Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 9 de xaneiro de 2017 Páx. 803

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a concellos de Galicia para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32, que corresponde ao Goberno da nosa Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asume as competencias que a facultan para a dirección e coordinación das atribucións da consellería en materia de promoción do libro e da lectura, así como nas materias de bibliotecas e arquivos. Así mesmo, compételle a xestión administrativa e a organización de axudas e instrumentos de colaboración coas corporacións locais en materia de bibliotecas.

Á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, correspóndelle establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

Así mesmo, as bibliotecas públicas teñen entre as súas funcións poñer á disposición da cidadanía os seus fondos bibliográficos e recursos informativos de maneira libre e gratuíta, mediante a súa consulta en sala, en rede ou mediante o préstamo nas súas diferentes modalidades. As coleccións deben estar actualizadas e dar resposta ás necesidades dos usuarios.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria veu desenvolvendo en exercicios anteriores un sistema de apoio ás bibliotecas públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, mediante a convocatoria anual dun programa de mellora das coleccións bibliográficas. Desde o ano 2014 faise mediante a convocatoria de subvención plurianual que permite aos técnicos bibliotecarios municipais contar cunha maior marxe para planificar as adquisicións de novidades e melloras para as coleccións das bibliotecas e, así, incrementar a oferta e o servizo aos usuarios, atendendo, de forma especial, ás campañas de verán e Nadal, nas cales se incrementa a demanda deste servizo de xeito exponencial.

As bases reguladoras das subvencións previstas nesta orde establecen un procedemento de concesión que ten a consideración de concorrencia non competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e o obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas será realizada pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo como único criterio para a repartición dos fondos a poboación a que debe atender o servizo bibliotecario.

De acordo con todo o anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, no eido concreto das corporacións locais e das súas entidades públicas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, considera necesaria a mellora dos fondos bibliográficos das bibliotecas públicas de Galicia, co obxectivo de posibilitar a adquisición de novidades e dar cumprida resposta ás demandas dos usuarios.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que me foron conferidas e logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras da subvención para a adquisición de fondos bibliográficos con destino ás bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia para o ano 2017.

A finalidade é posibilitar a mellora dos fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia, mediante a adquisición de novidades bibliográficas, co fin de colaborar na súa actualización e mantemento e, deste xeito, dar cumprida resposta ás demandas dos usuarios.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión destas subvencións realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

b) Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

f) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E, suplementariamente:

g) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

h) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

i) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

j) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

Artigo 4. Procedemento de concesión das subvencións

O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase mediante o rateo do orzamento entre os solicitantes que cumpran as condicións establecidas, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Fondos bibliográficos obxecto de subvención e exclusións

1. Será obxecto desta axuda a compra de monografías (tanto libro infantil como libro dirixido ás persoas adultas), material sonoro (CD e vinilo), videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico (mapas e planos). Estes materiais deberán estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.

2. O número máximo de exemplares que se poderán adquirir por título será de 3.

3. Un 25 % do importe concedido destinarase á adquisición de fondo bibliográfico editado en lingua galega.

4. Non serán obxecto desta axuda reproducións facsimilares, gravados, grandes obras de consulta (enciclopedias en varios volumes, repertorio de xenealoxía e heráldica, etc.), pinturas, publicacións periódicas (revistas, xornais, boletíns…) ou calquera outro material non mencionado no punto 1.

Artigo 6. Beneficiarios das subvencións

1. Poderán optar a estas subvencións os concellos de Galicia, titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas de Galicia.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Axudas

A contía indicativa inicial da subvención determinarase en función do número de habitantes de cada concello solicitante, segundo as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2015 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:

– Menos de 2.000: recibirán un máximo de 800 €.

– De 2.001/5.000: recibirán un máximo de 1.500 €.

– De 5.001/10.000: recibirán un máximo de 2.000 €.

– De 10.001/20.000: recibirán un máximo de 2.500 €.

– De 20.001 a 30.000: recibirán un máximo de 3.000 €.

– De 30.001 a 50.000: recibirán un máximo de 4.000 €.

– Máis de 50.001: recibirán un máximo de 5.000 €.

O cálculo da axuda que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible (350.000,00 €) sobre o total de subvención que se vai conceder segundo a táboa anterior (sumatorio do número de concellos por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A devandita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.

Artigo 8. Imputación orzamentaria e contía

1. As axudas reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017 e o importe global destinado ascende a trescentos cincuenta mil euros (350.000 €). A tramitación desta orde faise por tramitación anticipada e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para 2017.

2. A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. O día 2 de decembro de 2016 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o proxecto de orzamento para 2017; neste proxecto existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

3. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para o mesmo fin, sempre que a suma delas non supere o importe total do investimento realizado para este fin.

Artigo 10. Requisitos para a participación

1. O concello deberá ter realizado, no período comprendido entre o 1 de maio de 2016 e o 31 de decembro de 2016, un investimento na adquisición de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal, con cargo aos orzamentos do concello. Este investimento deberá ser igual o superior ao 20 % da cantidade máxima que se pode conceder segundo o establecido no artigo 7 desta orde.

Quedan excluídos deste investimento a adquisición de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal realizada cos fondos procedentes doutras axudas ou subvencións públicas.

2. A biblioteca ou axencia de lectura pública municipal debe estar integrada na Rede de bibliotecas de Galicia ou ter solicitado a súa integración (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvención reguladas nesta orde.

3. O cumprimento dun mínimo de 15 horas semanais de apertura ao público da biblioteca ou axencia de lectura.

4. Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2015 e remitida á Secretaría Xeral de Cultura.

5. Ter informatizada a xestión da biblioteca ou axencia de lectura.

6. Ter cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

7. Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

1. Os concellos que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

2. A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) de conformidade co establecido nos artigos 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365
(https://sede.xunta.gal/chave365)

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

No caso de que algún dos documentos que debe presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación.

Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. Á solicitude xuntaráselle a documentación que a seguir se relaciona:

a) Certificado expedido polo/a secretario/a ou interventor/a do gasto realizado con fondos propios do concello, na adquisición de fondos bibliográficos comprendido entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2016.

b) Certificado expedido polo/a secretario/a ou interventor/a do concello da media semanal de horas de apertura ao público da biblioteca ou bibliotecas e/ou axencias de lectura.

c) Copia do certificado da remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral do exercicio 2015.

d) No caso de que a axencia de lectura ou biblioteca municipal non estean integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, copia da solicitude de integración (segundo o modelo do anexo IV do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro).

Artigo 12. Emenda de solicitudes

Se a documentación presentada é incompleta ou presenta erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Instrución do procedemento e selección das solicitudes

1. Corresponde á Subdirección Xeral de Bibliotecas a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolver de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselle a cantidade final que resulte da repartición da cantidade total entre a totalidade das solicitudes correctamente recibidas, segundo o criterio establecido no artigo 4. No suposto de que, unha vez adxudicada a cantidade establecida no artigo 4 entre todas as solicitudes correctamente presentadas exista un remanente, este repartirase entre as solicitudes admitidas coa mesma proporción prevista no dito artigo.

Realizada a repartición, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución ao secretario xeral de Cultura quen resolverá por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 14. Resolución

O secretario xeral de Cultura, por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de concellos beneficiarios e as cantidades concedidas e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, farase pública no portal da Rede de bibliotecas de Galicia (http://rbgalicia.xunta.gal) e na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Artigo 15. Notificación e desestimación

1. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As notificacións practicaranse só por medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Aceptación da axuda

1. Publicada a resolución definitiva polo órgano competente, no portal da rede de bibliotecas de Galicia (http://rbgalicia.xunta.gal) e na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante do beneficiario.

Artigo 17. Xustificación

1. Considerarase gasto realizado o importe dos libros recibidos e efectivamente pagados entre a publicación desta convocatoria e o 15 de setembro de 2017. Non se considera gasto realizado o importe dos libros pagados con fondos propios do concello, que serviron de requisito para obter a condición de beneficiario da axuda.

2. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, dirixida á Secretaría xeral de Cultura, Subdirección xeral de Bibliotecas, con data límite do 30 de setembro de 2017, sempre que non se opoña ao que se establece na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de peche de exercicio.

3. Documentación xustificativa:

a) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Anexo II.

b) Certificado de axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto desta subvención.

c) Certificado da persoa responsable da Secretaría ou Intervención do Concello de que os fondos bibliográficos recibidos a través desta orde pasan a formar parte da colección da biblioteca e no que conste a contía dos libros adquiridos en lingua galega. Anexo III.

d) Documentos acreditativos do gasto realizado:

1. Se presenta conta xustificativa, expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/alcaldesa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

– Nome do provedor, número de factura, relación de libros adquiridos e número de exemplares, importe da factura, data de emisión da factura e data de pagamento. De non constar algún destes datos comporta a obriga de acollerse ao punto 2.

2. Se non presentan conta xustificativa, deben achegar os seguintes documentos:

– Facturas orixinais ou copias compulsadas, nas cales se relacionan os libros adquiridos. De non figurar este dato na factura, enviarán o albará xunto coa factura.

– Xustificantes bancarios orixinais do pagamento en que conste identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda e identificación do destinatario do pagamento que deberá coincidir coa persoa que emitiu a factura. Non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

Nestes documentos deberán quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

4. A documentación requirida na fase xustificativa presentarase electronicamente, accedendo ao expediente do presente procedemento na Carpeta do cidadán da entidade local que presentou a solicitude de inicio, https://sede.xunta.es/carpeta-do-cidadan, mediante o formulario normalizado habilitado ao efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Os concellos que non xustifiquen a totalidade da subvención ou os que xustifiquen un importe inferior ao 50 % do concedido serán penalizados cun desconto do 50 % do que lle correspondería na seguinte convocatoria.

Artigo 18. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, e antes de procederen ao seu pagamento, a Secretaría Xeral de Cultura realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento do investimento subvencionado.

2. A falta de xustificación ou xustificación insuficiente, así como a presentación da documentación xustificativa despois do prazo sinalado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo proceda, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto nos artigos 9 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal fosen concedidos. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución das axudas.

3. Os beneficiarios quedan obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Co obxecto de apoiar o crecemento competitivo e equilibrado de todo o territorio galego, os provedores dos materiais obxecto destas axudas deberán ser, preferentemente, empresas de comercio retallista da contorna municipal.

Artigo 20. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

Artigo 21. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 22. Publicidade

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. As entidades solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios, creado polo artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde.

Artigo 23. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar, entón, a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe en libros concedido. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Mellora das coleccións» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral de Cultura. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Subdirección Xeral de Bibliotecas, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a subdireccion.bibliotecas@xunta.gal

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file