Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 2 de febreiro de 2017 Páx. 5045

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de xaneiro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Gramil, Coto do Gato e outros, da parroquia de Santiago de Oliveira, no concello de Ponteareas, solicitados a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santiago de Oliveira.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial.

Vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes.

Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia de Pontevedra.

Víctor Abelleira Argibay, representante do colexio de avogados da provincia de Pontevedra.

Lorena Peiteado Pérez, letrada da Xunta de Galicia.

Vogais representantes da CMVMC de Santiago de Oliveira: Roberto López Pérez e Francisco Carballo Rivas.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo, funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.00 horas do día 14.12.2016, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese no 2º andar do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Gramil, Coto do Gato e outros, na parroquia de Santiago de Oliveira, solicitados a favor dos veciños da CMVMC de Santiago de Oliveira (Ponteareas).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 22.5.2012, Roberto López Pérez en nome da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante CMVMC) de Santiago de Oliveira, concello de Ponteareas, solicita a clasificación como montes veciñais en man común (en diante MVMC) dos montes Coto do Gato, Gramil e outros a favor dos veciños da parroquia de Santiago de Oliveira. Coa solicitude xunta:

Levantamento topográfico dos montes Coto do Gato, Gramil e outros, executado polo enxeñeiro técnico agrícola Benito Martínez Rocha.

Solicitude de Roberto López Pérez en que expón que en 1979 se clasifican 35 ha como MVMC na parroquia de Santiago de Oliveira, das cales 6 ha de propiedade privada se incluíron por erro como comunais. Que consideran que unha serie de parcelas non foron clasificadas como comunais da parroquia e veñen usando de elas desde tempo inmemorial. Solicita a clasificación de parcelas non incluídas no seu día segundo a documentación que se xunta:

Certificación do 17.6.1989 da secretaria do Xurado das parcelas clasificadas na reunión do Xurado de MVMC de Pontevedra na reunión do 5.12.1979. Escrito do 26.4.2011 de descrición de parcelas catastrais das cales solicita a clasificación.

Copia da acta número 40 da asemblea xeral da CMVMC de Santiago de Oliveira en que consta no punto 1º da orde do día: aprobación por parte dos comuneiros para facer a reclamación da clasificación dos montes da comunidade que non ten clasificados e remitilos ao Xurado Provincial de MVMC.

Segundo. Con data do 5.12.1979, o Xurado de MVMC de Pontevedra clasifica as seguintes parcelas a favor dos veciños da parroquia de Santiago de Oliveira:

Núm. 1. Coto do Gato e Gramil cunha cabida de 32 ha.

Núm. 2. Bibidouro cunha cabida de 1 ha.

Núm. 3. Cotres o Capilla cunha cabida de 2 ha.

Da revisión do levantamento topográfico que achega Roberto López Pérez dedúcese que as parcelas solicitadas para a clasificación se centran exclusivamente na contorna da parcela núm. 1 (Coto do Gato e Gramil).

Terceiro. Con data do 6.6.2012, o xefe da Sección de Topografía informa de que se solicita a clasificación de 60 ha, nun total de 21 parcelas. Que as parcelas A, P, Q, R, S e T se superpoñen sobre terreos xa clasificados a favor da CMVMC de Santiago de Oliveira. Que existe unha superposición total ou parcial sobre 43 parcelas catastrais distintas.

Cuarto. Con data do 18.2.2014, o Xurado de Montes acorda non incoar expediente de clasificación das parcelas A, P, Q, R, S e T. Así mesmo, acorda incoar a clasificación das parcelas B, C, D, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O e nomear instrutor Enrique Martínez Chamorro. Descrición das parcelas obxecto de clasificación:

Concello: Ponteareas.

Parroquia: Santiago de Oliveira.

Nome do monte: Gramil ou parcela B.

Cabida: 12.233 m2 aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Segundo a información que consta no expediente os seus lindes son:

Lindes: polígono 84/ parcela núm. 269.

Norte: (noreste) con camiño público asfaltado, (noreste) coa CMVMC de Celeiros (parcela ¿?).

Sur: con camiño-pista forestal, que separa a parcela A da C.M. Santiago de Oliveira (parcela 414).

Leste: con camiño-pista forestal, que separa da parcela A da C.M. Santiago de Oliveira (parcela 15/polígono 83).

Oeste: coa parcela de Severo González González (parcela 268), a de Otilia Pino Mouriño (parcela 267) e a de Emilia Vidal Sotelo (parcela 266).

Nome do monte: Fraga do Rei ou parcela C.

Cabida: 5.538 m2 aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 85/ parcela num. 95.

Norte: coa parcela D (colexio público) C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 94) e a parcela E da C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 93 parte).

Sur: coa C.M de Celeiros (parcela ¿?).

Leste: coa parcela D (colexio público) C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 94).

Oeste: con camiño público asfaltado.

Nome do monte: Fraga do Rei-CEIP Santiago de Oliveira ou parcela D.

Cabida: 15.515 m2 aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 85/parcela núm. 94.

Norte: con muro que a pecha e separa da parcela E C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 93 parte).

Sur: con muro que a pecha e separa da parcela C C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 95).

Leste: con muro que a pecha e separa da parcela E C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 93 parte).

Oeste: con muro que a pecha e separa da parcela C C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 95) e con camiño público asfaltado por onde se serve e posúe a entrada.

Nome do monte: Fraga do Rei ou parcela E.

Cabida: 9.507 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 85/parcela núm. 93 parte.

Norte: con pista forestal que separa a parcela F C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 93 parte).

Sur: con muro que pecha e separa da parcela D (colexio público) C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 94), a parcela C C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 95) e camiño público asfaltado.

Leste: con camiño-pista forestal que separa da parcela S C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 26).

Oeste: con muro que pecha e separa da parcela D (colexio público) C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 94) e pista forestal que separa da parcela F.

Nome do monte: Fraga do Rei ou parcela F.

Cabida: 3.852 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 85/ parcela núm. 93 parte.

Norte: coa diócese de Tui-Vigo (parcela 34), a dos herdeiros de Jesús Martínez (parcela 35), José Martínez Vidal (parcela 36), José González Pino (parcela 37), Josefa González González (parcela 38) e a de Antonio González Rial (parcela 39).

Sur: con pista forestal que separa da parcela E C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 93 parte).

Leste: con pista forestal que separa da parcela G C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 93 parte).

Oeste: en punta con camiño público asfaltado.

Nome do monte: Fraga do Rei ou parcela G.

Cabida: 42.022 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 85/parcela núm. 93 parte.

Norte: con soma-pedras que pechan a dos herdeiros de Consuelo Candeira (parcela ¿?), e con camiño-pista forestal que separa da parcela M.

Sur: con pista forestal que separa da parcela E C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 93 parte).

Leste: con pista forestal que separa da parcela Q C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 290 parte-polígono 82) e pista forestal que separa da parcela S de C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 26, polígono 83).

Oeste: con camiño-pista forestal que separa das parcelas H, I, J da C.M. de Santiago de Oliveira (parcelas 5001, 135…) e pista forestal que separa da parcela F de C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 93 parte) e de montes particulares (parcelas 39, 347, 40, 41…).

Nome do monte: Xan Mouriño ou parcela H.

Cabida: 3.700 m2 aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 85/ parcela núm. 5001.

Norte: coa de Antonio González Penavella (parcela 133) e a nº 132, que se descoñece.

Sur: en punta pista e Pilar Domínguez Fornos (parcela núm. 40).

Leste: con camiño-pista forestal que separa da parcela G da C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 93 parte).

Oeste: con muretes e somas que pechan as de Leovegilda Leándrez Cerdeira (parcela 41), a de Ramiro González Ocampo (parcela 42), a de Consuelo González Rodríguez (parcela 44), a de Salvador Sotelo Pino (parcela 43), a de Domingo López Varela (parcela 45), a de Josefina Martínez Carrera (parcela 46), a de Ramón Iglesias Rodríguez (parcela 131), a de Manuel Rodríguez Sotelo (parcela 130), a de Lucía Moreira (parcela 129), a de (...) (parcela 132), a de José González Pino (parcela 128), a de Antonio Gesteira Rodríguez (parcela 125), a de Rudesinda Domínguez Vidal (parcela 126).

Nome do monte: Xan Mouriño ou parcela I.

Cabida: 1.017 m2 aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 85/parcela núm. 135.

Norte: con murete que pecha e separa a de José González Pino (parcela 137).

