Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 16 de xaneiro de 2017 Páx. 2179

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 29 de decembro de 2016 pola que se fixa o importe do crédito dispoñible na convocatoria de 2017 para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, tramitado como anticipado de gasto.

A Orde do 24 de maio de 2016 (DOG núm. 109, do 9 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020.

O artigo 18 da citada orde establece que a presentación das solicitudes mantense aberta ata o 1 de marzo de 2020 e que a derradeira resolución de concesión realizarase con anterioridade ao 1 de xullo de 2020.

O artigo 16 establece que as axudas se concederán con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEMP 2014-2020 sinale a correspondente lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma. En cada anualidade sucesiva, por unha orde complementaria, fixarase o crédito plurianual existente con esa finalidade e os créditos de cada ano poden ser incrementados, se é o caso, coas incorporacións dos remanentes de exercicios anteriores que legalmente correspondan.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia para 2017.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao de disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Con este fin, no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, nas aplicacións 14.03.723C.770.0 e 14.03.723C.780.0, existen partidas orzamentarias consignadas, respectivamente, polas contías de 8.026.051 e 5.444.878 euros para dar cobertura ao financiamento das axudas que se establecen nesta orde.

Por todo o anterior, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Crédito orzamentario de 2017

O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2017 e a plurianualidade asociada ás axudas que poidan concederse neste alcanza o importe de de quince millóns oitocentos cincuenta e un mil cincocentos corenta e dous euros (15.851.542 €), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:

Partida orzamentaria

2017

2018

2019

Total

14.03. 723C .770.0

4.300.000 €

4.200.000 €

4.800.000 €

13.300.000 €

14.03. 723C.780.0

411.542 €

1.190.000 €

950.000 €

2.551.542 €

Total

4.711.542 €

5.390.000 €

5.750.000 €

15.851.542 €

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria indicada, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e a súa concesión condicionarase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación.

Artigo 2. Ampliación do crédito

1. O importe fixado no artigo anterior, así como as aplicacións ás cales se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no punto 2 do artigo 30 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

2. As axudas mencionadas contan co financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca nun 85 % e da Comunidade Autónoma nun 15 %.

3. Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2016

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar