Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 2017 Páx. 7523

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a orde de prelación e a puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario.

O vixente pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, publicado por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 13 de xuño de 2016 (DOG núm. 123, do 30 de xuño), regula na súa norma II.4.4 a xeración e publicación das listas.

Por Resolución do 12 de decembro de 2016 (DOG núm. 244, do 23 de decembro), publicáronse os resultados provisionais de baremación dos/das aspirantes admitidos/as nas categorías de celador/a, cociñeiro/a, grupo auxiliar da función administrativa, lavandeiro/a, pasador/a de ferro e pinche.

Finalizado o prazo de impugnación contra a citada resolución e analizadas as reclamacións presentadas, este centro directivo, de conformidade co anexo I, base novena, da Resolución do 12 de setembro de 2013,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a orde de prelación e a puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas no proceso de actualización das listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade nas categorías de celador/a, cociñeiro/a, grupo auxiliar da función administrativa, lavandeiro/a, pasador/a de ferro e pinche.

Segundo. As listas co número de orde e puntuación definitiva obtida polas persoas aspirantes admitidas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade co anexo I, base novena, da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 12 de setembro de 2013, contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte á súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación.

Cuarto. As listas entrarán en vigor con efectos do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2017

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos