Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 27 de febreiro de 2017 Páx. 9668

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 20/2017, do 9 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada provincial EP-2002 Gran Vía-avenida de Madrid. Rúa Emilia Pardo Bazán. Tramo comprendido entre a avenida de Madrid e a intersección coa avenida Arquitecto Palacios, a prol do Concello de Vigo.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón, no artigo 9.7, que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, tramos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Pontevedra solicita á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade a prol do Concello de Vigo da estrada provincial EP-2002 Gran Vía-avenida de Madrid. Rúa Emilia Pardo Bazán. Tramo comprendido entre a avenida de Madrid e a intersección coa avenida Arquitecto Palacios.

O día 30.12.2016, o Concello de Vigo e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio de colaboración en que ambas as dúas administracións poñían de manifesto a súa conformidade co cambio de titularidade proposto.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de febreiro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Vigo da estrada provincial EP-2002 Gran Vía-avenida de Madrid. Rúa Emilia Pardo Bazán. Tramo comprendido entre a avenida de Madrid e a intersección coa avenida Arquitecto Palacios.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Vigo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Vigo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de febreiro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda