Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 2017 Páx. 10175

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se reclasifica un posto de traballo reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello da Coruña.

O Concello da Coruña en data do 17 de xaneiro de 2017 solicita á Dirección Xeral de Administración Local a reclasificación do posto de tesouraría da entidade local consistente na modificación do sistema de provisión de concurso a libre designación. Esta solicitude de reclasificación trae causa do escrito da Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Facenda e Función Pública que insta ao Concello a solicitar á Comunidade Autónoma a clasificación do posto de tesouraría como de libre designación para os efectos de proceder á convocatoria do posto mediante o dito sistema de provisión.

O artigo 9 do Real decreto lexislativo 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter estatal, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, sinala que os expedientes de clasificación serán resoltos polo órgano competente da comunidade autónoma respectiva.

Por todo isto, en aplicación do establecido nos artigos 2 e 9 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e demais normativa concordante de aplicación e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.e) da Lei do emprego público de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias,

RESOLVE:

Primeiro. Reclasificar o posto reservado a funcionario/a da Administración local con habilitación de carácter nacional do Concello da Coruña como se especifica no anexo que se xunta a esta resolución.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación ou poderá impugnarse directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 en relación co 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2017

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Entidade local: Concello da Coruña.

Posto de traballo: tesouraría.

Subescala: intervención-tesouraría.

Forma de provisión: libre designación.