Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2016 Páx. 56945

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2016 pola que se aproban as bases de subvencións á produción escénica e se convocan para o ano 2017.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo da axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores. A axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, pola súa vez, aumentar a exportación. Os destinatarios da axencia son as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, así como de espectáculos ao vivo.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere seguir impulsando o marco de actuación baseado en tres premisas substanciais:

1. O incremento de público.

2. A consolidación de industrias culturais competitivas que xere un retorno.

3. A busca da excelencia nos produtos culturais galegos.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbase a convocatoria pública de subvencións á produción escénica para o exercicio 2017 de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da produción da actividade escénica, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para este ano 2017.

A finalidade das subvencións é o fomento da produción escénica, en calquera das súas modalidades e disciplinas artísticas, por parte de compañías profesionais con actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, estreada entre o 1 de abril de 2017 ata o 31 de marzo de 2018. A produción deberá iniciarse no exercicio 2017.

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dos seus organismos dependentes.

4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.

5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

7. As subvencións serán concedidas, de acordo cos principios sinalados no parágrafo anterior, mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

Segunda. Beneficiarios

1. Dentro dos límites orzamentarios e, de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas, físicas ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, quedando exceptuadas as asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.

No suposto da modalidade 1 (empresas de nova creación), ademais dos requisitos anteriores, é preciso que a antigüidade da compañía non sexa superior aos 5 anos. Para estes efectos, a constitución e antigüidade da compañía contabilizarase desde a última data da alta no IAE, na actividade de produción ou distribución de espectáculos de artes escénicas.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.

Terceira. Modalidades, orzamento e imputación de créditos e contía

1. As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as que seguen:

• Modalidade 1. Subvencións á produción de espectáculos de empresas de nova creación, e con proxectos que non superen os 20.000 euros de orzamento.

• Modalidade 2. Subvencións á produción de espectáculos de pequeno formato, que son aqueles compostos por un máximo de tres actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 30.000 euros de orzamento.

• Modalidade 3. Subvencións á produción de espectáculos de mediano formato, que son aqueles compostos por entre catro e sete actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 60.000 euros de orzamento.

• Modalidade 4. Subvencións á produción de espectáculos de gran formato, que son aqueles compostos por máis de sete actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 80.000 euros de orzamento.

2. O importe global máximo das subvencións anteriormente detalladas será de 600.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, distribuído entre as anualidades 2017 e 2018: 100.000 euros con cargo ao exercicio 2017, e 500.000 euros con cargo ao exercicio 2018. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda, e sempre antes da resolución de concesión. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

3. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2016 poderase chegar como máximo, ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso do gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

4. A axuda subvencionará, en todas as modalidades, estritamente gastos da fase de produción dos espectáculos; é dicir, aqueles xerados ata a data da estrea.

5. A contía que obterán os proxectos subvencionados fixarase atendendo ao plan económico financeiro presentado, á contía solicitada e á puntuación obtida, co límite do 85 % do orzamento na modalidade 1 e do 75 % nas modalidades 2, 3 e 4.

6. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por un mesmo solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por persoa física ou xurídica. A persoa solicitante deberá establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados, que a comisión de valoración terá en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas empresas ou entidades. Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.

Cuarta. Inicio do procedemento: presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as persoas representantes delas.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Estas bases, así como as solicitudes e os anexos que se xuntan, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á «Carpeta do cidadán» da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Quinta. Prazo

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase, ademais, que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Sexta. Documentación requirida aos solicitantes

1. Ás solicitudes dos interesados xuntaranse os documentos e informacións previstos no parágrafo seguinte, salvo que a documentación exixida xa estivese en poder da Agadic; neste caso, o solicitante poderase acoller ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e quedará eximido da súa presentación, sempre e cando así o faga constar e especifique a data e o órgano ou a procedencia en que foron presentados ou emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan; todo isto de conformidade co estipulado no artigo 20.3 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Ademais da solicitude, os interesados nestas subvencións presentarán a seguinte documentación:

2.A. Con carácter xeral, a seguinte documentación, mediante fotocopia compulsada ou debidamente autenticada:

1º. Copia do DNI ou NIE do solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

2º. Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda (empresas de espectáculos), no exercicio actual, só no caso de que o interesado denegue expresamente a súa consulta.

3º. DNI ou NIE do representante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

3º. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

– Copia compulsada ou cotexada do NIF ou documento equivalente, só no caso de que o interesado denegue expresamente a súa consulta.

– Copia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda;

– Documentación que acredite de forma suficiente a representación de quen asina a solicitude.

– Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

No suposto de se tratar de sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, deberán nomear un representante ou apoderado legal único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación (deberán facer constar tal circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda, debendo igualmente facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se lle aplicará a cada un).

Así mesmo, deberáselle exixir a este tipo de agrupacións sen personalidade xurídica propia o compromiso de non disolución destas ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.B. Documentación específica:

2.B.1. Memoria do proxecto (en tamaño A4 e sen encadernar), que inclúa separadamente o tratamento, por parte dos solicitantes, dos seguintes puntos:

2.B.1.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.

2.B.1.2. Estratexias de difusión e promoción do proxecto.

2.B.1.3. Repercusión do proxecto na creación e fomento de públicos para as artes escénicas.

2.B.1.4. Viabilidade técnica e económica do proxecto proposto tendo en conta especialmente o orzamento, os recursos empresariais implicados e a adecuación do proxecto e do orzamento aos obxectivos que se perseguen.

2.B.1.5. Memoria de dirección.

2.B.2. Certificación acreditativa da titularidade dos dereitos de autor. Nun primeiro momento (e durante o trámite de presentación da solicitude da subvención), poderase achegar unicamente a acreditación da súa solicitude. Non obstante, a dita titularidade deberase acreditar con anterioridade ao aboamento da subvención.

2.B.3. Memoria da empresa (anexo II).

2.B.4. Memoria das actividades realizadas pola compañía (anexo III). Non se terán en conta os espectáculos ou funcións non recollidos no anexo.

2.B.5. Ficha de produción (anexo IV).

2.B.6. Historial do elenco artístico (anexo V). Só se terán en conta os méritos que xunten a debida acreditación.

2.B.7. Plan económico financeiro (anexo VI).

2.B.8. Compromiso de contratación dos integrantes do elenco artístico, asinado tanto pola empresa como polo traballador, coa declaración expresa de non participación en máis de tres proxectos escénicos e referidos os salarios ao convenio en vigor (anexo VII).

2.B.9. Acreditación documental dos premios á compañía do anexo II, da memoria das actividades realizadas do anexo III e do historial do elenco artístico do anexo V.

A documentación complementaria presentarase por vía electrónica por aquelas persoas obrigadas a esta. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A documentación complementaria, e só para o caso daquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, tamén poderá presentarse por vía electrónica ou en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Sétima. Autorizacións e consentimentos

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. Estas bases, así como as solicitudes e os anexos que se xuntan, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Oitava. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Subvencións» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: agadic@xunta.gal.

Novena. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude do cal se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir aos solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

3. A avaliación das solicitudes presentadas farase en dúas fases. A primeira será a avaliación dos criterios automáticos establecidos na base décimo primeira, e será levada a cabo por unha comisión de formada por persoal da Agadic. A segunda será a avaliación dos criterios artísticos, e será levada a cabo por unha comisión formada por expertos na materia. A puntuación final dos proxectos propostos para ser subvencionados consistirá na suma de ambas as valoracións.

As dúas comisións reuniranse para poñer en común o resultado de cada unha das fases, e emitirán un informe relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, indicarán a puntuación asignada a cada un deles e farán unha proposta dos que se consideran subvencionables.

4. Unha vez entregado o informe preceptivo por parte das comisións de valoración, a dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución e indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas. A contía proposta para cada proxecto calcularase mediante a adxudicación dun valor do punto, consistente en distribuír a contía entre o total de puntos recibidos por todas as compañías, por modalidades, e asignar a contía final proporcionalmente aos puntos percibidos.

Os proxectos propostos polas comisións e pola dirección da Agadic para ser subvencionados recibirán unha puntuación adicional por número de intérpretes (actores, manipuladores, bailaríns e músicos en escena) para efectos da asignación das contías que se lles adxudiquen, tendo en conta os límites de cada modalidade e segundo se especifica de seguido:

Modalidade 1. Subvencións á produción de espectáculos de empresas de nova creación:

– 1 intérprete: 0 puntos.

– 2 intérpretes: 5 puntos.

– 3 intérpretes: 10 puntos.

– Máis de 4 intérpretes: 15 puntos.

Modalidade 2. Subvencións á produción de espectáculos de pequeno formato:

– 1 intérprete: 0 puntos.

– 2 intérpretes: 5 puntos.

– 3 intérpretes: 10 puntos.

Modalidade 3. Subvencións á produción de espectáculos de mediano formato:

– 4 intérpretes: 0 puntos.

– 5 intérpretes: 5 puntos.

– 6 intérpretes: 10 puntos.

– 7 intérpretes: 15 puntos.

Modalidade 4. Subvencións á produción de espectáculos de gran formato:

– 8 intérpretes: 0 puntos.

– 9 intérpretes: 5 puntos.

– Máis de 10 intérpretes: 10 puntos.

Décima. Comisións de valoración

Para a avaliación das solicitudes presentadas, constituiranse dúas comisión de valoración, das cales non poderán formar parte aquelas persoas que estean directa ou indirectamente relacionadas cos expedientes obxecto de valoración. Tanto estas comisións como o órgano instrutor especificado na base anterior poderán solicitar dos interesados cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para unha máis correcta baremación dos proxectos.

As comisións serás nomeadas polo director da Agadic e estarán integradas por un membro do cadro de persoal da Agadic (que exercerá as funcións de secretario das comisións, con voz e sen voto) e polos seguintes vogais:

1. Para a avaliación dos criterios automáticos, tres persoas do cadro de persoal da Agadic, dos grupos I e/ou II.

2. Para a avaliación dos criterios artísticos, tres expertos externos, nomeados pola Dirección da Agadic de entre persoas de recoñecido prestixio no mundo das artes escénicas en Galicia.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os membros da comisión declararán por escrito non ter relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

Décimo primeira. Criterios de valoración e baremación

A valoración das solicitudes presentadas realizarase de acordo cos seguintes criterios, para cada unha das modalidades:

A. Criterios automáticos.

1. Valoración da empresa: 14 puntos.

1.1. Porcentaxe mínima da subvención solicitada sobre o orzamento do proxecto: 4 puntos.

– Máis de 70 % ata o 85 %: 1 punto.

– Máis do 65 % ata o 70 %: 2 puntos.

– Entre 55 % e 65 %: 3 puntos.

– Menos do 55 %: 4 puntos.

1.2. Facturación media da empresa dos últimos 3 anos: 4 puntos.

– Entre 20.000 euros e 50.000 euros: 1 punto.

– Máis de 50.000 ata 100.000 euros: 2 puntos.

– Máis de 100.000 ata 200.000: 3 puntos.

– Máis de 200.000: 4 puntos.

1.3. Nivel de contratación de persoal: 4 puntos (cálculo realizado sobre a media do importe das cotizacións á Seguridade Social da empresa –socios traballadores e contratados laborais– nos últimos tres anos naturais na rama de actividade de empresas de espectáculos).

– Máis de 2.000 euros: 1 punto.

– Máis de 5.000 euros: 2 puntos.

– Máis de 10.000 euros: 3 puntos.

– Máis de 18.000 euros: 4 puntos.

1.4. Premios á compañía ou a espectáculos da compañía a excepción dos de texto, dirección e interpretación, que consten na documentación debidamente acreditados: 2 puntos.

– 0,25 puntos por premio presentado ata un máximo de 2 puntos.

2. Capacidade de produción e distribución: 20 puntos.

2.1. Nivel de produción: 5 puntos.

– 0,5 por espectáculo producido durante os últimos tres anos naturais, dun mínimo de 35 minutos de duración (agás para espectáculos de danza), con 10 ou máis representacións realizadas (5 para os espectáculos de danza).

2.2. Nivel de distribución: 15 puntos.

Media anual de funcións distribuídas nos últimos tres anos. Terán a consideración de funcións aquelas que supoñan unha contraprestación económica e unha duración mínima de 35 minutos. Non se exixirá duración mínima para espectáculos de danza. Para a contabilización das funcións realizadas de cada espectáculo, aplicarase a seguinte dobre ponderación:

– Ponderación 1: funcións realizadas fóra de Galicia: 1,5; funcións realizadas en Galicia, incluídas as da RGTA, RGS (salvo a propia) e RGMV: 1.

– Ponderación 2: caché ata 1.500 euros × 0,65; caché entre 1.501 e 2.500 euros × 1; caché entre 2.501 e 4.500 euros × 1,5; caché superior a 4.500 euros × 2.

– Entre 10 e 20 funcións: 2 puntos.

– Entre 21 e 30 funcións: 4 puntos.

– Entre 31 e 40 funcións: 6 puntos.

– Entre 41 e 50 funcións: 10 puntos.

– Entre 51 e 60 funcións: 12 puntos.

– Máis de 60 funcións: 15 puntos.

3. Características da produción (máximo 37 puntos).

3.1. Autoría do texto: 4 puntos.

Obra orixinal de autor ou autores galegos vivos: 4 puntos.

Outros autores galegos: 2 puntos.

Outros: 1 punto.

A consideración de obra orixinal estará suxeita ao rexistro dos dereitos de autor. O rexistro deberá ser efectivo con anterioridade ao cobramento da subvención.

3.2. Dirección artística. Máximo 10 puntos.

3.2.1. Fomento da dirección feminina: 2 puntos.

3.2.2. Traxectoria profesional:

– 0,5 puntos pola titulación oficial de arte dramática e outras artes escénicas e musicais.

– 0,25 puntos por outras titulacións oficiais relacionadas coas artes escénicas e musicais.

– 0,25 puntos por cada premio á dirección de espectáculos escénicos, cun máximo de 2 puntos.

– 0,25 puntos por cada dirección de montaxes profesionais de artes escénicas ata un máximo de 8 puntos.

Cando a dirección do espectáculo sexa compartida, terase en conta a puntuación do director ou directora con máis puntuación global.

3.3. Elenco artístico. Máximo 20 puntos:

– 0,5 puntos pola titulación oficial de arte dramática e outras artes escénicas e musicais, ata un máximo de 3 puntos.

– 0,25 puntos por outras titulacións oficiais relacionadas coas artes escénicas e musicais, ata un máximo de 2 puntos.

– 0,25 puntos por cada premio á interpretación en artes escénicas e musicais, presentado de forma individual, ata un máximo 4 puntos.

– 0,25 por cada montaxe profesional de artes escénicas e musicais (máximo 15 puntos).

A puntuación global calcularase mediante a suma das puntuacións parciais dos actores, dos manipuladores, dos bailaríns e dos músicos de escena exclusivamente, co límite máximo de 20 puntos. Non entra na valoración o resto do equipo participante na produción (deseño de luz, son, vestiario, espazo escénico...).

Os actores/manipuladores/bailaríns/músicos e directores non poderán participar simultaneamente en máis de 3 proxectos subvencionados.

3.4. Investimento en promoción e publicidade: 3 puntos.

Investimento en medios de comunicación, cartelaría, páxina web específica do proxecto, folletos, vídeos e aquelas accións promocionais que fagan máis visible a nova produción.

– Entre o 10 % e 15 % do orzamento do proxecto: 1 punto.

– Máis do 15 % do orzamento do proxecto: 3 puntos.

4. Puntuación adicional.

4.1. As compañías que presenten para a súa produción textos premiados pola Agadic (non estreados con anterioridade) recibirán 9 puntos adicionais. En caso de que o texto percibise outros premios, recibirán ata 2 puntos adicionais (0,5 puntos por premio presentado debidamente acreditado).

4.2. Coproducións e unións temporais de empresas (UTE):

Os proxectos á actividade escénica poderán ser presentados de forma conxunta por dúas ou máis compañías, sempre que estas teñan unha antigüidade mínima dun ano. A colaboración entre as compañías poderá adoptar a fórmula de contrato privado ou de unión temporal de empresas. Nos proxectos conxuntos, a valoración de cada un das epígrafes do baremo será a superior de entre as que acrediten as compañías. Ademais, os proxectos conxuntos recibirán 5 puntos adicionais.

Cando a solicitude sexa presentada por unha unión temporal de empresas, o requisito de domicilio ou sede social na Comunidade Autónoma de Galicia considerarase cumprido cando unha das empresas integradas nela o cumpra. Neste caso, a subvención concedida poderá ser executada pola empresa con domicilio ou sede social na comunidade autónoma ou pola propia UTE.

O cálculo da facturación da empresa realizarase, para efectos da valoración, mediante a suma da facturación de cada unha das compañías. Nos proxectos conxuntos, cada unha das compañías deberá executar unha porcentaxe non inferior ao 35 % do orzamento.

En calquera caso, polo menos un 70 % do importe da subvención deberá corresponder a gastos efectuados na Comunidade Autónoma.

5. Cando unha compañía estea formada pola fusión, escisión ou cambio de forma xurídica ou razón social dunha ou de varias compañías preexistentes, recoñeceráselle a traxectoria anterior destas para os efectos de baremación. No suposto de escisión, o recoñecemento serao pola parte proporcional que corresponda á parte escindida integrada na nova sociedade. No caso de que unha das partes escindidas non exerza actividade empresarial demostrada, a outra parte acumulará toda a traxectoria.

B. Criterios artísticos da memoria do proxecto. Máximo 29 puntos.

1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto presentado e dos obxectivos expostos: ata 3 puntos, outorgados de xeito proporcional.

2. Estratexias de difusión e promoción do proxecto: ata 3 puntos, outorgados de xeito proporcional.

3. Repercusión na creación e fomento de públicos para as artes escénicas: ata 2 puntos, outorgados de xeito proporcional.

4. Viabilidade técnica e económica do proxecto proposto tendo en conta especialmente o orzamento, os recursos empresariais implicados e a adecuación do proxecto e do orzamento aos obxectivos que se perseguen: ata 2 puntos, outorgados de xeito proporcional.

5. Memoria de dirección: 19 puntos.

Décimo segunda. Resolución da convocatoria

1. Unha vez cumprido o disposto nas cláusulas anteriores, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do acordo con data do 24 de xullo de 2012 (DOG núm. 164) deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

7. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

8. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada. Ademais, a entidade beneficiaria deberalle remitir á Agadic a ficha de produción (anexo IV) e o plan económico financeiro (anexo VI), adaptados á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada, e como máximo, pola diferenza entre ambas as dúas cantidades, a recibida e a solicitada). A dita documentación deberase remitir no prazo máximo de dez días, contado desde a notificación da resolución de concesión.

Décimo terceira. Pagamento e xustificación. Documentación requirida

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acreditase que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos á conta.

2. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar como pagamento anticipado –que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, e logo da presentación de certificación do inicio dos traballos, e da declaración de axudas do anexo VIII– o importe da anualidade 2017, sempre que non supere o 50 % do importe concedido.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O prazo de xustificación da subvención será dun mes desde a data de finalización das actividades subvencionadas, e rematará o 30 de abril de 2017. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

5. Non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, estando autorizada a Agadic para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

6. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis pola entidade beneficiaria nos tres últimos anos (anexo VIII).

7. Igualmente, será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a xustificación e o debido cumprimento da totalidade das obrigas económicas e de actividades correspondentes ás subvencións que fosen concedidas pola Agadic durante o exercicio 2016.

8. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

9. A documentación xustificativa da subvención estará composta por:

– Memoria de actividade (anexo IX).

– Balance dos ingresos e gastos xerados na totalidade do proxecto (anexo X).

– Relación completa de todos os gastos imputados á actividade obxecto da subvención, polo importe total do gasto (anexo XI). A relación de gastos deberá reflectir as contías con IVE e sen IVE.

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo VIII).

– Xustificantes, orixinais ou copias compulsadas dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, polo importe igual ou superior ao orzamento da produción, de conformidade co enviado polo beneficiario.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

– Certificación bancaria acreditativa da realización dos pagamentos correspondentes a todos os gastos imputados á subvención concedida.

– Unha copia en formato CD, DVD ou outro sistema analóxico ou dixital, dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) empregados para a difusión e promoción da produción; a dita documentación poderase achegar, do mesmo xeito, por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos de comprobar a realización da actividade.

– Cando se trate de creación teatral, copia do texto da obra que se pretende producir, polas mesmas vías e formatos anteriormente enumerados.

– Gravación do espectáculo, en calquera formato dixital.

– Ademais, deberase presentar (en relación cos dous últimos puntos) unha autorización expresa e asinada polo adxudicatario da axuda, en que se faga constar que a entrega tanto da gravación do espectáculo como da copia do texto se realiza para os simples efectos de arquivo e documentación da Agadic.

10. Do mesmo xeito, e segundo as previsións contidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o beneficiario dunha subvención da Agadic unicamente poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada ata o 50 % do seu importe e, en ningún caso, poderá subcontratar unha única persoa física ou xurídica por máis do 25 % do importe total da subvención outorgada, nin tampouco se poderán subcontratar as actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido.

11. Deberá entregarse, ademais, a documentación acreditativa do número de funcións realizadas (mediante certificados de actuación, certificación expedida pola entidade de xestión de dereitos que corresponda, contratos de actuacións ou por calquera outro medio ou documento que acredite, de forma que faga fe, a realización do número mínimo de funcións exixidas).

Décimo cuarta. Gastos subvencionables

1. Son gastos subvencionables os relativos á produción conforme o plan económico financeiro presentado, que se levaran a cabo nas seguintes datas:

a) Desde o 1 de xaneiro de 2017 ata a data da estrea da produción subvencionada, para entidades que non foron beneficiarias de subvención na convocatoria de 2016, e para entidades subvencionadas no ano 2016 que estrearon antes do 1 de xaneiro de 2017.

b) Desde a data da estrea da produción subvencionada na convocatoria de 2016, e ata a data de estrea da produción subvencionada na presente convocatoria, para as entidades que foron beneficiarias de subvención na convocatoria de 2016 e estrearon a produción no ano 2017.

2. Os gastos subvencionables serán os seguintes:

– Gastos de persoal incluídos na ficha de produción (máximo 70 % do total do proxecto).

– Gastos de produción (escenografía, vestiario, música, luz, son, etc.). Os gastos deberán corresponder co proxecto presentado (máximo 30 % do proxecto).

– Gastos de promoción e publicidade, de acordo co orzamento presentado (máximo 10 % do proxecto).

– Dereitos de autor.

– Axudas de custo, transporte e/ou outras indemnizacións, conforme as tarifas máximas establecidas no convenio colectivo de actores e actrices de Galicia.

– Gastos xerais de mantemento e xestión (ata un máximo do 7 % sobre os custos totais).

– Gastos financeiros.

– Alugamento dos locais de ensaio (máximo tres meses).

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

– Imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

– Gastos de subcontratación de servizos con empresas vinculadas ou con aquelas que non teñan como obxecto social e actividade social a prestación dos servizos obxecto da subcontratación.

– Gastos de contratación de servizos artísticos por parte das persoas titulares da empresa, cando excedan os seguintes límites: 20 % do total do proxecto, por cada persoa titular, co límite máximo do 50 %.

– Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto de subvención.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non existan no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Décimo quinta. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios destas axudas adquiren as obrigas que se reflicten nesta resolución e no resto da normativa de aplicación e as que se relacionan a seguir:

– Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

– Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

– Os beneficiarios terán a obriga de dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención mediante o emprego da imaxe corporativa da Agadic e a da Xunta de Galicia de forma visible nos materiais que se utilicen para a súa difusión, respectando as normas de identidade corporativa, coa súa inserción nun lugar preferente ou, cando menos, en igualdade de condicións que a entidade subvencionada. Os elementos da identidade corporativa deben descargarse das páxinas web respectivas (www.agadic.gal e www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal).

– Os beneficiarios estarán obrigados a realizar, no prazo de seis meses desde a data da estrea do espectáculo, un mínimo de 8 representacións do espectáculo subvencionado (5 representacións se o espectáculo é de danza ou novo circo) co límite do 30 de setembro de 2018. Non se procederá ao pagamento de máis do 80 % da subvención concedida en tanto non se xustifique o cumprimento da realización das funcións.

2. O incumprimento das anteriores obrigas previstas e obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da indicada Lei galega 9/2007, sen prexuízo do disposto na cláusula décimo sexta destas bases.

Décimo sexta. Modificación, revogación e reintegro

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou recursos –ou doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras–, poderá dar lugar á modificación da resolución inicial de concesión e, eventualmente, á súa revogación nos termos establecidos na súa normativa reguladora, podendo, en tal caso, a Agadic proceder á reclamación e conseguinte reintegro, total ou parcial, da suma concedida á compañía adxudicataria nos termos anteriormente estipulados.

A distribución de anualidades adxudicadas poderá modificarse, logo de solicitude do beneficiario na que motive suficientemente a alteración, atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias, e mediante resolución motivada do director da Agadic. A modificación da repartición entre anualidades exixirá a tramitación da correspondente modificación do expediente de gasto, de acordo co establecido no artigo 35 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Procederá a nulidade e revogación das subvencións concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos de incumprimento das obrigas anteriormente sinaladas, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

O reintegro do importe percibido, cando proceda, rexerase polo procedemento establecido no artigo 38 e no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file