Sur: con murete que pecha e separa a de Ramón Iglesias Rodríguez (parcela 134).

Leste: con camiño-pista forestal que separa da parcela G da C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 93 parte).

Oeste: con murete que pecha e separa a de Pilar Domínguez Fornos (parcela 136) a de Rudesinda Domínguez Vidal (parcela 152) camiño en medio.

Nome do monte: Xan Mouriño ou parcela J.

Cabida: 663 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 85/ parcela núm. ¿?

Norte: con murete que pecha e separa a de Rudesinda Domínguez Vidal (parcela 338).

Sur: en punta pista e José González Pino (parcela 137).

Leste: con camiño-pista forestal que separa da parcela G (parcela 93 parte, polígono 85) e a que separa da parcela M (parcela 420 parte, polígono 88) ambas da C.M. de Santiago de Oliveira.

Oeste: con murete que pecha e separa a de José González Pino (parcela 137), a de Pilar Domínguez Fornos (parcela 138), a de José González Pino (parcela 139) a de Rudesinda Domínguez Vidal (parcela 140).

Nome do monte: Camargo ou parcela K.

Cabida: 4.404 m2 aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 85/parcela 340.

Norte: con camiño público asfaltado.

Sur: con muro que contén, peche e separa a de Genaro González Fernández (parcela 167) e camiño público.

Leste: con camiño-pista forestal que separa da parcela M de C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 420-polígono 88).

Oeste: con muro que pecha e separa a de Genaro González Fernández (parcela 167) e a de José González Pino (parcela 166).

Nome do monte: Soutiño-Camargo (DEP) ou parcela L.

Cabida: 7.314 m2 aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 88/parcela 49.

Norte: con somas e muretes que a conteñen e separan de Rudesinda Domínguez Vidal (parcela (462) e outras (parcelas 8464 e 49 parte).

Sur: con camiño público asfaltado e camiño-pista forestal que separa da parcela M da C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 420 parte).

Leste: en punta camiño-pista forestal.

Oeste: con ribazo alto que a conten e separa de camiño-pista forestal e camiño sobre a propiedade que separa de murete que pecha a de Salvador Dello González Fernández (parcela 463) e a de Alejandro González González (parcela 464).

Nome do monte: Fraga do Rei ou parcela M.

Cabida: 25.716 m2 aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 88/ parcela 420 parte.

Norte: con camiño-pista forestal que separa en parte da parcela L da C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 49).

Sur: con camiño-pista forestal que separa da parcela G da C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 93 parte-polígono 85).

Leste: en parte con regueira que separa de montes particulares e gabia que separa da esposa de Santiago García Palacios (parcela 420 parte).

Oeste: con camiño-pista forestal que separa das parcelas J e K de C.M. de Santiago de Oliveira (parcela 93 parte-polígono 85).

Nome do monte: Monte Candeira ou parcela N.

Cabida: 11.840 m2 aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 88/ parcela 420 parte.

Norte: con antigo camiño que transcorre sobre a propiedade que separa de murete que pecha de montes particulares (parcela 420 parte).

Sur: con camiño, pista forestal que separa da parcela O (parcela 93 parte polígono 85) e o camiño que separa da parcela Ñ (parcela 15, polígono 88) ambas da C.M. de Santiago de Oliveira.

Leste: en punta con camiño-pista forestal.

Oeste: Coa parcela da esposa de Santiago García Palacios (parcela 420 parte) e a parcela M.

Nome do monte: Matamau ou parcela Ñ.

Cabida: 775 m2 aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 88/ parcela 15.

Norte: con camiño-pista forestal que separa da parcela N (parcela 420 parte) da C.M. de Santiago de Oliveira).

Sur: con camiño-pista forestal.

Leste: con murete que pecha e separa da de Angustias Penavella (parcela 14).

Oeste: con camiño-pista forestal.

Nome do monte: Matamau ou parcela O.

Cabida: 12.870 m2 aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes: polígono 85/parcela 93 parte.

Norte: con camiño-pista forestal que separa da parcela N (parcela 93 parte polígono 85) da C.M. de Santiago de Oliveira.

Sur: con camiño-pista forestal que separa da parcela P (parcela 290 parte polígono 82) da C.M. de Santiago de Oliveira.

Leste: en punta con camiño-pista forestal.

Oeste: con soma-pedras que pecha a dos herdeiros de Consuelo Candeira (parcela ¿?).

Quinto. Con data do 28.4.2014, o xefe de Área de MVMC emite informe preceptivo do Servizo de Montes sobre o aproveitamento actual das 15 parcelas das cales se inicia o expediente de clasificación:

Parcela B. Parcela poboada por masa mixta de acacia e carballo, con pés de piñeiro e eucalipto de distintas idades e bordeada por unha estrada e camiños de servizo. No momento da inspección no se aprecian outros usos diferenciados.

Parcela C. Bosquete de alto fuste de piñeiro con pés illados de carballo e eucalipto. Franxa entre cerca e estrada en matogueira de xesta e herbal con pés illados de carballo. Bordeada parcialmente por estrada asfaltada e cerca de colexio. No momento da inspección non se aprecian outros usos diferenciados.

Parcela D. Totalmente ocupada por colexio. Axardinada. Uso colexio.

Parcela E. Rodea a parcela D separada por cerca e bordeada por pistas no resto do seu perímetro. Poboada por bosque denso de piñeiro en idade de bastío e bosque de piñeiro en idade de novedío denso. Non se aprecian outros usos.

Parcela F. Bordeada por pista no seu linde sur. Zona rasa con herbal, matogueira de xesta, fentos e pés soltos de carballo. Zona leste poboada por bosque de piñeiro de alto fuste con abundante rexenerado. Non se aprecian outros usos.

Parcela G. Bordeada por pistas nos seus ventos leste, sur e oeste. A zona sur poboada por bosque claro de piñeiro bastío, raso en zona alta con pés illados de piñeiro novo, bosque denso de alto fuste de piñeiro en vertente oeste. Non se aprecian outros usos.

Parcela H. Bordeada no seu linde leste por pista. Poboado por eucalipto, alto fuste denso con pés de carballo e bosquete de piñeiro de alto fuste denso. Sotobosque de xesta, toxo e fento. Non se aprecian outros usos.

Parcela I. Bordeada no seu linde leste por pista. Poboado por eucalipto de alto fuste pouco denso con pés de carballo. Sotobosque de xesta, toxo e fento. Non se aprecian outros usos.

Parcela J. Bordeada no seu linde leste por pista. Poboado por pés illados de eucalipto e piñeiro. Sotobosque de xesta, toxo e fento. Non se aprecian outros usos.

Parcela K. Bordeada nos seus lindes norte e leste por pista. Poboada por masa densa de acacia. Non se aprecian outros usos.

Parcela L. Bordeada no seu linde sur por pista. Poboada por piñeiros novos illados con pés adultos de carballo. Ocupada no seu centro por depósito de augas.

Parcela M. Bordeada nos seus lindes norte, sur e oeste por pista. Rasa con pés illados de eucalipto e piñeiro, matogueira de xesta e toxo. Bosquete de novedío de eucalipto no canto noroeste. Non se aprecian outros usos.

Parcela N. Bordeada no seu linde sur por pista. Poboada por rebrote denso de eucalipto. Non se aprecian outros usos.

Parcela Ñ. Bordeada nos seus lindes sur e oeste por pista. Poboada por rebrote denso de eucalipto. Non se aprecian outros usos.

Parcela O. Bordeada nos seus lindes norte, leste e sur por pista. Poboada por rebrote denso de eucalipto. Non se aprecian outros usos.

Sexto. O Rexistro da Propiedade de Ponteareas certifica que as leiras de que se insta a clasificación, coa información facilitada, non se atopan inscritas no Rexistro. Ordénanse as anotacións preventivas no Rexistro da Propiedade de Ponteareas, publícase no Concello de Ponteareas e no DOG o Anuncio do 15 de maio de 2015 polo que se inicia a clasificación dos montes Coto do Gato, Gramil e outros a favor da CMVMC de Santiago de Oliveira (DOG núm. 101, do 1 de xullo).

Sétimo. Con data do 8.10.2014, o Xurado de MVMC de Pontevedra nomea instrutora do expediente a Amalia Elsa Pazos Pintos. Con data do 25.5.2015, a instrutora notifica ao promotor da clasificación a apertura dun trámite de audiencia dun mes. Con data do 1.7.2015, Francisco Carballo Rivas xunta os seguintes documentos acreditativos da posesión do Monte Veciñal de Santiago de Oliveira:

– Escrito da CMVMC de Santiago de Oliveira notificado o 22.3.1994 ao Xurado de MVMC de Pontevedra no cal se defende a posesión dunha parcela ocupada por un campo de fútbol que se quere clasificar a favor dos veciños da parroquia de Guillade.

– Escrito do 21.3.1994 da CMVMC de Santiago de Oliveira dirixido ao presidente da sociedade de caza Coto do Santo, no cal se lle dá un prazo de 30 días para a finalización das obras dun peche ou o terreo pasará a ser xestionado pola comunidade.

– Escritos de datas do 1.6.1993 e 4.6.1993 entre a directiva da traída de augas A Volta e a CMVMC de Santiago de Oliveira referente ás obras de saneamento situadas na Brea Vella no antigo camiño vello.

– Escrito con rexistro de entrada do 11.11.1991 da CMVMC de Santiago de Oliveira dirixido ao xefe do Servizo de Montes de Pontevedra solicitando unha prórroga do expediente 182, tramitado ao abeiro da Orde do 11 de xuño de 1990, de fomento da produción forestal e a conservación dos bosques autóctonos. Memoria técnica dos traballos executados e esbozo de localización.

– Xustificante de pagamento da CMVMC de Santiago de Oliveira a un topógrafo por un informe pericial sobre a liña divisoria coa parroquia limítrofe de Celeiros.

Oitavo. Con data do 30.6.2015, Ricardo Castro Rodríguez, presidente da CMVMC de Celeiros, xunta as seguintes alegacións a este expediente:

Solicito… que se rexeite a solicitude de clasificación promovida pola C.M. de Santiago de Oliveira ao enmascarar un expediente de deslindamento propiamente dito, e con carácter subsidiario… desestimar a parcela B no que respecta aos terreos que están incluídos no límite histórico da parroquia de Celeiros, e polo que respecta ás parcelas C, D e E se proceda a respectar a liña de deslindamento no seu día acordada en virtude de sentenza xudicial e a rectificar os lindes dos particulares sinalados.

Noveno. Con data do 30.7.2015, a secretaria do xurado de MVMC remite as alegacións presentadas pola CMVMC de Celeiros durante o trámite de audiencia á CMVMC de Santiago de Oliveira para que aleguen o que consideren oportuno. Con data do 21.8.2015, Francisco Carballo Rivas xunta as seguintes alegacións:

O monte cuxa clasificación é obxecto do presente expediente respecta de forma escrupulosa o resolto xudicialmente no procedemento de menor contía núm. 144/95, tal e como resulta da planimetría presentada por esta parte ao expediente.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, define o monte veciñal en man común:

«Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade sen asignación de cotas os membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de forma continuada, así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditada a constante posesión do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. O uso ou aproveitamento en man común das parcelas: C, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ e O queda acreditado de xeito documental no expediente. O feito de que durante a tramitación do expediente non consten alegacións contra a clasificación como MVMC de terceiros que acreditasen un uso privativo destas parcelas demostra que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Santiago de Oliveira, concello de Ponteareas.

Cuarto. O uso ou aproveitamento en man común da parcela D non queda suficientemente acreditado de xeito documental. Así mesmo, o contido do informe preceptivo do Servizo de Montes, é concluínte no uso non consuetudinario desta parcela.

Quinto. O uso ou aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Santiago de Oliveira da parcela B non queda acreditado de xeito suficiente durante o procedemento de clasificación; respecto das alegacións en contra da clasificación desta parcela pola CMVMC de Celeiros tampouco poden prosperar, tendo en conta que non achega proba ningunha que fundamente a súa pretensión.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, a instrutora propón e o Xurado acorda por unanimidade dos seus membros clasificar como veciñais en man común as parcelas C, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ e O a favor dos veciños da CMVMC de Santiago de Oliveira, da parroquia de Santiago de Oliveira (Ponteareas) de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito cuarto e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución; e non clasificar como monte veciñal en man común as parcelas B e D solicitadas a favor da CMVMC de Santiago de Oliveira, Ponteareas.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 19 de xaneiro de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra