Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 8 de marzo de 2017 Páx. 11766

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 6 de marzo de 2017 pola que se determinan os servizos mínimos, no ámbito da asistencia sanitaria, durante a folga convocada para o día 8 de marzo de 2017.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopa a sanidade.

O exercicio público das funcións en materia de asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A Confederación Intersindical convocou unha folga xeral que afectará todas as actividades desempeñadas polos traballadores e traballadoras de empresas privadas e polos empregados e empregadas do sector público, e que se desenvolverá o 8 de marzo de 2017 nos seguintes tramos horarios: entre as 12.00 e as 14.00 horas; entre as 18.00 e as 20.00 horas; entre as 21.00 e as 23.00 horas.

Con base no que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen na presente orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria. Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención á poboación que, baixo ningún concepto, pode quedar desasistida polas características do servizo dispensado.

E por iso mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible a doentes hospitalizados, así como a atención urxente e permanente e o transporte sanitario, que non poden aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

Establécense os seguintes criterios reitores na determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais nos centros de traballo e nas institucións afectadas:

– Persoal mínimo necesario para a cobertura do 100 % da atención urxente e permanente e as emerxencias do 061 (inclúe servizo de operación telefónica).

– No ámbito da transfusión de sangue, os servizos necesarios para o mantemento do abastecemento sanguíneo en toda a Comunidade Autónoma.

– Nos centros e institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde e centros e institucións sanitarias privadas:

a) Persoal facultativo dependente de atención especializada:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, de ser o caso.

– Área de diálise.

– Área de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, Hospital de día).

3. Cobertura da actividade cirúrxica nos doentes, tanto hospitalizados como ambulatorios, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial procesos neoplásicos.

4. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir as visitas médicas, a atención indefectible dos doentes hospitalizados e as altas clínicas.

5. No ámbito de consulta, así como das interconsultas dos doentes hospitalizados que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, a criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os doentes desprazados.

6. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes e as que se refiren aos doentes hospitalizados que, a criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos doentes con neoplasias malignas.

7. Garantirase a dispensación de sangue, medicamentos e de produtos sanitarios, que sexa necesaria a criterio do persoal facultativo.

8. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

b) Persoal facultativo dependente de atención primaria: (persoal médico, pediatra e odontólogo):

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente.

2. Os servizos mínimos que se fixan no tramo ordinario de atención prestarán a asistencia urxente ou inaprazable desa unidade, calquera que sexa a modalidade da prestación:

– En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

– En centros con cinco a oito profesionais: 2 efectivos.

– En centros con nove a doce profesionais: 3 efectivos.

– En centros con máis de trece profesionais: 4 efectivos.

c) Persoal sanitario non facultativo de atención especializada:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nun triplo ámbito:

– Servizos de urxencias.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables no ingreso.

– Atención ás salas de partos.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos doentes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito de consultas estableceranse mínimos nun dobre ámbito:

– Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

– Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os doentes desprazados.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos doentes hospitalizados que, a criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

d) Persoal sanitario non facultativo de atención primaria:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente.

2. Os servizos mínimos que se fixan no tramo ordinario de atención prestarán a asistencia urxente e inaprazable desa unidade, calquera que sexa a modalidade da prestación:

– En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

– En centros con cinco a oito profesionais: 2 efectivos.

– En centros con nove a doce profesionais: 3 efectivos.

– En centros con máis de trece profesionais: 4 efectivos.

e) Persoal de xestión e servizos de atención especializada:

1. Urxencias: o 100 % do persoal.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao de domingos ou festivos.

3. Cita previa: un número de efectivos que garanta a atención ao doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

4. Atención ao doente: un número de efectivos que garanta a atención ao doente que o requira, cun mínimo de 1 por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

5. Servizos de mantemento: un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

6. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número equivalente ao dos domingos e festivos ou ata o 50 % dos efectivos da quenda.

7. Limpeza: ata o 50 % dos efectivos da quenda.

8. Hostalaría: un número mínimo igual ao dos domingos ou festivos, ou ben un 60 % dos efectivos da quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

9. Condutores: o mesmo número de efectivos ca os domingos ou festivos cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

10. Servizos administrativos:

– Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos pacientes

– Persoal: o número imprescindible para garantir as incidencias e xestións derivadas da folga e, como máximo, ata o 40 % dos efectivos da quenda.

– Subministracións: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes e ata un máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

– Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén e ata un máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

– Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes e ata un 25 % dos efectivos da quenda.

f) Persoal de xestión e servizos de atención primaria:

1. Urxencias: o 100 % do persoal.

2. En centros con catro ou menos efectivos de persoal facultativo: 1 efectivo.

– En centros con cinco ou máis efectivos de persoal facultativo: 1 efectivo por centro e, en caso de teren varios andares, un máis por andar.

g) Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase con carácter xeral un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

h) Persoal de empresas privadas que realiza tarefas de servizos contratados co Servizo Galego de Saúde: aplicaranse os criterios establecidos nos puntos anteriores para a correspondente área de actividade. No caso de que algunha empresa actúe nunha área de traballo que non se corresponda coas dos puntos anteriores, establecerase un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

– Transporte sanitario.

Establécense os seguintes criterios reitores na determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais:

– Unha cobertura do 100 % respecto da atención prestada a través das ambulancias e dos helicópteros asistenciais do 061.

– No ámbito do transporte hospitalario, o 100 % do transporte secundario urxente.

– O 100 % dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos ambulatorios continuados de oncoloxía e diálise. Para o resto de pacientes, os vehículos necesarios para os casos en que necesiten padiola ou o seu estado xeral así o aconselle, a xuízo do persoal facultativo prescritor. O número de vehículos non será inferior ao 50 % dos que fan a cobertura habitual.

Artigo 2

As empresas privadas que prestan servizos no ámbito da sanidade de Galicia deberán fixar o persoal necesario para garantir a prestación de recoñecida e inaprazable necesidade, de acordo cos criterios determinados nesta orde.

Artigo 3

Os efectivos que sexan estritamente necesarios para a cobertura dos servizos mínimos fixados nesta orde serán determinados, publicados e notificados polos centros, entidades e empresas afectados.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade