Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 6 de marzo de 2017 Páx. 11298

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2016, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Maside, no núcleo rural do Mato.

O Concello de Maside, conforme o disposto na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de Maside e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Maside dispón de normas subsidiarias de planeamento (NSP) aprobadas definitivamente o 29.10.1985, con sete modificacións puntuais.

I.2. A tramitación da modificación puntual foi a seguinte:

• O 12.7.2012, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental acordou non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual (DOG do 3 de agosto).

• Constan informes municipais, técnico e xurídico, do 23.7.2012.

• O 10.9.2012, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial cunha serie de consideracións.

• O Concello Pleno do 26/09/2012 aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna á información pública durante dous meses, mediante anuncios nos diarios La Región do 29.10.2012 e La Voz de Galicia do 31.10.2012, e no DOG do 16.11.2012. Non se presentou ningunha alegación.

• Deuse audiencia aos municipios limítrofes de San Amaro, Punxín, O Carballiño, San Cristovo de Cea e Amoeiro, sen que conste ningunha contestación.

• Consta o informe favorable da Subdirección Xeral de Redes e Operadores de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, do 5.2.2013.

• Constan informes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, do 14.3.2013 e do 11.7.2013, favorables cunha serie de condicións.

• Constan informes da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 12.6.2013 e do 27.11.2015, desfavorables; e do 13.6.2016, favorable con condicións.

• Consta informe favorable da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Fomento, do 18.5.2015.

• O Pleno Municipal do 13.7.2016 aprobou provisionalmente a modificación puntual coas modificacións requiridas nos informes sectoriais emitidos.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito de actuación é o núcleo rural do Mato, delimitado como tal nas NSP de Maside, e o seu contorno inmediato e afecta, segundo as NSP vixentes, solo de núcleos rurais e solo non urbanizable (actualmente rústico). A superficie total do ámbito é de 55.316 m2.

II.2. O obxecto da modificación puntual é a redelimitación e a ordenación normativa do núcleo rural do Mato, en concordancia co establecido na disposición transitoria primeira e) da Lei 2/2010.

II.3. A modificación puntual corrixida recolle no plano D0c un cadro comparativo que indica as superficies de todos os cambios de clasificación e/ou cualificación do solo que se producen na modificación puntual. Ademais, no plano A0b grafíanse as parcelas incluídas no ámbito de actuación.

II.5. No plano D4 de ordenación, dúas zonas do núcleo cualifícanse como solo de núcleo rural histórico tradicional. Nos puntos da memoria 2.5. Obxecto da modificación e 2.6. Conveniencia e xustificación, indícase e xustifícase a modificación puntual das NSP de Maside no núcleo do Mato para convertelo nun núcleo rural complexo. Ademais, no punto 7.1.4 da memoria, xustificación do grao de consolidación pola edificación, xustifícase o grao de consolidación previsto no artigo 13 da LOUG nos dous tipos de solo de núcleo rural.

II.6. Nos planos D4. Núcleo rural histórico tradicional, núcleo rural común, D6. Aliñacións e tipos de vías e D7. Contorno de protección; elementos do catálogo, edificacións, aliñacións e camiños, complétanse o trazado viario e as aliñacións de todo o núcleo rural.

No punto 08 da memoria, normativa de aplicación no ámbito da delimitación proposta, inclúese unha normativa específica para o núcleo rural complexo do Mato, diferenciando as condicións particulares para o núcleo rural común e para o núcleo rural histórico tradicional.

II.7. O 19.3.2016 entrou en vigor a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que establece no punto 2 da disposición transitoria segunda que os plans en tramitación que nesa data xa tivesen aprobación inicial poderán continuar a súa tramitación a teor da LOUG, aínda que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente á Lei 2/2016.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG e co artigo 3.a) do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e co Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Maside, no núcleo rural do Mato, condicionada á actualización das súas referencias á Lei 9/2002 e axustándoas á Lei 2/2016, do solo de Galicia.

Segundo. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2016

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file