Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2017 Páx. 514

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de decembro de 2016 pola que se modifica a Orde do 10 de febreiro de 2012 pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 69.4, establece que corresponde ás administracións educativas, no ámbito das súas competencias, organizar periodicamente probas para que as persoas maiores de vinte anos poidan obter directamente o título de bacharel, sempre que demostren ter alcanzado os obxectivos do bacharelato establecidos no seu artigo 33, así como os obxectivos fixados nos aspectos básicos do currículo correspondente.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, modificou en distintos aspectos a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e estableceu unha nova configuración curricular do bacharelato que afecta o agrupamento das materias e a súa organización e distribución nos dous cursos de bacharelato.

O Real decreto 1105/2014, do 26 de decembro, establece o currículo básico da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

O Decreto 86/2015, do 25 de xuño, establece o currículo da educación secundaria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 10 de febreiro de 2012 dispón as características básicas, a estrutura e fixa as disposicións de carácter xeral que regulan a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Co obxecto de adaptar a proba de obtención directa do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos á estrutura definida pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, procede modificar a citada Orde do 10 de febreiro de 2012.

De conformidade co exposto e no uso das competencias que me son atribuídas na lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 10 de febreiro de 2012 pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Modifícase a Orde do 10 de febreiro de 2012 pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia nos seguintes termos:

Un. O artigo 2 queda redactado do seguinte modo:

Artigo 2. Finalidade da proba

As probas teñen como finalidade verificar se se alcanzaron os obxectivos do bacharelato, establecidos no artigo 33 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, así como os fixados nos aspectos básicos do currículo recollidos no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Dous. O artigo 10 queda redactado da seguinte forma:

Artigo 10. Estrutura da proba

1. A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as modalidades de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais.

2. A proba constará de dous exercicios, o primeiro deles dedicado ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II e ás materias xerais do bloque de materias troncais. O segundo versará sobre as materias xerais propias e as materias troncais de opción correspondentes a cada modalidade e itinerario.

3. Os contidos dos exercicios terán como referente os aspectos básicos do currículo recollido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O primeiro exercicio comprenderá as seguintes materias: Lingua Galega e Literatura I e II, Lingua Castelá e Literatura I e II, Primeira Lingua Estranxeira I e II e as materias de Filosofía e Historia de España. Terá como obxectivo valorar a madureza intelectual e a formación xeral da persoa aspirante naquelas competencias que favorecen a aprendizaxe ao longo da vida. Será común para as dúas modalidades e estruturarase en catro partes:

a) Primeira parte. Lingua Galega e Literatura I e II.

b) Segunda parte. Lingua Castelá e Literatura I e II.

c) Terceira parte. Primeira Lingua Estranxeira I e II.

d) Cuarta parte. Resposta por escrito a unha serie de cuestións relativas aos contidos das materias de Filosofía e Historia de España.

5. O segundo exercicio terá un carácter diferenciado en función da modalidade escollida. Estruturarase en tres partes:

a) Primeira parte: realizaranse as probas das materias troncais xerais propias de cada modalidade. Para a modalidade de Ciencias, realizaranse as probas das materias de Matemáticas I e II. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, segundo o itinerario escollido, realizaranse as probas das materias de Latín I e II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais I e II.

b) Segunda parte: realizaranse as probas das materias troncais de opción. Para a modalidade de Ciencias, a persoa aspirante escollerá unha entre as seguintes opcións: Física e Química e Física, Física e Química e Química ou Debuxo Técnico I e II. Para a modalidade e itinerarios de Humanidades e Ciencias Sociais, a persoa aspirante seleccionará unha opción entre Economía e Economía da Empresa ou Historia do Mundo Contemporáneo e Xeografía.

c) Terceira parte: realizaranse as seguintes probas de materias troncais de opción de modalidade. Para a modalidade de Ciencias, a persoa aspirante elixirá unha opción entre Bioloxía e Xeoloxía e Bioloxía ou Bioloxía e Xeoloxía e Xeoloxía. Para a modalidade e itinerarios de Humanidades e Ciencias Sociais a persoa aspirante seleccionará unha opción entre as materias de Grego I e II, Literatura Universal e Historia da Arte ou Literatura Universal e Historia da Filosofía.

6. Os protocolos das probas e os criterios de cualificación serán elaborados pola Dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o regulado na presente orde.

7. Os protocolos serán remitidos pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa á xefatura ou xefaturas territoriais correspondentes para a súa entrega ao presidente ou presidentes dos tribunais.

Tres. O artigo 13 queda redactado do seguinte modo:

Artigo 13. Superación parcial da proba

1. As persoas aspirantes que teñan superadas as materias de Lingua Galega e Literatura I e II, Lingua Castelá e Literatura I e II, Primeira Lingua Estranxeira I e II, Filosofía e Historia de España terán validado o primeiro exercicio. Neste caso, a cualificación do exercicio será a media das devanditas materias expresada con números enteiros, redondeada á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

2. As persoas aspirantes que teñan superadas as materias de Matemáticas I e II na modalidade de Ciencias, as materias Latín I e II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais I e II da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais e as materias de Fundamentos da Arte I e II na modalidade de Artes, así como outras catro materias troncais de opción (das que tres deberán ser da modalidade e itinerario elixidos) terán validado o segundo exercicio. Neste caso, a súa cualificación será a media das materias superadas, expresada con números enteiros, redondeada á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

3. As persoas aspirantes que estean en posesión do título profesional de música ou danza terán validado o segundo exercicio. A súa cualificación será a media aritmética das materias dos cursos 5º e 6º das ditas ensinanzas na correspondente especialidade, redondeada a números enteiros co mesmo criterio expresado nos puntos anteriores. No caso do alumnado que acceda directamente a 6º curso das ensinanzas profesionais de música e danza, para o cálculo da nota media serán consideradas as cualificacións das materias do dito curso.

4. As persoas aspirantes que teñan superadas seis materias de modalidade cursadas de acordo co establecido no Decreto 231/2002, do 6 de xuño, polo que se modifica o Decreto 275/1994, ou cursadas de acordo co establecido no Decreto 275/1994, do 29 de xullo, terán validado o segundo exercicio, sempre e cando entre esas materias se atopen as materias de Matemáticas I e II para a modalidade de Ciencias, as materias de Latín I e II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais I e II, segundo o itinerario escollido, para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais e as materias de Fundamentos da Arte I e II para a modalidade de Artes. Cando exista un cambio de denominación das materias cursadas, aplicaranse os cadros de correspondencias de materias incluídos no anexo da Orde EDU/2395/2009, do 9 de setembro (BOE do 12 de setembro), e no anexo da Orde ECD/462/2016, do 31 de marzo (BOE do 5 de abril). Nestes casos, a cualificación do exercicio será a media desas materias de modalidade expresada con números enteiros, redondeada á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

5. O alumnado que accedese directamente a segundo de bacharelato por ter superado estudos equivalentes para efectos académicos ao primeiro de bacharelato e tivese superadas as materias de Lingua Galega e Literatura II, Lingua Castelá e Literatura II, Primeira Lingua Estranxeira II e Historia de España terá validado o primeiro exercicio. Neste caso, a cualificación do exercicio será a media desas materias expresada con números enteiros, redondeada á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

6. Cando o alumnado referido no punto anterior tivese superadas no segundo curso de bacharelato a materia troncal xeral propia e dúas materias troncais de opción da mesma modalidade e itinerario elixidos, terá validado o segundo exercicio. Neste caso, a cualificación do exercicio será a media desas materias de modalidade expresada con números enteiros, redondeada á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

Catro. Modifícase parcialmente o artigo 14.2, que queda redactado así:

2. O alumnado que validase o exercicio de materias de modalidade por posuír o título profesional de música ou danza será proposto para a obtención do título de bacharel na modalidade de Artes.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar as instrucións necesarias para a execución do establecido na presente orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria