Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2017 Páx. 3607

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 6/2017, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en harmonía co disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, dispón que corresponden a esta consellería as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, así como a coordinación do sistema universitario.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no seu artigo 17 establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, ben por propia iniciativa, co acordo do consello de goberno da universidade, ben por iniciativa da universidade, mediante proposta do seu consello de goberno, en ambos os casos co informe favorable do seu consello social. A Universidade de Vigo, na sesión ordinaria do Consello de Goberno do 17 de xullo de 2015, aprobou a creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e o Pleno do Consello Social da citada universidade, reunido o 23 de xullo de 2015, emitiu informe favorable á creación da citada escola.

En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co informe preceptivo do Consello Galego de Universidades e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do doce de xaneiro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo

Autorízase a creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo para a impartición do título universitario oficial de Grao en Enxeñaría Aeroespacial.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia universitaria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria