a partir das 9.00 horas do día indicado para a presentación das solicitudes e permanecerá aberto ata as 14.00 horas do prazo de xustificación considerando as circunstancias orzamentarias recollidas anteriormente.

13. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal ou copia compulsada/auténtica. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 27 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 22 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. Emenda.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos exixidos, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.

De conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e segundo o establecido no artigo 5 en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 43 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:

a) Enviaráselle á entidade colaboradora, ao enderezo de correo electrónico que facilitase esta na adhesión, un aviso que informará da posta á disposición do requirimento.

b) Pode acceder ao citado requirimento no taboleiro dispoñible na aplicación co seu usuario e contrasinal.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Concesión.

A concesión das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde da data da solicitude efectuada na aplicación informática, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

As reservas que están na listaxe de espera serán atendidas co crédito que quede libre se se produce algunha cancelación ou modificación das actuacións reservadas.

Unha vez que os fondos reservados acaden a contía máxima destinada a esta convocatoria, se un solicitante renuncia aos fondos reservados da súa solicitude, a entidade colaboradora deberá enviar un escrito asinado por esta e polo solicitante comunicando este feito, para o efecto da cancelación desa reserva e liberar os créditos correspondentes.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución de concesión e a proposta do pagamento de obrigas e solicitar da Consellería de Facenda o seu pagamento.

2. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano encargado, á vista das solicitudes, de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados. Para isto desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

Artigo 14. Audiencia

1. Instruído o procedemento e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 15. Prazo máximo de resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco (5) meses contados desde a data da solicitude na aplicación informática. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Resolución e notificación das resolucións

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria.

2. Á vista da proposta formulada pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas, e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, de non ser tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación que serán motivadas, de acordo cos criterios establecidos na presente orde.

3. As notificacións realizaranse ás entidades colaboradoras e estas terán a obriga de notificar aos beneficiarios das axudas.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo con su normativa específica, se produza o acto presunto, segundo o establecido na Lei de procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tiveran lugar con posterioridade a esta.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 13.

Artigo 19. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 20. Xustificación da actuación

1. No prazo máximo de xustificación establecido na convocatoria, a entidade colaboradora ten que realizar a obra e presentar a documentación xustificativa da actuación que se indica neste artigo.

2. A entidade colaboradora adherida cobrará o prezo resultante de restarlle ao prezo do actuación subvencionable (IVE incluído) o desconto da axuda establecida no artigo 3, tal e como se especifica na solicitude (anexo IV).

3. A entidade colaboradora ten que remitir á DXEM, por vía exclusivamente electrónica, a través da aplicación informática habilitada para tal efecto a documentación xustificativa que se indica, en formato pdf cun tamaño máximo por arquivo individual de 4 MB:

a) Certificado de instalación eléctrica (CIE) dilixenciado pola oficina virtual de industria (OVI).

b) Factura xustificativa, que debe reflectir con claridade os seguintes datos:

1º. Data de emisión.

2º. Nome e o DNI/NIE/CIF do beneficiario.

3º. Enderezo onde se realiza a obra.

4º. Descrición da instalación acorde coa solicitude (número de contadores, potencia...).

5º. Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

6º. Desconto do Plan Renove instalacións eléctricas comúns da DXEM.

7º. Total que ten que pagar o beneficiario (o total menos o desconto do plan).

A factura deberá estar asinada pola entidade colaboradora. Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.

c) Xustificante bancario do pagamento realizado polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo por portelo ou certificación bancaria) en que conste a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación da persoa, empresa ou entidade que recibe o pagamento, e o concepto do pagamento e factura. No caso da banca electrónica deberá vir selado pola entidade financeira.

d) Ademais, no mesmo prazo de xustificación deberá subirse á aplicación informática un documento que recolla as fotografías da instalación renovada, antes e despois de levala a cabo.

e) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para as mesmas actuacións subvencionadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo VII).

f) Declaración de estar ao día no cumprimento da obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade co establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade colaboradora para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

5. De conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, utilizaranse medios electrónicos para a notificación da emenda, de xeito que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación da emenda, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

6. A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:

a) Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que informará da posta á disposición do requirimento.

b) Pode acceder ao citado requirimento no taboleiro dispoñible na aplicación informática do plan co seu usuario e contrasinal.

Artigo 21. Pagamento ás entidades colaboradoras

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. No caso de concorrer con outras axudas, aplicarase o disposto no artigo 3 das bases reguladoras respecto ás intensidades máximas de axuda.

Artigo 22. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A CEEI reserva para si o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice a CEEI para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Se no curso destas verificacións se detectase que os beneficiarios da subvención ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas no Plan Renove de instalacións eléctricas comúns, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, a obriga de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

5. Cando se realizasen descontos por parte dos instaladores adheridos en concepto de axuda obxecto deste plan a titulares dunha solicitude e a CEEI comprobase posteriormente que non se cumpriron as condicións establecidas para recibir a devandita axuda por parte dos beneficiarios ou, de ser o caso, que houbo incumprimentos por algunha entidade colaboradora das bases da convocatoria, a entidade asumirá os devanditos descontos e non llos poderá reclamar á CEEI.

Ademais, o incumprimento por parte dunha entidade colaboradora adherida consistente en aprazar o pagamento da axuda ao cliente final ata despois de que a consellería competente en materia de facenda llo ingrese a el, en lugar de descontalo no momento do pagamento, suporá o incumprimento destas bases coas consecuencias previstas neste artigo.

6. Efectuado o pagamento das subvencións pola consellería competente en materia de facenda, o incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes. Cando o incumprimento das obrigas sexa imputable á entidade colaboradora, esta asumirá o desconto e non poderá reclamar contra a CEEI. Naqueles supostos en que o beneficiario sexa o responsable do incumprimento das obrigas o reintegro da axuda será responsabilidade deste último.

7. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento.

8. Ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios da subvención reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Control

1. A CEEI poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución de concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación de norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia que poderá ser substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da CEEI.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como no resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file