Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2017 Páx. 1119

IV. Oposicións e concursos

Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2016 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante neste instituto.

A Lei 3/2004, do 7 de xuño (DOG núm. 116, do 17 de xuño), crea o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) como un ente de dereito público con personalidade xurídica propia e patrimonio propio e con plena capacidade e autonomía para o cumprimento dos seus fins, adscrito á Consellería do Mar. O seu regulamento foi aprobado polo Decreto 41/2005, do 17 de febreiro (DOG núm. 49, do 11 de marzo).

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia configúrase como un ente de dereito público sometido ao disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para as axencias públicas autonómicas.

Por todo o exposto, de acordo coas facultades conferidas pola Lei 3/2004, do 7 de xuño, pola que se crea o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, e de conformidade co disposto no artigo 7.2.b) do V Convenio único do persoal laboral da Xunta de Galicia e coa autorización conxunta da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Orzamentos e Planificación de Fondos,

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta resolución.

Segundo. Poderán concorrer a ela os seguintes empregados públicos: persoal laboral fixo do Intecmar, persoal laboral fixo da Xunta de Galicia e persoal funcionario de carreira, que reúna as condicións que, para o posto, se sinalan no anexo I.

Terceiro. As solicitudes para participar nesta convocatoria dirixiranse por escrito ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Peirao de Vilaxoán, s/n, 36611 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), no prazo de 15 días contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe como anexo II, e poderán presentarse en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán xuntarlle á petición un currículo e xustificar documentalmente os méritos que aleguen. Os méritos alegados e non probados non serán tidos en conta.

Quinto. No caso de que resulte seleccionado/a para ocupar o posto de traballo que se relaciona no anexo I desta resolución, un laboral fixo ou un/unha funcionario/a con destino noutra Administración, requirirase o informe favorable do departamento onde preste servizos, considerándose favorable de non emitirse no prazo de quince días, segundo o disposto no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá, de considerarse oportuno, declararse deserta.

Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.

O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cando o/a adxudicatario/a do posto coa súa toma de posesión reingrese ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles.

Oitavo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a presidenta do Intecmar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vilaxoán, 26 de decembro de 2016

Rosa Mª Quintana Carballo
Presidenta do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia

ANEXO I

Denominación do posto de traballo: subdirector/a do Intecmar.

Código do posto de traballo: 410002.

Centro directivo: Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

Localidade: Vilaxoán.

Dependencia: Dirección do Intecmar.

Grupo: I.

Categoría: 10, 3, 39, 19, 5.

Tipo de adscrición: adscrición indistinta a laborais fixos do Intecmar, funcionarios/as ou laborais fixos da Xunta de Galicia, Estado, CC.AA. e Administración local.

Formación específica: para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (R.I.).

ANEXO II

Modelo de solicitude

DATOS PERSOAIS:

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI

Data de nacemento

Domicilio, rúa e nº

Provincia

Localidade

Teléfono

NO CASO DE PRESTAR SERVIZOS NA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA:

Vínculo xurídico

Categoría profesional

Situación administrativa

Destino actual

Formación académica

SOLICITO:

Ser admitido/a na convocatoria para prover o posto de traballo, polo sistema de libre designación, anunciado pola Resolución do 26 de decembro de 2016, ao considerar que reúno os requisitos exixidos para tomar parte no dito proceso.

Data e sinatura: