Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2017 Páx. 1903

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2016, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se propón a incoación do procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, do conxunto dos estaleiros de Casqueiro-Calragho, sitos na parroquia de San Martiño de Moaña, no termo municipal de Moaña.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao amparo do artigo 149.1.28 da Constitución e a teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 8.3 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, indicábase que: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, integraranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei».

Ademais o artigo 91 engade: «[...] integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia. [...] Para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade: [...]i) As fábricas de salgadura, as carpintarías de ribeira e as embarcacións tradicionais do litoral e dos ríos de Galicia».

Os bens inmobles deben integrarse nalgunha das categorías previstas, en atención ao ditado no artigo 10.1 da Lei do patrimonio cultural de Galicia, das que a máis axeitada pola súa natureza é a definida no epígrafe f) do citado artigo como: «Lugar de valor etnolóxico: o ámbito no que permanecen testemuños relevantes e recoñecibles de actividades ou construcións vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional do pobo galego que resulten de interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico».

Cómpre ter en conta que a construción de embarcacións de madeira ou a carpintaría de ribeira é unha actividade tradicional dun indubidable interese cultural antropolóxico e etnolóxico.

A actividade tradicional xorde na beira do mar ou dalgún río, onde se trazan, cortan e labran as diferentes pezas que conforman a estrutura dos barcos de madeira. Ata épocas recentes o estaleiro era un lugar situado nunha praia, exenta de edificacións, agás un pequeno galpón onde se almacenaban as ferramentas e que, posteriormente, no seu proceso evolutivo se transformaron en inmobles máis sólidos que albergan todo o proceso construtivo das diferentes embarcacións.

Trátase dunha actividade cultural dotada de múltiples valores derivados das distintas tarefas, oficios e modos de vida que a integran e que, polo tanto, constitúen una boa mostra da identidade cultural dos pobos mariñeiros, cun grande risco de desaparición e perda completa do coñecemento tanto polos cambios producidos nos tipos e tecnoloxías de construción coma polas modificacións sobre os ámbitos nos que se localizan, especialmente os costeiros. A súa presenza estendeuse a toda Galicia, se ben houbo zonas onde a construción de embarcacións tradicionais tivo e ten unha enorme importancia tanto polo número de estaleiros coma polas embarcacións construídas.

O día 3.5.2016 a Asociación Recreativa e Cultural Sueste solicita á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a súa protección, achegando informe sobre os seus valores culturais.

Á vista do seu contido e da información que acompaña ao expediente, na que se acredita a concreción da presunción dos valores culturais legalmente recoñecidos, en especial o seu valor etnolóxico e histórico, cómpre proceder á incoación do procedemento de catalogación deste ben no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, en virtude do disposto no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como ben inmoble coa categoría de lugar de valor etnolóxico, o conxunto dos estaleiros de Casqueiro e Calragho sitos na parroquia de San Martiño de Moaña no termo municipal de Moaña (Pontevedra), consonte á descrición e nivel de protección que figura no anexo I; os condicionantes e o contorno de protección recollidos no anexo II e a delimitación gráfica contida no anexo III.

Segundo. Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar de forma provisional o réxime de protección previsto para os bens catalogados en tanto se tramite o expediente, que deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito meses a partir da data desta resolución. Tras transcorrer ese prazo sen que se emitise resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e abrir un período de información pública por un prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas. O expediente poderá examinarse na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º andar, de Santiago de Compostela), ou no Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Pontevedra (rúa Fernández Ladreda, 43, 7º e 8).

Cuarto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao concello de Moaña.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2016

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I
Descrición e nivel de protección

1. Descrición.

Estaleiro de Casqueiro.

A tradición construtiva da carpintería de ribeira do estaleiro de Casqueiro remóntase a finais do século XIX, situado por aquel entón nunha nave de madeira localizada no lugar das Pillas –onde se acumula a leña– próximo á Xunqueira, pero tras sufrir un gran incendio cambia a súa localización razón pola que, en 1941 e tras a obtención da concesión administrativa, constrúese o actual estaleiro polo carpinteiro José Riobó, formado como carpinteiro de ribeira en estaleiros de Vigo, e que transmitiu o oficio ao seu fillo Pedro que o desempeñou ata a súa xubilación en 1990. Na actualidade a nave consérvase perfectamente e aínda conta coas anguías de madeira.

No exterior, a cuberta acábase con tella cerámica plana e a fachada realízase en granito. Unha vez completada a cuberta, para protexerse do vento ou da choiva lateral, instálanse no alpendre cerramentos de madeira, mediante táboas dispostas verticalmente sobre cangos de madeira como estrutura de soporte, e en moitos casos con pezas sobrantes das embarcacións.

O seu interior é diáfano. Trátase dun único espazo de forma rectangular que facilita o proceso de construción das embarcacións, sendo de maior dimensión na edificación de Casqueiro que no de Calragho.

A estrutura ocupa todo o espazo interior que envolve a cuberta, sitúa o seu eixo en posición perpendicular á beira do mar e é o espazo onde se realiza o ensamblado das pezas de madeira, procedentes do serradoiro e a construción das embarcacións. Xeralmente empregábase a terra natural compactada como pavimento xa que facilita o proceso de construción da embarcación e actúa como regulador térmico.

En canto ás súas partes integrantes poden diferenciarse:

– Secado da madeira: a zona para o secado da madeira está situada na área da parcela orientada ao sur, onde se atopa anexa unha nave menor destinada a serradoiro.

– Serradoiro: conta cuns carrís metálicos en posición perpendicular ao eixo da edificación, que serven para o transporte da madeira desde o exterior ao interior da edificación, que a dirixen á serra de cinta e facilitan así o seu manexo e corte.

– Taller: situado no mesmo espazo que o serradoiro, conta cunha entreplanta situada ao comezo da edificación, que se abre á rúa. Nesta entreplanta desenvolvíanse labores de debuxo, de construción dos modelos de medio casco, ou mesmo se almacenan algunhas cadernas ou ferramentas específicas. A súa localización na entrada e na primeira planta, permite ter control total sobre o propio espazo de construción de barcos e sobre a carpintaría en xeral.

– Muro litoral: posúe un muro continuo de cachotería de granito, que orixina unha superficie horizontal ao resgardo das subidas e as baixadas da marea e sobre a que se erixen ambas as edificacións.

– Plataforma de traballo: emprégase a superficie intermareal, que xunto á armazón, son as zonas necesarias para a construción de embarcacións ao exterior.

– Anguías-Varadoiro: formadas por unhas estruturas de madeira que axudan a transportar a embarcación do estaleiro ao mar, a resgardala ou a poñela en seco. No caso de Casqueiro, é unha estrutura formada por uns carrís metálicos de gran dimensión, empalmados cada certa distancia, que repousan sobre outros carrís de madeira e están sostidos por uns pórticos transversais.

Estaleiro de Calragho.

O estaleiro de Víctor Santomé foi creado tamén no 1941 lindeiro co anterior. Constaba de dúas naves de idénticas dimensións: unha para o corte da madeira –serradoiro–, e outra para a construción das embarcacións. Esta última ampliouse, pasando de ter catro pórticos de madeira a ter seis, e o serradoiro converteuse en vivenda. O estaleiro de Calragho actualmente é sede da asociación Sueste para mantemento, reparación e garda das súas embarcacións.

No exterior, a cuberta acábase con tella cerámica plana e a fachada realízase en fábrica de ladrillo macizo, revestido e pintado de branco. A organización espacial do interior responde a idénticas características que no caso de Casqueiro, aínda que o tamaño sexa menor. Ao desaparecer o serradoiro, para converterse en vivenda, as máquinas de corte de madeira instaláronse no mesmo espazo da estrutura.

As súas partes integrantes:

– Secado da madeira: situábase entre o serradoiro inicial e a carpintaría.

– Muro litoral: posúe un muro continuo de cachotería de granito, que orixina unha superficie horizontal ao resgardo das subidas e as baixadas da marea e sobre a que se erixen ambas as edificacións.

– Plataforma de traballo: a superficie intermareal enfrontada.

– Grada: superficie inclinada, pavimentada mediante un lousado de granito, de pouca pendente que finaliza ao chegar ao muro litoral. Está adecuada para o varado e botadura das embarcacións, pero é necesaria a axuda dunha plataforma de madeira para conectala directamente co mar.

– Anguías-Varadoiro: posúe unha anguía de madeira a modo de rampla, aínda conservada na actualidade, que permite a botadura das embarcacións constituídas por unha prolongación da grada, en vez de carrís convértese nunha plataforma inclinada formada por taboleiros de madeira soportados por pórticos estruturais, encargados de darlle a pendente e fincados directamente na area da praia de Moaña.

Bens mobles afectados pola protección.

No relativo ás ferramentas e maquinaria interior, dada a continuidade do uso tanto da propia carpintaría como das actividades culturais relacionadas con ela, non se estima que deban ser relacionadas ou afectadas pola inclusión no catálogo, xa que poderían supoñer outorgarlle unha valoración material prexudicial en relación co seu necesario uso e desgaste para a realización das actividades propias da construción tradicional das embarcacións, que é o principal valor que se protexe nelas.

Por tal sentido entenderanse só afectadas pola protección as ferramentas manuais como as definidas no expediente: barrenas de man; garlopa; garlopín, cepillos; acanalador; serra de aire; serra portuguesa, aixola, machado; sarxentos e prensas, mazas; falso escuadro ou escantillón; tractel; banco de carpinteiro; serras de man, compases.

2. Nivel de protección.

Os sistemas construtivos e os materiais das edificacións resultan sinxelos, baseados na economía de medios no inmediato da construción e na súa versatilidade, que permita adaptar a estrutura ao tipo de barco e ás diferentes intensidades dos traballos e dos encargos, polo que resultan estruturas lixeiras, sinxelas e froito ás veces dunha estrita funcionalidade sen aspiracións estéticas. Pero, ademais destas características, neste caso destacan pola súa incorporación ao tecido urbano pola disposición cara a rúa de elementos de fachadas perfectamente asimilables ás construcións residenciais do momento.

Dadas estas características considérase que o nivel de protección deste ben ten que ser o de protección ambiental que, segundo o artigo 41 da Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia, supón a conservación dos aspectos máis visibles e evidentes dos bens que, malia non presentaren un interese individual destacable, conforman o ambiente dun lugar de forma homoxénea e harmoniosa.

ANEXO II
Condicionantes e contorno de protección

1. Condicionantes.

As intervencións que se pretendan realizar nas edificacións identificadas nesta incoación, así como no contorno de protección que se define de seguido, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio.

A súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

O obxectivo principal da protección é permitir a conservación da actividade de carpintaría de ribeira como ámbito no que se poida realizar a actividade tradicional ou o seu coñecemento e posta en valor a través das actividades culturais relacionadas coa historia, produción e sistemas relacionados coa construción de embarcacións e a cultura mariñeira de Moaña e o Morrazo en xeral.

Os usos permitidos serán todos os historicamente asociados ao lugar, entre os que deben priorizarse os existentes, que son o de construción e reparación de embarcacións e, asociado a el, o de vivenda; pero tamén poden admitirse e son recomendables como actividades de salvagarda dos valores culturais etnolóxicos asociados, os que supoñan a posta en valor e goce patrimonial do espazo etnolóxico e contribúan á consecución destes fins.

Así mesmo, as pezas e maquinarias de interese histórico, técnico e industrial dos inmobles industriais que se conserven, segundo a descrición que acompaña a esta resolución, manteranse como elementos integrantes dese espazo etnolóxico e, aínda no caso de ficar en desuso, deberán ser conservadas no ámbito das edificacións protexidas.

No que refire ao réxime de protección no contorno, en especial nas fachadas das edificacións incluídas no contorno na fronte litoral ao oeste das carpintarías de ribeira, as actuacións sobre o tecido construído e a urbanización buscarán unha harmonía no referido ao uso de materiais, cromatismo e sistemas construtivos, e que sigan a permitir a lectura do uso tradicional deste espazo.

2. Contorno de protección.

Dada a natureza dos inmobles, completamente integrado no núcleo urbano de Moaña e mantendo ao longo de tres cuartos de século o seu carácter identitario, atenderase ao disposto nos artigos 29 e seguintes da Lei 5/2016, para delimitar exclusivamente un contorno de protección.

Así pois, identificarase como contorno de protección o espazo comprendido por terra entre a avenida de Concepción Arenal, incluídas as fachadas que miran ao mar, desde o número 36 ata o 16, ambos incluídos, e, desde aquí, trazando unha liña recta coincidente co linde exterior do espazo público contiguo ao antigo serradoiro do estaleiro de Calragho, ata chegar a liña trazada na costa polo colector existente a altura da baixamar ata o seu encontro coa liña de costa, no vértice da parcela ocupada pola Casa do Mar, cuxa liña delimitadora externa pechara a zona, prolongándose ata encontrarse co número 36 da avenida de Concepción Arenal.

ANEXO III
Delimitación gráfica do ben e contorno de protección

missing image file