BDNS (Identif.): 328671.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolva/n a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Que a escola infantil 0-3 para a que se solicita a axuda cumpra os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento, se é o caso.
Segundo. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva de axudas económicas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, coa finalidade de consolidar a oferta existente e de ofrecer un servizo amplo de conciliación da vida familiar e laboral no que se preste unha atención educativa de calidade e cuns prezos homoxéneos para as familias.
2. Para os efectos desta orde, enténdese por nenas/os de 0 a 3 anos, as/os nacidas/os con posterioridade a 31 de decembro de 2014.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o 2017.
Cuarto. Importe
1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 3.160.152,00 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 12.02.312B.481.3.
2. A contía da axuda establecerase en función do número de unidades da escola infantil 0-3 autorizadas que estean en funcionamento na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes e da prestación do servizo de comedor, segundo os seguintes módulos para os efectos do previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei:
Centros con servizo de comedor |
Centros sen servizo de comedor |
|||
De 1 a 3 unidades |
De 4 a 6 unidades |
Con 7 ou máis unidades |
||
Contía total por unidade en funcionamento |
19.372 € |
18.496 € |
17.609 € |
15.638 € |
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2016
José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social