Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 8 de marzo de 2017 Páx. 11800

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Servizos Sociais

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2017 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta axencia para o curso 2017/18.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6, como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Socias e se aproban os seus estatutos, establece na súa disposición adicional primeira que esta asumirá desde a súa posta en funcionamento as competencias atribuídas en materia de xestión de escolas infantís á Dirección Xeral de Familia e Inclusión. A nova entidade subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das súas competencias.

Na súa disposición transitoria primeira, o dito decreto establece, non obstante, que a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión desenvolverá, transitoriamente e pola súa propia condición, as funcións que corresponden ao/á director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais ata o nomeamento deste/a a través do procedemento recollido nestes estatutos.

Así mesmo, na mesma disposición establécese que a través das xefaturas territoriais se poderán seguir realizando os labores de apoio para a xestión dos centros da Axencia Galega de Servizos Sociais no seu ámbito territorial, ata que esta dispoña de servizos propios para alcanzar a súa autonomía.

Por último, o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúe á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

En consecuencia, de conformidade co Decreto 40/2014, do 20 de marzo,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais para o curso 2017/18 (código BS402A para solicitudes de novo ingreso e código BS402F para solicitudes de renovación).

Artigo 2. Requisitos para ser adxudicatario/a

1. Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicatario/a de praza nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais:

a) Que o neno ou a nena xa nacese no momento de presentación da solicitude e teña a súa residencia en Galicia.

b) Que teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso na escola infantil en que obteña praza e non teña cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2017. Non obstante o anterior, poderanse eximir do límite de idade dos 3 anos os nenos e as nenas con necesidades específicas de apoio educativo, de acordo coa normativa vixente.

c) Respecto daquelas familias que xa escolarizasen un fillo ou filla no mesmo centro ou en calquera outro centro da rede, estar ao día no pagamento das cotas polos servizos recibidos na data de presentación da solicitude, tanto nos supostos de renovación de praza como de novo ingreso.

Artigo 3. Orde de adxudicación das prazas

1. Procedemento ordinario.

As prazas adxudicaranse pola seguinte orde:

a) Solicitudes de renovación de praza.

As nenas e os nenos escolarizados durante o curso 2016/17 en calquera das escolas infantís obxecto desta resolución terán dereito á renovación automática da súa praza na quenda en que estivesen escolarizadas/os, sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2.

Naqueles centros en que, por carecer de demanda suficiente se reduzan os horarios, o alumnado con dereito á renovación de praza en xornada de tarde poderá renovala para o mesmo centro en xornada de mañá.

b) Solicitudes de traslado de centro.

As familias cun neno/a escolarizado/a nunha escola infantil da Administración autonómica no curso 2016/17 que xustifiquen un cambio de domicilio e/ou de lugar de traballo terán dereito preferente a unha praza no centro que soliciten sempre que, unha vez rematado o proceso de renovación de praza do alumnado da propia escola, existan prazas suficientes.

c) Solicitudes de novo ingreso.

As solicitudes de novo ingreso seguirán a seguinte orde de adxudicación:

1º. As dos fillos e as fillas do persoal que preste servizo nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, cando soliciten a praza para o centro onde presta servizo a nai/ pai, a persoa acolledora ou o titor/a legal.

2º. As de nenas/os con irmán ou irmá con praza no centro para o que solicitan a praza, renovada ou de novo ingreso.

3º. As de menores con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar.

4º. As prazas que queden vacantes adxudicaranse segundo a puntuación obtida pola aplicación do baremo que figura no anexo V.

2. Procedemento extraordinario.

a) Solicitudes de ingreso urxente.

Reservarase un 5 % das prazas de cada centro para os seguintes ingresos, que se consideran urxentes:

1º. Os de menores tutelados/as ou en situación de garda pola Consellería de Política Social.

2º. Os de fillos/as das mulleres que se atopen nunha casa de acollida e/ou sexan vítimas de violencia de xénero.

3º. Aqueloutros en que concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata.

b) Solicitudes presentadas fóra de prazo.

Admitiranse, con carácter excepcional, as solicitudes presentadas fóra do prazo establecido no punto 3 do artigo 10 que se atopen nos seguintes casos:

1º. Nacemento, acollemento ou adopción do neno ou da nena con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

2º. Cambio de concello de residencia ou de traballo da unidade familiar.

3º. Cambio de domicilio ou lugar de traballo da unidade familiar dentro do mesmo concello.

4º. Outras circunstancias que motivadamente aprecien as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

Estas solicitudes deberán ir xunto coa documentación acreditativa da circunstancia que motiva a súa presentación fóra de prazo.

Nestes supostos, a adxudicación estará condicionada á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade do neno ou da nena no centro para o cal se solicita.

As solicitudes relativas aos supostos recollidos no punto 2º e 3º con praza adxudicada nunha escola infantil da Administración autonómica, de non existir prazas vacantes, terán preferencia sobre o resto que estea en lista de espera despois de adxudicar praza ás que se atopen nos supostos recollidos nos números 1º, 2º e 3º do punto 1.c) do artigo 3 desta resolución, referido ás solicitudes de novo ingreso. De haber máis dunha solicitude nestas circunstancias, a adxudicación realizarase segundo a data de presentación en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 4. Calendario e horario de apertura das escolas

1. Calendario.

Nas escolas infantís 0-3 a que se refire esta resolución, o curso escolar dará comezo o día 5 de setembro.

Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral.

No período comprendido entre o 26 e o 30 de decembro de 2017 e os días 26, 27 e 28 de marzo de 2018, con carácter xeral, abrirá un só centro por localidade. Durante o mes de agosto abrirase igualmente un centro por localidade sempre que exista unha demanda igual ou superior a 15 alumnos/as. Nestes casos, o seu peche diario efectuarase ás 17.00 horas.

Así mesmo, durante o curso 2017/18, as escolas que permanezan abertas durante os períodos vacacionais de Nadal e Semana Santa serán as que abran no mes de agosto, agás que as ditas escolas foran obxecto dun peche temporal por obras ou por calquera outra continxencia. O alumnado doutras escolas da mesma localidade poderá ser atendido na que permaneza aberta. Nestes supostos a familia deberá xustificar con base en motivos laborais ou de saúde a necesidade de levalo ao centro durante os citados períodos.

O alumnado poderá asistir ao centro un máximo de once meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2017/18.

En casos excepcionais debidamente xustificados poderase admitir a asistencia do neno ou da nena durante os 12 meses do ano. En tales circunstancias deberase formular unha solicitude cunha antelación mínima dun mes, agás causas sobrevidas que o impidan. Esta solicitude será estudada e, se procede, autorizada pola xefatura territorial correspondente. A ausencia de resposta no prazo de 10 días suporá a desestimación da solicitude.

2. Horario.

O horario de apertura das escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais para o curso 2017/18 e a relación delas xunto cos seus enderezos pode consultarse no anexo VII desta resolución, nos taboleiros de anuncios do Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da xefatura territorial correspondente e na páxina web: http://politicasocial.xunta.gal

As persoas usuarias dentro do horario de apertura do centro poderán optar por xornada completa continuada ou por media xornada.

Enténdese por xornada completa continuada aquela que se desenvolve desde primeiras horas da mañá, abrangue as horas centrais da actividade escolar e inclúe o servizo de comedor, con independencia da potestade organizativa dos centros.

Enténdese por media xornada aquela que, cun horario máximo diario de catro horas, se desenvolve en xornada de mañá, con ou sen servizo de comedor, ou en xornada de tarde, con independencia da potestade organizativa dos centros. A media xornada de tarde, sen servizo de comedor, só se ofertará nos centros con horario ampliado ata as 20.00 horas.

Con carácter excepcional, poderán admitirse solicitudes de xornada partida cando por circunstancias familiares acreditadas documentalmente se xustifique esta necesidade.

A permanencia do alumnado no centro non poderá superar as oito horas diarias dentro da xornada pola que opte, agás cando, por circunstancias excepcionais debidamente acreditadas, teña que permanecer un tempo superior ao máximo establecido. Estes supostos serán estudados e, de ser o caso, autorizados pola xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente.

Artigo 5. Prestacións

1. As persoas usuarias poden optar por unha das seguintes modalidades do servizo:

a) Atención educativa con comedor.

b) Atención educativa sen comedor.

A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manterase durante todo o curso, salvo circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

2. O horario para o alumnado que opte pola modalidade do servizo prevista na letra b) do punto anterior será o establecido polo centro, con base nos seus criterios organizativos de funcionamento.

3. As nenas e nenos que teñan concedida praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste servizo en días soltos sempre que se solicite ante a Dirección do centro con antelación suficiente e se aboe o prezo estipulado.

Artigo 6. Prezos

1. Os prezos que deberán pagar as persoas usuarias serán os establecidos no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

2. Aboaranse once mensualidades por curso, agás nos casos establecidos no artigo 5 do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, e no artigo 4.1 desta resolución.

3. A inasistencia á escola infantil durante un determinado período non supón redución nin exención ningunha do pagamento da cota, agás nos casos establecidos no artigo 5 do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro.

Artigo 7. Regras e definicións para a determinación do importe do prezo público

Para a determinación do importe mensual do prezo público que se debe aboar polas prazas nas escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, teranse en conta as especificacións recollidas no anexo do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro. Para estes efectos, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polo/s cónxuxes ou persoas con relación análoga de afectividade e mais:

1º As fillas e os fillos menores, con excepción de quen, con consentimento da/s nai/s e/ou do/s pai/s, vivan independentes destas/es.

2º As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial, suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente en 31 de decembro do ano 2015.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais de cada un dos membros da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro e segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoa físicas (IRPF). Para estes efectos tomarase para o cálculo da cota a declaración do IRPF correspondente ao ano 2015.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a), cando forme parte dela unha única persoa proxenitora que non conviva con outra persoa con quen manteña unha relación análoga á conxugal e as fillas/os menores ao seu cargo e sempre que a outra proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Non obstante o anterior, cando as circunstancias concorrentes na data da devindicación do IRPF non coincidan coas circunstancias do momento da presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, teranse en conta estas últimas, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo e dos distintos descontos. En todo caso, estas circunstancias deberán xustificarse documentalmente no momento de presentación da solicitude.

Artigo 8. Solicitudes e documentación

1. O procedemento de solicitude de praza será o seguinte:

1.1. Renovación de praza (BS 402F).

1.1.1. Para a renovación da praza do alumnado escolarizado durante o curso 2016/17, presentarase o modelo oficial de solicitude segundo o anexo VI desta resolución, que estará dispoñible nos enderezos electrónicos https://sede.xunta.gal, http://www.politicasocial.xunta.gal, así como nas propias escolas infantís 0-3.

1.1.2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II relativo á comprobación de datos do/da cónxuxe, parella ou outros membros da unidade familiar.

b) Outros documentos que acrediten cambios de carácter socioeconómico na unidade familiar.

1.2. Novo ingreso (BS 402A).

1.2.1. As solicitudes de novo ingreso presentaranse segundo o modelo oficial establecido (anexo I desta resolución). Neste impreso poderá solicitarse praza para un máximo de dous centros, indicando a orde de preferencia.

Os impresos estarán dispoñibles nos enderezos electrónicos https://sede.xunta.gal e http://www.politicasocial.xunta.gal e facilitaranse tamén nos propios centros en que se solicite praza e nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

1.2.2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II relativo á comprobación de datos do/da cónxuxe, parella ou outros membros da unidade familiar.

b) Anexo III, no caso de optar á axuda do programa Bono Concilia.

c) Anexo IV, no caso de optar a unha praza concertada nunha escola infantil de titularidade privada adscrita a este programa.

d) Copia do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

e) Certificado de discapacidade ou do grao de dependencia do neno ou da nena para quen se solicita praza, se é o caso, cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Copia da resolución administrativa de acollemento ou de garda con fins adoptivos, cando estean formalizados por outra comunidade autónoma distinta da galega.

g) Xustificación de ocupación ou desemprego da nai/pai, titor/a legal ou acolledor/a actualizada:

1º. No caso de persoas traballadoras por conta allea: copia da última nómina, certificación de empresa ou vida laboral.

2º. No caso de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas: copia do último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social no réxime especial de traballadores autónomos ou da correspondente mutualidade.

3º. No caso das persoas desempregadas: certificación de ser demandante de emprego (con efectos do día anterior ao da publicación desta resolución).

h) Se procede, outros documentos en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

1º. Certificado de discapacidade ou do grao de dependencia da nai/pai, acolledor/a, titor/a legal, ou outros membros da unidade familiar cando non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais ou certificado administrativo de monoparentalidade expedido por outra comunidade autónoma.

3º. Copia do título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia da propia orde de protección ou da medida cautelar autenticada pola secretaría xudicial.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

j) Certificado de empadroamento da unidade familiar expedido polo concello correspondente no cal se fará constar a data de alta no padrón municipal de habitantes, que, en todo caso, deberá ser anterior ao 1 de xaneiro do ano en que se solicite a praza, nos supostos de escolas infantís situadas en concellos limítrofes con outras comunidades autónomas.

k) Cando se produzan variacións de ingresos que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos que figuren na declaración do IRPF correspondente ao ano 2015, deberán comunicarse e presentarse os documentos que acrediten oficialmente a situación económica.

A falta de presentación dalgún dos documentos recollidos nas letras e), g), h) e i) dentro do prazo de solicitude e emenda suporá a non valoración, na correspondente epígrafe do baremo que se recolle no anexo V, de calquera das circunstancias alegadas.

1.2.3. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia ou tivese un formato non admitido pola dita sede, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma prevista no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

1.2.4. Opción de participación no programa de concerto de prazas en escolas infantís privadas.

As persoas que non obteñan praza pública poderán optar a unha praza nalgunha das escolas infantís de titularidade privada adscritas ao programa de concerto da Consellería de Política Social. Para estes efectos, deberán cubrir a epígrafe correspondente no modelo de solicitude do anexo I desta resolución e, ademais, presentar o anexo IV debidamente cuberto, no cal se seleccionarán un máximo de tres escolas infantís privadas con prazas concertadas.

A relación de escolas adscritas a este programa poderá consultarse no anexo VIII desta resolución, a cal se publicará na páxina web http://politicasocial.xunta.gal

1.2.5. Opción de participación no programa Bono Concilia.

Así mesmo, quen non obteña praza pública poderá optar, nas condicións que estableza a correspondente convocatoria, ao Bono Concilia da Consellería de Política Social, que consiste nunha axuda económica mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos. Para estes efectos, deberase cubrir a epígrafe correspondente no anexo I desta resolución e, ademais, presentar a seguinte documentación:

– Declaración de non percibir outras axudas para o mesmo concepto ou, de percibilas, coa indicación da súa contía (anexo III).

– Declaración responsable de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Comunidade Autónoma, de non ter débedas por resolución de procedencia de reintegro e de estar ao día coa Seguridade Social (anexo III).

1.2.6. Nos supostos de opción simultánea por unha praza concertada e pola axuda do programa Bono Concilia, considerarase en primeiro lugar a opción de praza concertada e, só de non obter praza nesta modalidade, valorarase a opción ao Bono Concilia.

2. A información relativa ao procedemento poderase consultar na páxina web: http://www.xunta.gal/resultados-da-guia-de-procedementos, así como nos teléfonos:

012

981 18 57 55

982 29 43 54

988 38 65 95

986 81 77 04

981 95 70 29

981 54 56 66

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta resolución, BS402A e BS402F, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) da persoa solicitante e do/da cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) da persoa solicitante e do/da cónxuxe ou parella, de ser o caso, correspondente ao ano 2015.

2. Nos supostos de solicitudes de novo ingreso, procedemento BS402A, consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Discapacidade ou grao de dependencia do neno ou da nena para quen se solicita praza recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Necesidade de integración na escola infantil acreditada por un equipo de valoración e orientación da Consellería de Política Social, no caso dos nenos e das nenas con necesidades específicas de apoio educativo.

– Acollemento ou garda con fins adoptivos do neno ou da nena para quen se solicita praza formalizados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Discapacidade ou grao de dependencia da nai/pai, acolledor/a, titor/a legal recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Situación de monoparentalidade recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Familia numerosa recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os correspondentes documentos acreditativos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes de renovación de praza deberán presentarse en soporte papel na propia escola infantil ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. As solicitudes de novo ingreso coa documentación requirida presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Tamén se poderán presentar estas solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 11. Instrución do procedemento

O Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, como órgano responsable da tramitación dos expedientes en cada unha das provincias, comprobará que estes reúnen os requisitos recollidos nesta resolución. De non ser así, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

As xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e a persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos que coiden precisos para unha realización máis eficaz da súa función e a súa debida acreditación documental.

Artigo 12. Comisións de valoración

1. A adxudicación de praza efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo V. No caso de obter igual puntuación, terán preferencia, en primeiro lugar, as solicitudes coa renda per cápita máis baixa e despois as de xornada completa con servizo de comedor sobre as solicitudes de media xornada.

2. Con tal fin constituirase, en cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, unha comisión provincial de valoración coa seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular do Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

– Vogais: o/a director/a do centro, unha persoa en representación dos pais/nais, titores/as ou acolledores/as do alumnado do centro do cal se estean a baremar as solicitudes e un funcionario/a da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social designado pola persoa titular da xefatura territorial, que exercerá a secretaría.

Os acordos tomaranse por maioría simple e, en caso de empate, resolverá a Presidencia.

3. En cada comisión provincial de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. A Dirección de cada centro convocará as nais/pais, titores/as ou acolledores/as a unha reunión que se celebrará anualmente antes de rematar o prazo de presentación das solicitudes, co fin de elixir quen exercerá a súa representación na comisión de baremación e selección, mediante votación e por maioría simple.

5. Unha vez baremadas as solicitudes, a comisión emitirá un informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

A persoa titular do Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica elevará o dito informe xunto coa proposta de adxudicación á persoa titular da xefatura territorial.

A relación provisional de persoas admitidas e a lista de espera coas puntuacións obtidas farase pública o día 9 de maio e poderase consultar nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, así como na páxina web: http://politicasocial.xunta.gal e nos respectivos centros.

Artigo 13. Reclamacións

As persoas solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos dez (10) días naturais posteriores á data da exposición pública da relación provisional.

Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Artigo 14. Resolución do procedemento

1. Correspóndelle á persoa titular de cada xefatura territorial, por delegación da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva de persoas admitidas en cada provincia e da lista de espera, onde figurará a puntuación obtida.

Cada alumno/a só poderá ser adxudicatario/a dunha praza pública das escolas infantís da Xunta de Galicia.

A relación definitiva coa puntuación poderase consultar desde o día 31 de maio nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, así como na páxina web http://politicasocial.xunta.gal e nos respectivos centros.

2. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver e notificar este procedemento será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

3. Na relación definitiva de admisión estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación que tivesen entrada con anterioridade á data de publicación da relación provisional.

4. No suposto de ingresos urxentes, a resolución do procedemento correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais, por proposta da persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente, nun prazo de cinco (5) días desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude terase por desestimada.

5. As resolucións previstas no punto 1 e 4 deste artigo esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 15. Notificacións

As notificacións que se efectúen nos procedementos habilitados nesta resolución realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas só poderán efectuarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público, salvo que estea obrigada a relacionarse a través de medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como o acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá efectuada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitirlles ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada.

Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, darase por efectuado o trámite e continuarase o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

A notificación da resolución de adxudicación de praza realizarase conforme o disposto nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 16. Matrícula

1. As persoas que obteñan praza disporán desde o día 1 ata o día 12 de xuño, ambos os dous incluídos, para presentar no centro onde obtivesen a dita praza o impreso de matrícula debidamente cuberto.

Nos supostos de ingreso fóra de prazo, disporase de dez días naturais contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución da concesión da praza para a realización deste trámite.

A formalización da matrícula no prazo sinalado é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realizase, a persoa interesada decaerá da súa solicitude.

2. O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como na páxina web: http://politicasocial.xunta.gal

3. A renuncia a unha praza concedida implica a imposibilidade de obter calquera outra praza pública das escolas infantís da Xunta de Galicia, así como de optar a unha praza concertada en escolas infantís privadas ou ao Bono Concilia.

Artigo 17. Lista de espera

1. A lista de espera estará constituída polas persoas solicitantes que non obteñen praza pública, ordenadas segundo a puntuación acadada no baremo de admisión.

2. As prazas que puidesen quedar vacantes ao longo do curso serán cubertas polas solicitudes en lista de espera por rigorosa orde de puntuación.

3. As solicitudes en lista de espera ás cales se lles conceda ben unha praza nas escolas infantís privadas que participan no programa de concerto ou ben o Bono Concilia, serán excluídas automaticamente da dita lista. Non obstante o anterior, se antes de que se dite a resolución de concesión do bono se producisen vacantes nalgún dos centros solicitados, as solicitudes afectadas reintegraranse á lista de espera para os efectos de adxudicación destas prazas vacantes.

4. As solicitudes que non se presenten nos prazos fixados nesta convocatoria polas circunstancias sobrevidas referidas no punto 2.b) do artigo 3, debidamente xustificadas, serán valoradas polas comisións provinciais e, no caso de non podérselles adxudicar unha praza, incluiranse na lista de espera segundo a puntuación obtida.

5. Na relación definitiva da lista de espera estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación que teñan entrada con anterioridade á data da súa aprobación.

Artigo 18. Revisión do prezo

O prezo fixado inicialmente revisarase nos seguintes casos:

a) Modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) Diminución ou incremento dos ingresos en máis do 20 % en cómputo anual respecto aos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración mínima de seis meses para seren tomadas en consideración e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola AEAT ou por calquera outra documentación que, a xuízo da xefatura territorial da Consellería de Política Social, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) Variación no número de membros da unidade familiar.

Para estes efectos, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicar calquera variación que se produza nos supostos que deron lugar ao cálculo do prezo público que se lle aplica.

A modificación do prezo será resolta pola persoa titular da xefatura territorial e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 19. Baixas

1. Será causa de baixa na escola infantil:

a) O cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) A solicitude das persoas proxenitoras ou representantes legais.

c) A falta de pagamento do prezo establecido durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda, sen prexuízo da reclamación desta polo procedemento administrativo de constrinximento.

d) A comprobación de falsidade nos documentos ou nos datos achegados.

e) A incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

f) A falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

2. Naqueles casos en que se produza unha falta de asistencia prolongada, deberá presentarse cunha periodicidade mensual a documentación acreditativa da causa que a produce. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

3. As baixas motivadas polo establecido na alínea e) serán resoltas pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais, por proposta da xefa ou xefe territorial correspondente, unha vez oída a Dirección do centro a que asiste a alumna ou alumno e realizado o trámite de audiencia da/s persoa/s interesada/s. Nos demais supostos aprobarase a baixa por resolución da persoa titular da xefatura territorial correspondente, por delegación da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais.

4. As baixas producidas ao longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que figuren nese momento en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Artigo 20. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro de titularidade da Consellería de Política Social, denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal

Disposición adicional primeira. Flexibilización do período de escolarización para nenos/as con necesidades especificas de apoio educativo

As familias dos nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo que excedan o límite de idade establecido no artigo 2 e estivesen escolarizados/as durante o curso 2016/17, poderán solicitar a súa permanencia na escola infantil 0-3 un curso máis, para o cal deberán presentar a solicitude de renovación de praza e cubrir a epígrafe correspondente á flexibilización.

Xunto coa dita solicitude deberán achegar os informes dos/das profesionais que levan o seguimento do neno ou nena, tales como o da Unidade de Atención Temperá, o da Unidade de Rehabilitación ou o do/da pediatra.

A Dirección da escola infantil 0-3 elaborará un informe de observación e seguimento do neno/a e realizará unha valoración sobre a pertinencia da súa permanencia na escola infantil, tendo en conta a súa evolución, as consideracións da familia e os informes doutros/as profesionais, e remitirá a solicitude xunto co resto da documentación á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o seu traslado ao Equipo de Orientación específico, que emitirá o correspondente ditame de escolarización.

No caso de que o ditame de escolarización sexa favorable, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica emitirá a resolución de permanencia do/da alumno/a na escola infantil 0-3 para o curso escolar solicitado.

Paralelamente, a familia deberá solicitar praza para o segundo ciclo de educación infantil nun centro que imparta este nivel educativo dentro dos prazos anuais establecidos para estes efectos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Deste xeito asegurará a escolarización nun centro da súa elección, no caso de que o ditame de escolarización sexa desfavorable á flexibilización do período de escolarización nunha escola infantil 0-3.

Disposición adicional segunda. Ratios nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo

No caso de se integraren nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo, en ningún caso poderá haber máis dun alumno ou dunha alumna con estas necesidades por aula. Para os efectos da ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Servizos Socias nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social para a resolución desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2017

A directora da Axencia Galega de Servizos Sociais
P.S. (Disposición transitoria 1ª Decreto 40/2014, do 20 de marzo)
Mª Amparo González Méndez
Directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V
Baremo

1º. Situación sociofamiliar:

1.1. Por cada membro da unidade familiar: 2 puntos.

1.2. Por cada persoa que, non formando parte da unidade familiar estea ao seu cargo: 1 punto.

1.3. No caso de que o/a neno/a para o cal se solicita a praza nacese nun parto múltiple: 1 punto.

1.4. Por cada membro da unidade familiar afectado por discapacidade, enfermidade que requira internamento periódico, alcoholismo ou drogodependencia: 2 puntos.

1.5. Pola condición de familia monoparental: 3 puntos.

1.6. Por ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais: 6 puntos.

1.7. Pola condición de familia numerosa: 3 puntos.

1.8. Outras circunstancias familiares debidamente acreditadas: ata 3 puntos

2º. Situación laboral familiar:

2.1. Situación laboral de ocupación:

– Nai: 7 puntos.

– Pai: 7 puntos.

2.2. Situación laboral de desemprego (1):

– Nai: 2 puntos.

– Pai: 2 puntos.

2.3. Persoas que desenvolvan e perciban o tramo de inserción (Risga):

– Nai: 3 puntos.

– Pai: 3 puntos.

– (1) Valorarase tal condición coa certificación de demanda de emprego con efectos do día anterior ao da publicación desta resolución.

— No caso de familias monoparentais ou aquelas en que o neno ou a nena conviva cunha soa persoa proxenitora, adxudicaráselles a puntuación da epígrafe correspondente computada por dous.

– Só se poderá obter puntuación por unha das epígrafes anteriores.

3º. Situación económica:

RPC mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente (calculada de acordo co establecido no artigo 7 desta resolución):

– Inferior ao 30 % do IPREM: +4 puntos.

– Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM: +3 puntos.

– Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM: +2 puntos.

– Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM: +1 punto.

– Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM: -1 punto.

– Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM: -2 puntos.

– Entre o 150 % e o 200 % do IPREM: -3 puntos.

– Superior ao 200 % do IPREM: -4 puntos.

– En caso de obter igual puntuación, terán preferencia en primeiro lugar as solicitudes coa renda per cápita máis baixa e despois as de xornada completa con servizo de comedor sobre as solicitudes de media xornada.

– Para os efectos, desta resolución están a cargo da unidade familiar as persoas que, convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.

– No caso de ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais, adxudicarase a puntuación máxima nas epígrafes 2º e 3º do baremo.

– No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

BS402FG.pdf
BS402FG.pdf

ANEXO VII
Relación de escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega
de Servizos Sociais

Provincia

Centro

Enderezo

Localidade

Horario de apertura

A Coruña

EI As Mariñas

Rúa Beiramar, 37

15002 A Coruña

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Ventorrillo

Rúa Mosteiro de Caaveiro , 44

15010 A Coruña

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Santa María de Oza

Rúa Jazmines-U. Veciñal, 5

15008 A Coruña

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Elviña

Avda. Pablo Picasso, 7

15008 A Coruña

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Catabois

Estrada de Catabois, s/n

15405 Ferrol

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Virxen de Chamorro (1)

Rúa Santos, s/n

15401 Ferrol

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Vite

Praza Lalo Hernández, s/n

15704 Santiago de Compostela

Das 7.30 ás 18.00 horas

Lugo

EI Nª Señora da Purificación

Rúa Concepción Arenal, s/n

27780 Foz

Das 8.00 ás 17.30 horas

EI Nª Señora do Campo

Rúa Ibáñez, s/n

27700 Ribadeo

Das 8.00 ás 18.00 horas

EI Nª Sra. do Sagrado Corazón

Rúa Curros Enríquez, 34

27004 Lugo

Das 7.45 ás 20.00 horas

EI Paradai

Rúa Narciso Peinado, s/n

27003 Lugo

Das 7.45 ás 18.00 horas

EI Casa do Mar de Celeiro

Avda. Ramón Canosa, s/n, Celeiro

27863 Viveiro

Das 8.00 ás 17.00 horas

Ourense

EI Antela

Rúa Ervedelo, 51

32002 Ourense

Das 8.00 ás 18.00 horas

EI A Farixa

Rúa Acevedo e Zúñiga , 3

32005 Ourense

Das 8.00 ás 20.00 horas

EI Virxe de Covadonga

Rúa Valdegola, 7

32001 Ourense

Das 8.00 ás 18.00 horas

Pontevedra

EI Bouzas

Rúa Pardaíña, 2

36208 Vigo

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Relfas

Camiño do Marco, 28, Moledo

36214 Vigo

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Rosalía de Castro

Rúa Baiona, 9, Col

36209 Vigo

Das 7.45 ás 17.00 horas

EI Caeiro (1)

Rúa Gorguiña, 2, Cabral

36215 Vigo

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI San Paio

Rolda de Don Bosco, 1

36202 Vigo

Das 7.30 ás 20.00 horas

EI Campolongo

Rúa Xeneral Trepé, s/n, Campolongo

36001 Pontevedra

Das 8.00 ás 18.00 horas

EI O Toxo

Rúa San Roque, 1

36001 Pontevedra

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Marisma Santa Mariña

Rúa Pexegueiro, 7

36800 Redondela

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Casa do Mar de Marín

Rúa Ezequiel Massoni, 7

36900 Marín

Das 8.00 ás 17.00 horas

(1) Estas escolas infantís non dispoñen de grupo 0-1 anos

ANEXO VIII
Relación de escolas infantís que ofertan prazas a través do sistema de concerto para o curso 2017/18

Provincia

Entidade

Centro

Enderezo

Concello

Provincia

Grupo de idade

Nº de prazas

A Coruña

Fundación Hogar Santa Margarita

EI Fogar Santa Margarida

Valle Inclán, 1-3

15011 A Coruña

A Coruña

0-1

-

1-2

6

2-3

9

G Matogrande, S.L.

EI Pequerrechos Cambre

Constitución 11-13, P Marítimo O Graxal

15670 Cambre

A Coruña

0-1

5

1-2

13

2-3

13

A Fraga Encantada, S.C.

EI A Fraga Encantada

Pintor Lucio Muñoz, 3 B

15660 Cambre

A Coruña

0-1

2

1-2

6

2-3

8

Amelia Barallobre Carreira

Xardín de Infancia Chiquitín

Celso Emilio Ferreiro, 29 B, O Temple

15679 Cambre

A Coruña

0-1

2

1-2

6

2-3

2

EI Trasnos, S.L.

EI Trasnos

Castellana, 87

15660 Cambre

A Coruña

0-1

2

1-2

13

2-3

15

Santiago de Compostela

Soluciones Educativas Galicia, S.A.

EI Kid’s Garden de Santiago

As Burgas, 6

15705 Santiago de Compostela

A Coruña

0-1

2

1-2

6

2-3

6

EI Os Pequerrechos, S.L.

EI Os Pequerrechos de Santiago

Área Central, L33, 1ª, As Fontiñas

15703 Santiago de Compostela

A Coruña

0-1

5

1-2

13

2-3

13

Ferrol

Lendo e Crecendo, S.L.

EI Os Pequerrechos de Ferrol

Praza de España, 7 B, baixo

15403 Ferrol

A Coruña

0-1

2

1-2

4

2-3

4

Ourense

Colegio Infantil Los Tilos, S.L.

EI Los Tilos

Alfredo Brañas, 62 A

32001 Ourense

Ourense

0-1

6

1-2

11

2-3

11

G Infantil Os Cativos, S.C.

EI Pequechiños

Nosa Sª da Saínza, 32

32005 Ourense

Ourense

0-1

4

1-2

5

2-3

5

Lazos Colexio Infantil, S.L.

EI Lazos

Irmáns da Xesta, 2 B

32002 Ourense

Ourense

0-1

2

1-2

4

2-3

4

E Infantil Lecer, S.L.L.

EI Lecer

Travesía de Portocarreiro, 10-12

32003 Ourense

Ourense

0-1

1

1-2

2

2-3

3

Pontevedra

Asociación Educativa Dalila

EI Integral Dalila Ponteporto II

Ourense, 50, Edificio Ponteporto

36900 Marín

Pontevedra

0-1

3

1-2

8

2-3

8

Parrulos, S.L.

EI Parrulos de Pontevedra

Pr. Fermín Bouza Brey, 1 B

36004 Pontevedra

Pontevedra

0-1

1

1-2

1

2-3

1

Asociación G Laboral Pipo

EI Pipo de Lérez

Pasarón, 3

36005 Pontevedra

Pontevedra

0-1

3

1-2

5

2-3

5

Rosalía Rodríguez Montes

EI Bamby

San Roque de Abaixo, 1

36001 Pontevedra

Pontevedra

0-1

2

1-2

6

2-3

10

Vigo

Asociación Educativa Dalila

EI Integral Dalila Cangas

Lisboa, 1 B

36940 Cangas

Pontevedra

0-1

5

1-2

13

2-3

13

Los Pequerrechos Nigrán, S.L.

EI Pequerrechos

Vilariño, s/n, A Ramallosa

36379 Nigrán

Pontevedra

0-1

1

1-2

1

2-3

1

Urxo Peluxe, S.L.

EI 0-3 Urxo Peluxe

Bº da Guía, s/n, Atios

36400 Porriño

Pontevedra

0-1

1

1-2

5

2-3

10

CE Infantil O Xardín Hispanidad, S.L.

C Educación Infantil O Xardín Hispanidad

Hispanidade, 46, Romil, 57A

36203 Vigo

Pontevedra

0-1

1

1-2

11

2-3

11

C Educación Infantil

Esme, S.L.

C Educación Infantil

O Xardín

Ramón Couto, 27

36203 Vigo

Pontevedra

0-1

1

1-2

11

2-3

11

Colexio Marcote, S.L.

EI Aceimar

Puente, 80-82, Cabral

36318 Vigo

Pontevedra

0-1

6

1-2

9

2-3

15

Soluciones Educativas Galicia, S.A.

EI A Camelia de Vigo

Bravo, 36, Urb. Samil

36212 Vigo

Pontevedra

0-1

4

1-2

13

2-3

13