Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 6 de febreiro de 2017 Páx. 5519

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello das Pontes de García Rodríguez

ANUNCIO do convenio urbanístico entre o Concello das Pontes de García Rodríguez e Endesa Generación, S.A. relativo á cesión de diversos terreos.

O Pleno do Concello das Pontes de García Rodríguez, en sesión do 22 de decembro de 2016, adoptou o seguinte acordo, á vista dos antecedentes existentes no expediente e do disposto no artigo 168.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 402 e 403.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, con sete votos a favor (PSdeG-PSOE), unha abstención (grupo mixto-PP) e cinco votos en contra (tres BNG-AA e dous Xunt@s por As Pontes):

1. Aprobar definitivamente o convenio urbanístico subscrito con Endesa Generación, S.A., o día 19 de maio de 2015, para a cesión ao Concello de diversos terreos, coas modificacións contidas na proposta que se xunta.

2. Publicar o texto íntegro do convenio, xunto co seu acordo de aprobación, no Diario Oficial de Galicia.

3. Notificar este acordo á empresa Endesa Generación, S.A., para que no prazo dos quince días seguintes á notificación deste acordo formalice en documento administrativo o texto definitivo do convenio; transcorrido este prazo sen que o convenio sexa asinado, quedará sen efecto.

4. De acordo co disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, os interesados poderán interpoñer calquera outro que consideren pertinente.

O texto de convenio aprobado definitivamente e asinado o día 27 de decembro de 2016 é o seguinte:

«Reunidos:

Dunha parte, Valentín González Formoso, actuando en nome e representación do Concello das Pontes de García Rodríguez (en diante o Concello), na súa calidade de alcalde presidente.

Doutra, Juan Carlos Alonso Encinas, director xeral de Minaría e Miguel Temboury Molina, director xeral do Territorio Noroeste, actuando en nome de Endesa Generación, S.A. (en diante Endesa), con CIF A-82434697 e domicilio social en Sevilla, avenida de la Borbolla, número 5, en virtude das facultades conferidas por acordo do Consello de Administración do 30 de abril de 2015.

Recoñecéndose mutuamente os comparecentes capacidade legal e representación suficiente para obrigarse neste acto, ante min, Mariña Núñez Orjales, secretaria xeral do Concello das Pontes de García Rodríguez, que procedo segundo o disposto no Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional e, de común acordo,

Expoñen:

I. Finalización da restauración do espazo mineiro.

Historicamente Endesa vén contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico das Pontes e neste sentido manifesta a súa intención de continuar facéndoo no futuro; así mesmo, durante as últimas décadas ambas partes subscribiron convenios de diversa índole que permitiron regular numerosas materias en que existen intereses comúns.

A execución do proxecto de restauración do espazo mineiro atópase concluído e os resultados obtidos supoñerán un impacto positivo significativo en aspectos sociais, urbanísticos e económicos para o municipio das Pontes de García Rodríguez.

A finalización do enchemento do oco mineiro, das obras hidráulicas e dos labores de restauración incluídos no proxecto de peche da mina das Pontes permitirán obter a autorización de clausura de todas as instalacións afectadas pola explotación mineira e con iso a tramitación da desafectación dos terreos, que poden dedicarse a outros usos.

É interese de ambas as partes, unha vez que sexa clausurada a explotación mineira, destinar parte do espazo e infraestruturas que foron utilizadas pola mina, para a súa reutilización, uso e goce dos veciños, así como para o desenvolvemento de actividades culturais, deportivas, lúdicas, museísticas, etc. compatibilizándoas con outros usos que xeren valor económico, incluídos os de carácter enerxético.

Con ese obxecto básico, considérase oportuna a subscrición deste convenio urbanístico, onde se pacta o compromiso de cesión por parte de Endesa ao Concello, de pleno dominio ou de uso, de determinados espazos (solo e edificios), construcións, instalacións, maquinaria, mobiliario, etc. que poden ser actualmente desafectados dos labores mineiros, para seren destinados a diferentes usos.

Ademais, ambas as partes comprométense a negociar de boa fe a cesión e/ou a accesibilidade á parte sur do lago, entre a pista perimetral e o bordo do lago, e a condición de que non sexa necesaria a área para desenvolver proxectos de Endesa, unha vez que conclúan os labores mineiros, e outorgouse a autorización de clausura e abandono da mina.

Así mesmo, cabe destacar que o Concello solicitou a Endesa a doazón de solo para a execución dun museo que recolla a memoria da explotación mineira, así como a cesión das instalacións deportivas e culturais do poboado das Veigas, e está interesado en lograr o maior desenvolvemento industrial do municipio mediante a creación de solo industrial.

II. Creación de solo para o desenvolvemento industrial.

O Concello, dentro da súa vocación de municipio industrial, mostrou o seu interese en que se destine a uso industrial o terreo ocupado polos antigos almacéns e talleres da mina, tendo solicitado ambas as partes á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a inclusión desta área no ámbito do Plan sectorial de áreas industriais de Galicia, que foi aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 30 de abril de 2014.

III. Aplicación da Directiva de emisións industriais.

É interese de ambas as partes a continuidade da actividade da central térmica de carbón nas Pontes, manifestando o Concello a súa máxima disposición a apoiar cantas medidas se susciten para permitir a adaptación á Directiva de emisións industriais 2010/75/UE.

IV. Ordenación do territorio e finalización do proceso de venda de vivendas.

O Concello iniciou os labores de redacción dun plan xeral de ordenación do municipio e, pola súa banda, Endesa conveu coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a súa colaboración para a redacción dun plan territorial integrado para a bacía do río Eume, considerando ambas as partes que a culminación do enchemento do lago e o cesamento da explotación mineira teñen unha incidencia importante na ordenación do territorio do municipio das Pontes de García Rodríguez e abre a posibilidade de destinar amplos espazos a outros usos.

É intención de Endesa finalizar o proceso de venda de vivendas iniciado no ano 2002 co poboado das Veigas, e que actualmente é o único poboado que queda sen vender, para o que se deberá regularizar a división das parcelas onde se sitúan as vivendas e renovar as infraestruturas urbanísticas e de servizos que pasarán a ser de titularidade pública, tal e como se recollía nos convenios do 30 de xullo de 2004, 13 de febreiro de 2006 e 14 de abril de 2008.

O Concello apoia este proceso, que permitirá estimular o emprego durante a execución das obras e que os veciños poidan acceder á propiedade das vivendas, comprometéndose a realizar todas as tramitacións necesarias de forma áxil e sen demora para permitir a consecución desta finalidade.

V. Pista de karting.

Mediante escritura pública outorgada o 14 de abril de 2011, Endesa levantou a cláusula resolutiva da cesión do solo destinada a punto limpo e entulleira e cedeu o pleno dominio do terreo sen condicións para execución da pista de karts no lugar de Alimpadoiros, no prazo previsto polo Concello, anunciando no seu escrito do 21 de marzo anterior a conveniencia de formalizar un acordo tamén co resto dos asuntos pendentes, como o poboado das Veigas e outros.

O Concello manifestou o seu interese en dispoñer de solo adicional ao cedido por Endesa para a construción do punto limpo e a pista de karts, que actualmente está executando, para dotala de novas instalacións.

Con base en todo o antes exposto, ambas as partes desexan plasmar os acordos que se alcanzaron, que se rexerán polas seguintes

CLÁUSULAS

Primeira. Solo industrial (polígono de Portorroibo)

Endesa cederá gratuitamente ao Concello das Pontes de García Rodríguez, para o seu uso industrial, de acordo co que se determine no planeamento, a propiedade de solo que estivese destinado a usos mineiros, referenciado no expositivo II, cunha superficie duns 217.000 m2, así como as naves e construcións existentes nel nas condicións físicas e xurídicas que presente na data en que se formalice tal cesión (ver plano nº 1, que se anexa como integrante deste documento).

Tendo en conta a afección á explotación mineira, Endesa xa solicitou á autoridade mineira a desafectación destes terreos e está á espera de resolución.

Pola súa banda, o Concello comprométese a realizar todas as tramitacións necesarias en materia de urbanismo, licenzas, ordenación do territorio ou calquera outra que puider ser da súa competencia coa maior axilidade posible.

Segunda. Tramitacións para adaptar as instalacións da central

En canto á execución do investimento necesario para a adaptación das instalacións da central aos requirimentos da Directiva 2010/75/UE (DEI) ou de calquera outra normativa, o Concello comprométese a prestar axilidade nas tramitacións para a obtención das autorizacións e licenzas que sexan da súa competencia.

Terceira. Terreos mineiros

1. Praia, equipamentos e accesos.

Endesa realizará a favor do Concello das Pontes de García Rodríguez as seguintes cesións gratuítas de bens e dereitos, que se reflicten no plano nº 2.1 que se anexa a este documento:

a) Cesión da propiedade de terreo, situado no bordo oriental do lago, para os usos previstos na normativa urbanística, tales como equipamentos públicos, aparcadoiros, accesos, etc., incluíndo a área da praia vexetal.

b) Cesión da propiedade da pista perimetral norte do lago e a franxa de terreo existente entre a dita pista e o límite de dominio público hidráulico (DPH).

c) Cesión da propiedade de toda a superficie ocupada pola praza da Lembranza e toda a superficie adicional para os usos previstos na normativa urbanística, segundo se reflicte en plano nº 2.1 antes citado.

d) Outorgamento do dereito de servidume de paso dos camiños existentes para acceso público ao lago mineiro a través dos terreos propiedade de Endesa nos lugares de Saa e Espiñaredo, localizado nas zonas que se reflicten nos planos 2.2 e 2.3 anexos. Esta servidume é gratuíta e terá o carácter de servidume administrativa e a consideración de pública. A construción de camiños, o seu mantemento e conservación, corresponderán ao Concello, que tamén se obriga a adoptar as medidas necesarias para evitar a ocupación ou invasión dos terreos estremeiros. Este dereito de servidume terá carácter indefinido.

e) Cesión da propiedade da área emerxida da entulleira interior, reflectida no plano nº 2.1 anexo. Esta cesión materializarase de acordo coas condicións establecidas na cláusula décima deste documento e unha vez que Endesa retire os bens e equipamentos que a ocupan actualmente.

A formalización destas cesións está supeditada á previa obtención dos permisos e autorizacións das administracións competentes en materia de minas e augas, ou de calquera outra que se precise, comprometéndose Endesa á solicitude e tramitación das que lle competan unha vez asinado este documento. A obtención de tales permisos será comunicada por escrito ao Concello. Ademais, na formalización destas cesións terase en conta o disposto na cláusula décima deste convenio.

Unha vez efectuadas, as cesións estarán suxeitas á condición resolutoria de destinalas a usos compatibles coa normativa urbanística, e ningunha responsabilidade corresponderá a Endesa pola utilización que se fixese dos terreos. Todos os gastos inherentes á titularidade dos inmobles ou, se for o caso, ao dereito real de servidume que se cede, así como a responsabilidade da súa conservación e mantemento, serán desde ese momento pola conta do Concello.

Na pista perimetral do lago ou en calquera outra vía que Endesa executase con anterioridade á formalización das cesións, para dar acceso ao lago, o Concello non establecerá restricións de paso de maquinaria ou vehículos que Endesa precisar para a execución de obras ou proxectos. No entanto, de producirse danos ou deterioracións nas vías, Endesa comprométese a reparalos e, no suposto de necesidade de realizar cortes nas vías, estudarase entre ambas as partes a execución de posibles variantes, que serán integramente pola conta de Endesa.

Coas cesións antes reflectidas, danse por cumpridos substitutivamente todos os compromisos adquiridos por Endesa sobre a cesión do solo en convenios anteriores.

2. Museo etnográfico de Vilavella, Escola de aprendices, actuacións no río Eume e antigo cemiterio de Espiñaredo.

2.a) O Concello está interesado en utilizar, como museo etnográfico e posta en valor como centro de interpretación da memoria e homenaxe aos lugares desaparecidos pola explotación da mina, o conxunto etnográfico de antigas vivendas e demais edificacións, coas súas construcións e instalacións auxiliares, que está situado no lugar de Vilavella, coa superficie e demais condicións reflectidas no plano nº 3 que se incorpora de forma anexa a este documento, polo que Endesa cederá gratuitamente o seu uso, unha vez que esta constante que non é necesario para actividades ou instalacións de transformación da central á Directiva 2010/75/UE. Esta constatación deberá comunicala Endesa por escrito ao Concello.

Esta cesión de uso implica a cesión dun dereito real de uso, en virtude do cal o Concello poderá gozar dos terreos cedidos con carácter exclusivo; neste sentido, o Concello poderá tanto executar as obras como destinar os terreos aos usos que, en ambos os casos, sexan acordes coa normativa urbanística vixente; tamén gozará dos beneficios que reciba por accesión a zona cedida, das servidumes que teña ao seu favor e, en xeral, de todos os beneficios inherentes a ela, que non poderá ser traspasada nin cedida, baixo ningún título, a terceiros sen a previa e expresa autorización de Endesa, que poderá revogar a dita cesión total ou parcialmente sempre e cando necesite dispoñer da área para usos propios, dentro do prazo de 75 anos desde a entrada en vigor deste convenio. A revogación deberá comunicarse ao Concello con polo menos 6 meses de antelación e non dará dereito a indemnización ou compensación ningunha, aínda que a revogación total ou parcial non supoñerá menoscabo da facenda municipal.

Dentro do prazo establecido, calquera ampliación ou implantación doutro uso non especificado neste acordo e acorde coa normativa urbanística, deberá ser autorizado expresamente e con carácter previo por parte de Endesa.

A partir da formalización da cesión todos os gastos inherentes ao dereito real que se cede sobre os inmobles, así como todos os relativos á súa conservación e mantemento, serán responsabilidade e a cargo do Concello.

Transcorrido o mencionado prazo de 75 anos, Endesa cederá a propiedade do conxunto etnográfico de antigas vivendas e demais edificacións, coas súas construcións e instalacións auxiliares que está situado no lugar de Vilavella, o Concello poderá destinalas desde ese momento aos usos previstos na normativa urbanística.

2.b) Endesa cederá a propiedade da antiga escola de aprendices de Calvo Sotelo, así como as zonas estremeiras co río Eume que se consideren necesarias para levar a cabo unha actuación de recuperación ambiental e posta en valor da ribeira do Eume. No anteproxecto que se redacte consideraranse as antigas estruturas de Calvo Sotelo aínda existentes e respectaranse os usos actuais ou futuros de Endesa que sexan acordes coa clasificación do solo.

A definición e a concreción das zonas que se cedan realizarase unha vez redactado o anteproxecto antes citado e identificadas as necesidades (incluído o acceso) para desenvolver unha actuación concreta.

2.c) Así mesmo, unha vez que se outorgue a autorización de peche da mina das Pontes, Endesa cederá gratuitamente ao Concello a propiedade do terreo que estivo ocupado polo cemiterio de Espiñaredo, hoxe clausurado, así como o seu acceso, segundo se reflicte no plano núm. 4.

Cuarta. Material para museo e exposicións

Logo de petición do Concello, Endesa cederá gratuitamente o uso de útiles, máquinas e documentos para realizar exposicións, así como para formar parte de museos municipais. Os devanditos elementos están á disposición do Concello nas instalacións de Endesa e o Concello dispoñerá dun prazo ata o 31 de decembro de 2016 para retirar o material, o que realizará polos seus propios medios. A dita entrega terá o carácter de préstamo e corresponde ao Concello a custodia e mantemento de todos os obxectos en perfecto estado de conservación debendo constar na súa exposición ao público a orixe de cada elemento e a cesión temporal por parte de Endesa.

O Concello obrígase a contratar unha póliza de seguro que cubra os danos que se poidan producir por calquera causa nos bens cedidos por Endesa.

Endesa poderá utilizar en calquera momento parte ou todos estes elementos para fins de estudo, préstamo temporal a outras exposicións ou similares que sexan patrocinadas ou promovidas por Endesa. Neste caso comunicará coa debida antelación a necesidade ao Concello e procederá a retirar e a reintegrar os elementos pola súa conta.

Para outras exposicións non patrocinadas por Endesa, o Concello poderá aceptar ou denegar as solicitudes de préstamo.

O uso desta facultade poderao exercer o Concello a partir da sinatura deste convenio.

Quinta. Edificios e instalacións do tesouro e terreos da canle IV

1. Instalacións do tesouro.

Endesa cederá gratuitamente ao Concello a propiedade do solo, dunha superficie aproximada de 57.000 m2, así como os edificios de oficinas, o taller de vehículos, o edificio anexo, os aparcadoiros cubertos e a correspondente urbanización, situados no Tesouro, incluíndo a estrada de acceso que conecta coa AC-861, con todos os seus elementos funcionais (de forma aproximada como se recolle no plano nº 5, que se achega).

Endesa poderá seguir utilizando as naves situadas ao oeste do edificio de oficinas para labores propios e compatibles coa ordenación urbanística ata que o Concello das Pontes de García Rodríguez desenvolva algún proxecto concreto para elas, o que deberá ser comunicado cunha antelación de polo menos 6 meses.

Nas condicións concretas de cesión terase en conta que:

– A totalidade dos labores de mantemento dos edificios comprometidos, vías e urbanización correrán a cargo do Concello a partir do momento de formalización da cesión destes bens, de acordo co previsto neste convenio, con excepción dos edificios que poida seguir utilizando Endesa, cuxos labores de conservación e mantemento non corresponderán ao Concello.

– Será por conta do Concello a dotación de redes de subministración de enerxía, telecomunicacións, auga potable e saneamento. Endesa dará servidume de paso para a dotación destes servizos, así como para facilitar o entroncamento para a traída de auga potable ao parque de carbón de Saa, logo de aprobación expresa dos correspondentes trazados, mediante os instrumentos de planeamento urbanístico correspondentes, que deberán supoñer a mínima afección á propiedade que non se cede.

– Endesa poderá facer uso das vías de acceso, así como dos aparcadoiros cuxa propiedade se cede ao Concello, sen ningunha restrición.

O Concello adoptará as medidas necesarias para evitar o acceso de persoas ou vehículos non autorizados á propiedade de Endesa.

2. Terreos da canle IV.

Endesa cederá a propiedade dos terreos, tanto rústicos como urbanos, que se reflicten no plano número 6.2, parte dos cales xa se atopan ocupados por servizos e equipamentos públicos.

Coa formalización destas cesións entenderase tamén entregado ao Concello o tramo da antiga canle que discorre en falso túnel, cuxo trazado se reflicte no plano 6.1.

A partir da entrega destes terreos, corresponderá ao Concello a responsabilidade e cantos gastos e custos exixa o seu mantemento, así como o da infraestrutura subterránea. No entanto Endesa colaborará co Concello para a procura de alternativas e iniciativas de calquera ámbito que permitan utilizar a canalización para calquera índole de usos compatibles co planeamento.

Se para formalizar as cesións for necesario realizar levantamentos topográficos ou medicións, estas correrán a cargo de Endesa. No mesmo momento desta formalización, procederase a elevar a pública a cesión dos terreos da piscina municipal.

Sexta. Poboado das Veigas

1. Ambas partes recoñecen que o poboado das Veigas constitúe un núcleo integrado na malla urbana das Pontes desde hai décadas, formando parte as súas rúas e servizos dos elementos de uso e goce público e constituíndo un solo urbano consolidado, tal e como consta nas actuais NNSS, polo que, para efectos de regularizar a súa situación, se comprometen a realizar as seguintes actuacións, no prazo máximo de 3 meses desde a aprobación plenaria deste acordo.

a) Concluír a redacción do documento de modificación puntual das NNSS para a súa presentación a tramitación.

b) Concluír a revisión do proxecto de renovación de infraestruturas, e obter un documento final para a súa presentación a tramitación.

c) Concluír a redacción do convenio urbanístico para a súa sinatura.

Transcorrido o devandito prazo ou desde a data de subscrición do convenio urbanístico do poboado das Veigas, no prazo máximo de 1 mes, o Concello das Pontes de García Rodríguez comprométese a elevar ao Pleno de forma conxunta os documentos citados nas alíneas a) e c); e a aprobar na Xunta de Goberno local o documento indicado na alínea b) no mesmo prazo de 1 mes, para realizar os trámites previstos no artigo 96.3 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; a súa aprobación definitiva realizarase unha vez entrada en vigor a modificación puntual e verificada a efectiva correspondencia do proxecto de obras con esta.

2. Unha vez en vigor a modificación urbanística (despois da correspondente inserción no DOG e no BOP) e aprobado o proxecto de renovación de infraestruturas, Endesa iniciará a execución, de acordo coas fases, se for o caso, previstas no proxecto de renovación de infraestruturas; así mesmo, solicitará a licenza de obra para executar as obras de conexión ás novas redes de servizo cos edificios do poboado de titularidade privada.

Na contratación das obras e da dirección técnica destas, Endesa establecerá expresamente a subrogación do Concello en todas as garantías e avais de boa execución que se recollan nos contratos, sexa cal for o prazo destes. A sucesión na consideración de beneficiario de tales garantías producirase unha vez recibida cada unha das fases das obras.

Concluídas as obras de cada unha das distintas fases, comunicarase mediante escrito, acompañado de certificación final, ao Concello, que procederá á súa recepción, seguindo o procedemento reflectido nos artigos 222.2 e 235.2 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, que aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, e para tales efectos establécese un prazo de garantía de 1 ano. No caso de non resolver sobre a recepción no prazo de 3 meses, contados desde que se instase a recepción, bastará o ofrecemento formal da súa cesión para os efectos de entendelas recibidas.

3. Unha vez que entre en vigor a modificación puntual das NNSS relativa ao poboado das Veigas, Endesa cederá ao Concello de forma gratuíta, en pleno dominio e libre de cargas e gravames, as zonas cualificadas nesta modificación puntual como de equipamentos públicos, viario público, aparcadoiro en vía pública, zonas verdes e infraestruturas; en particular, Endesa cederá gratuitamente, ademais do solo, os seguintes edificios e construcións:

1º. As pistas de tenis situadas á beira da antiga residencia albergue.

2º. O edificio das antigas escolas do poboado cuxo uso xa está cedido desde 2003.

3º. O complexo deportivo dos campos de fútbol, principal e auxiliares, así como as instalacións de tiro con arco.

4º. O complexo do LAR ocupado pola Asociación Cultural e Deportiva do Grupo de Empresa As Pontes, que vén xestionando as instalacións desde os anos 60 coa autorización de Endesa. O Concello respectará esta ocupación en tanto sexa acorde coa normativa patrimonial de aplicación.

5º. As dúas pistas polideportivas existentes detrás das escolas, unha das cales foi cuberta polo Concello.

6º. A residencia albergue. Con respecto a este inmoble, o Concello permitirá o seu uso á Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista da Coruña (Aspanaes), actual usuario do predio, logo de tramitación do procedemento pertinente de acordo coa normativa patrimonial das administracións públicas.

Endesa garante que as instalacións eléctricas do complexo deportivo, no LAR e na piscina, dispoñen dos correspondentes certificados, e comprométese a achegalos unha vez que se formalice a cesión.

4. O Concello comprométese a impulsar e axilizar na medida do posible os trámites para a finalización dos procesos de aprobación dos documentos antes sinalados.

5. Unha cantidade equivalente aos importes que poidan resultar, se for o caso, a favor de Endesa dos expedientes tributarios por liquidacións definitivas solicitadas por Endesa, pendentes de resolver na data de sinatura deste acordo será destinada por esta empresa a apoiar as iniciativas deportivas e culturais realizadas nas instalacións que se ceden e ás que Endesa historicamente veu contribuíndo. O ingreso realizarase por unha soa vez e non terá carácter recorrente.

6. Finalizado o proceso de cesión da urbanización e parcelamento, se resultaren parcelas ou vivendas non vinculadas a cuestións laborais, estudarase que, en igualdade de condicións, se estableza algunha prioridade para determinados interesados, para o que Endesa poñerá en coñecemento do Concello esta situación, que poderá trasladar a información ás persoas ou colectivos que considere que poidan ter algún interese, aínda que sempre respectando a obrigación de oferta pública.

Sétima. Pista de karting

Endesa cederá gratuitamente ao Concello a propiedade da superficie adicional que se reflicte no plano 7, cuxo dereito de ocupación temporal autorizou Endesa mediante escrito con rexistro de entrada no Concello núm. 5876, do 14 de agosto de 2013.

A formalización da dita cesión realizarase no prazo de 1 mes desde a sinatura por ambas as partes deste convenio e aceptación polo órgano municipal competente.

Oitava. Terreo en Saa

Endesa cederá gratuitamente ao concello a propiedade do terreo situado no lugar de Saa, colindante coa AC-861, parte do cal xa foi acondicionado para uso dos veciños, en virtude de acordos anteriores (ver plano 8).

Novena. Plan xeral de ordenación

No deseño do Plan xeral de ordenación previsto para As Pontes, o Concello terá en conta os posibles usos industriais do lago mineiro e da súa contorna, e comprométese a estudar a inclusión no devandito plan xeral das reservas necesarias de solo coas súas pertinentes clasificacións e cualificacións necesarias para desenvolver futuros proxectos industriais de Endesa e que esta poña en coñecemento do Concello nos períodos de información pública do PXOM, tendo en conta tamén as competencias de Augas de Galicia, e sempre dentro da legalidade vixente.

Décima. Formalización das cesións

O Concello accederá ao pleno dominio da propiedade, ou ao dereito de uso, dos bens recolleitos neste convenio, unha vez que este entre en vigor e se outorguen as correspondentes escrituras públicas de cesión que se deben formalizarse.

A formalización da cesión da propiedade, respecto dos bens indicados neste convenio en que sexa xuridicamente viable a súa segregación ou a declaración da súa innecesariedade, realizarase no prazo máximo de seis meses a partir da solicitude por parte de Endesa das pertinentes licenzas de segregación ou declaracións da súa innecesariedade; esta solicitude realizarase no prazo máximo de tres meses desde a sinatura deste convenio; cando os bens non requiran de ningún trámite urbanístico por estar depurada a súa situación física e xuridicamente, a formalización realizarase no prazo de tres meses a partir da sinatura deste convenio.

A formalización da cesión do uso comprometida neste convenio formalizarase no prazo máximo de tres meses a partir da sinatura deste convenio.

As ditas cesións inscribiranse no Rexistro da Propiedade, de acordo co disposto nos artigos 1.8, 2 e 30.3 do Real decreto 1093/1997, do 4 de xullo, polo que se aproban as normas complementarias ao Regulamento para a execución da Lei hipotecaria sobre inscrición no Rexistro da Propiedade de actos de natureza urbanística.

No entanto, para o caso de que o Concello precise realizar actuacións nalgúns dos inmobles ou zonas que se lle ceden, con anterioridade ao outorgamento da escritura, Endesa poderá autorizar a entrada e ocupación deles, logo de petición concreta do Concello.

Respecto dos terreos citados neste convenio para cuxa cesión en propiedade sexa precisa a segregación e esta non sexa viable xuridicamente, Endesa comprométese a ceder o seu uso nos termos descritos na cláusula 2.2.a); a formalización destas cesións realizarase no prazo máximo de tres meses a partir da sinatura deste convenio.

Para posibilitar a cesión da propiedade dos terreos que se ceden e necesiten de segregación, e que se atopan en situación básica de solo rural, o Concello procederá á aprobación dun plan especial de infraestruturas e dotacións ou de calquera outra figura de planeamento que permita a súa oportuna segregación, de acordo co previsto no artigo 35.1.p) en relación cos artigos 73 e 149 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Respecto dos terreos que se ceden e necesitasen de segregación e se atopen na situación básica de solo urbanizado, debido ao grao de consolidación que presentan, conforme o disposto no artigo 12.3.c) do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo, e 16.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o Concello tramitará, con carácter previo á revisión e adaptación do seu planeamento xeral, unha modificación puntual do devandito planeamento ou calquera outra figura que especifique o seu uso industrial característico, e determine a súa ordenación detallada.

Unha vez que a normativa urbanística permita a segregación, Endesa cederá a propiedade deses bens; a súa formalización requirirá do outorgamento das pertinentes escrituras públicas de cesión, que se inscribirán no Rexistro da Propiedade, de acordo co disposto nos artigos 1.8, 2 e 30.3 do Real decreto 1093/1997.

O Concello coñece a situación de todos os bens cuxa propiedade ou uso se cede e comprométese a asumir as responsabilidades que puideren estar relacionadas con eles desde o momento da formalización da súa cesión.

No entanto, no caso de que algún solo fose declarado contaminado pola Xunta de Galicia e por actividades anteriores á cesión, de acordo co artigo 34 da Lei 22/2011, Endesa comprométese a realizar, á súa custa, os labores de limpeza e recuperación a que fai referencia o artigo 35 do mesmo precepto legal.

Décimo primeira. Licenzas e gastos

Para a tramitación e obtención das licenzas de segregación que, se for o caso, sexan necesarias, previas ás cesións de bens pactadas neste documento, será por conta de Endesa, a redacción da documentación técnica correspondente, e o seu visado se for necesario, comprometéndose o Concello a colaborar na medida do posible.

Os gastos que se orixinen con motivo da formalización das cesións de uso ou propiedades ao Concello, que se recollen neste convenio, serán sufragados polo Concello das Pontes de García Rodríguez, incluíndo calquera operación notarial ou rexistral, ata a súa definitiva inscrición no Rexistro da Propiedade. As taxas e impostos e gastos notariais e rexistrais das segregacións tamén serán á conta do Concello.

Décimo segunda. Cumprimento e interpretación

Calquera transmisión da propiedade dos bens afectados por este convenio que se efectuase con posterioridade á súa subscrición –e antes da formalización das cesións– levará consigo a subrogación do novo titular nas obrigacións que deriven deste outorgamento e as partescomprométense a facelo así constar na formalización documental que corresponda.

Para calquera controversia derivada da interpretación deste convenio crearase unha comisión paritaria formada por 3 representantes legais de Endesa e 3 representantes legais do Concello das Pontes de García Rodríguez. A creación ou reunión de devandita comisión poderá ser convocada por calquera das partes, bastando para iso a notificación con 7 días naturais de antelación.

Décimo terceira. Entrada en vigor

Este convenio foi aprobado polo Pleno do Concello das Pontes de García Rodríguez, en sesión celebrada o día 22 de decembro de 2016 e entrará en vigor a partir da data da súa sinatura.

E en proba de conformidade ambas as partes asinan o presente convenio, en duplicado exemplar, no lugar e data ao principio indicados.

Polo Concello

Por Endesa Generación, S.A.

Valentín González Formoso

Juan Carlos Alonso Encinas

Miguel Temboury Molina

A secretaria municipal

Mariña Núñez Orjales

Anexo
Relación de planos

Plano nº 1 - Solo Industrial.

Plans nº 2.1, 2.2 e 2.3 - Praia, equipamentos e acceso ao lago.

Plano nº 3 - Núcleo de Vilavella.

Plano nº 4 - Cemiterio de Espiñaredo.

Plano nº 5 - Tesouro.

Plano nº 6.1 e 6.2 - Canle IV.

Plano nº 7 - Pista de karting.

Plano nº 8 - Terreo en Saa.

De acordo co disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, os interesados poderán interpoñer calquera outro que consideren pertinente.

As Pontes de García Rodríguez, 9 de xaneiro de 2017

O alcalde
P.D. (Decreto 1251/2015, do 3 de xullo)
Antonio Alonso Román
Concelleiro-delegado da Área de Facenda, Patrimonio, Urbanismo e Servizos