Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2016 Páx. 57026

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 29 de decembro de 2016 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións leiteiras, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito coas entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

BDNS (Identif.): 327234.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán acceder ás liñas de financiamento previstas nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño) da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou estean na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica, o préstamo deberá estar formalizado a nome da entidade e deberá ser asinado por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

En calquera caso, deberán desenvolver a actividade de explotación de gando bovino para a produción de leite e ter radicado o centro da súa actividade económica en Galicia.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto adecuar e reforzar a estrutura financeira das explotacións leiteiras.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 29 de decembro de 2016 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións leiteiras, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito coas entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións de subvención nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700, por un importe de 1.200.000 € para o exercicio 2017, e un importe de 400.000 € para o exercicio 2018.

Así mesmo, as dotacións ao fondo de garantía do Igape para a cobertura do risco dos reavais faranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.8900, cun crédito de 149.600 € para o exercicio 2017.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado nas entidades financeiras iniciarase o 2 de xaneiro de 2017 e rematará o 31 de outubro de 2017. As axudas concederanse de conformidade co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 31.4 da citada Lei de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2016

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica