Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 6 de marzo de 2017 Páx. 11333

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se delegan determinadas funcións en materia de recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico no xefe/a do Servizo de Xestión.

A Orde do 27 de decembro de 2016 pola que se regula o recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico destinados a promover o estudo, difusión, promoción ou especialización das ciencias e técnicas relacionadas coa saúde atribúe, no seu artigo 7.1, á persoa titular da xefatura territorial da consellería con competencia en materia de sanidade da provincia onde se pretenda realizar o acto, reunión, congreso ou actividade, ou, en caso de cursos impartidos exclusivamente por medios telemáticos, á correspondente ao lugar onde estea a sede física da entidade organizadora, resolver, conceder ou denegar o recoñecemento do interese sanitario, logo de proposta do Servizo de Xestión.

Fai falta arbitrar medidas que permitan unha áxil implantación e desenvolvemento da tramitación electrónica deste procedemento de forma que se eviten atrasos ou demoras e, consecuentemente, a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade da Coruña considera oportuno delegar as funcións na materia de recoñecemento de interese sanitario no xefe/a do Servizo de Xestión co obxecto de conseguir unha maior simplificación e axilización dos procedementos administrativos.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confire o artigo 19 do Decreto 41/2013, do 21 febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, e conforme o disposto no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

DISPOÑO:

Artigo 1

Deléganse no xefe/a do Servizo de Xestión desta xefatura territorial as seguintes facultades:

a) Resolver, conceder ou denegar o recoñecemento do interese sanitario, unha vez vista a documentación presentada, cos informes e asesoramentos previos que considere pertinentes, e comprobado o cumprimento das condicións e requisitos que lle sexan de aplicación, establecidos na Orde do 27 de decembro de 2016 pola que se regula o recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico destinados a promover o estudo, difusión, promoción ou especialización das ciencias e técnicas relacionadas coa saúde.

b) Remitir mensualmente á Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencia en materia de sanidade unha relación de todos os recoñecementos de interese sanitario outorgados.

Artigo 2

As resolucións administrativas que se adoptan por delegación indicarán expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Artigo 3

Exclúense da delegación recollida nesta resolución os supostos referidos no artigo 9.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 16 de febreiro de 2017

Cristina Pérez Fernández
Xefa territorial da Coruña