Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 2017 Páx. 6643

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 13/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade de todo o dominio público correspondente ao resto da estrada AC-101 entre os puntos quilométricos 24+490 e 24+920, marxe dereita, en prol do Concello de Ortigueira.

Segundo o teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Ortigueira solicita á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade dun resto da estrada AC-101 situado entre os pp.qq. 24+490 e 24+920, pola súa marxe dereita e cunha lonxitude de 0,56 km, por tratarse dun tramo de estrada que quedou para o servizo dos veciños.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia da titularidade de todo o dominio público correspondente ao treito da estrada autonómica AC-101, situado entre os pp.qq. 24+490 e 24+920, pola súa marxe dereita e cunha lonxitude de 0,56 km, en prol do Concello de Ortigueira.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de xaneiro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello de Ortigueira:

– Resto da estrada AC-101, situado entre os pp.qq. 24+490 e 24+920, pola súa marxe dereita e cunha lonxitude de 0,56 km.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ortigueira deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderán ao Concello de Ortigueira, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xaneiro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda