Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2017 Páx. 9435

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de febreiro de 2017, da Xefatura Territorial de Pontevedra, polo que se publica a toma de posesión provisional dos predios de substitución da zona de concentración parcelaria de Duxame-Insua-Portodemouros (Vila de Cruces-Pontevedra).

Ao amparo do disposto pola disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, e conforme o establecido polo artigo 46 da Lei 10/1985 de concentración parcelaria para Galicia, con data do 2.2.2017, o director xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar toma de posesión provisional dos predios resultantes do proceso de concentración parcelaria da zona de Duxame-Insua-Portodemouros (Vila de Cruces-Pontevedra).

As datas para tomar posesión dos predios son as seguintes:

1. Para terreos de prado, pasteiro, labradío sen colleita e monte, o día 1.3.2017.

2. Para os restantes terreos, no momento en que se retiren as colleitas actuais.

Non obstante, a data límite para a retirada do arboredo é o día 1.9.2017. No caso de especies autóctonas protexidas, debe contarse co preceptivo permiso do Servizo de Montes e o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza.

Dentro dos sesenta días naturais seguintes ao 1.3.2017 en que os predios de substitución se poñen á disposición dos participantes para que tomen posesión deles, poderase reclamar –xuntando ditame pericial– sobre diferenzas superiores ao 2 % entre a cabida real dos predios e a que conste no expediente de concentración.

Os propietarios das parcelas de achega deben permitir aos titulares dos novos predios o acceso a eles para proceder á medición destas no prazo sinalado anteriormente.

Debe terse en conta que:

1. A falta de superficie dun predio non será compensado cando exista exceso de superficie no conxunto dos predios atribuídos ao mesmo propietario e esta sexa suficiente para compensar en valor de puntuación o conxunto das atribucións.

2. Non se admitirá reclamación no caso de que o predio obxecto dela coincida exactamente, na súa delimitación cartográfica, coa parcela achegada polo mesmo titular.

3. Impedir ou obstaculizar a toma de posesión é considerada unha infracción moi grave (artigo 73 da Lei de concentración parcelaria para Galicia) sancionada con multa de 1.502,54 a 3.005,06 euros.

4. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a toma de posesión poderá darse, logo de apercibimento, mediante compulsión directa sobre a/as persoa/s que a impidan.

Pontevedra, 13 de febreiro de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Xefe territorial de Pontevedra