Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 1 de marzo de 2017 Páx. 10629

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2017, do Servizo da Delegación Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación, con trámite de urxencia, para a expropiación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-429, treito Neaño-Cabana, punto quilométrico 2+176-3+740, no concello de Cabana de Bergantiños (clave AC/16/053.06).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu número 2 a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 7 de decembro de 2016, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas procedeu á aprobación do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-429, treito Neaño-Cabana, p.q. 2+176-3+740, no concello de Cabana de Bergantiños, clave AC/16/053.06.

Con data do 15 de decembro de 2016, a Xunta de Galicia procedeu á declaración da utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para os efectos de expropiación para a mencionada obra, mediante o Decreto 191/2016, publicado no DOG núm. 7, do 11 de xaneiro de 2017.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo, no uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolve convocar os titulares de bens e dereitos afectados para que comparezan no lugar, na data e na hora que se citan, para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os bens e dereitos afectados e os prexuízos derivados da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Concello: Cabana de Bergantiños.

Local: casa do concello.

Data: 24 de marzo de 2017.

Hora: das 10.00 ás 13.00 horas.

Núm. predio: do 1 ao final.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como os planos parcelarios correspondentes estarán expostos no Concello de Cabana de Bergantiños e no Servizo da Delegación Provincial da Coruña da Axencia Galega de Infraestruturas, rúa Vicente Ferrer nº 2-8º andar, 15071 A Coruña.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome; achegar os documentos acreditativos da súa titularidade, DNI e último recibo da contribución, e poden ser acompañados, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e dun notario.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido no artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante o prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou ata o momento do levantamento das actas previas á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante o Servizo da Delegación Provincial da Coruña, as alegacións que consideren pertinentes co obxecto de emendar posibles erros padecidos ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación.

A Coruña, 9 de febreiro de 2017

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo da Delegación Provincial da Coruña