Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Martes, 27 de decembro de 2016 Páx. 55985

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 20 de decembro de 2016 de extinción e cancelación da inscrición no Rexistro Autonómico de Mutualidades de Previsión Social non Integradas na Seguridade Social da entidade Caixa Galicia, mutualidade de previsión social a prima fixa, en liquidación.

Por acordo da asemblea xeral ordinaria que tivo lugar o día 25 de xuño de 2015, a entidade Caixa Galicia, mutualidade de previsión social a prima fixa, adoptou, coa maioría legal e estatutariamente exixida, o acordo de disolución voluntaria, o cesamento da xunta directiva, o nomeamento de liquidadores e a apertura do proceso de liquidación.

Na citada asemblea xeral adoptouse, así mesmo, o acordo de designar como liquidador a empresa DDC Concursal, S.L.P. con CIF B70421110 e domicilio na r/ Compostela, 8, 5º D, 15004 A Coruña. A liquidación levouna a cabo o socio Jaime Andrés Fernández Colin, con DNI 32435538H.

Rematado o proceso de liquidación da referida entidade, a empresa liquidadora, por medio do seu representante, solicita a extinción e cancelación da inscrición do rexistro autonómico de mutualidades de previsión social da citada entidade.

Da documentación que se xunta á solicitude formulada despréndese que se deu cumprimento ao disposto na lexislación vixente.

A competencia na materia vén determinada no Decreto 340/1996, do 13 de setembro, polo que se asumen funcións e servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1642/1996, do 5 de xullo, en materia de mutualidades de previsión social e se asignan á Consellería de Economía e Facenda, e no Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

Á vista do anterior, tendo en conta a documentación que consta no expediente, a proposta da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, e de acordo co previsto no artigo 28.5 do Real decreto lexislativo 6/2004, do 29 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de ordenación e supervisión dos seguros privados,

RESOLVO:

Declarar a extinción da entidade Caixa Galicia, mutualidade de previsión social a prima fixa, en liquidación, e cancelar a súa inscrición no Rexistro Autonómico de Mutualidades de Previsión Social non Integradas na Seguridade Social, creado pola Orde do 5 de maio de 1999.

De acordo co mencionado artigo 28.5 do Real decreto lexislativo 6/2004, a extinción e cancelación da mutualidade no rexistro administrativo determina a posterior cancelación no Rexistro Mercantil.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 11.1.a), 25 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2016

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda