Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2017 Páx. 3775

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 19 de xaneiro de 2017 pola que se determinan os servizos mínimos, na Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, durante a folga que afectará o sector do Contact Center (centros de chamadas) o día 26 de xaneiro de 2017.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público das funcións en materia de asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou unha folga que afectará o sector do Contact Center (centros de chamadas) no ámbito territorial de Galicia. A folga desenvolverase o 26 de xaneiro desde as 00.00 ás 24.00 horas, ou ata o final da quenda naqueles casos nos que se supere as 24.00 horas. Entre o colectivo chamado á folga figura persoal da empresa GSS que desempeña o seu traballo na Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen na presente orde.

Polas características do servizo dispensado na Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, resulta imprescindible a prestación de servizos na dita central do 100 % do persoal habitual nos tramos horarios afectados pola folga, pois a carga de traballo ao longo de toda a xornada depende dun número de chamadas que non son programables, e dimensiónase periodicamente para dar cobertura ás necesidades estimadas en materia de urxencia e emerxencia sanitaria, que en ningún caso poden quedar desasistidas. Noutro caso poderían producirse graves prexuízos á cidadanía.

En consecuencia, tómase o 100 % das presenzas habituais como criterio reitor para determinar os servizos mínimos.

Artigo 2

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente. A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao persoal designado.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade