Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Luns, 26 de decembro de 2016 Páx. 55863

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2016 pola que se amplía o límite máximo de reavais e o fondo de garantía de avais previsto nas bases reguladoras do Programa de apoio ao acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca galegas e coas entidades financeiras adheridas (Re-solve 2016).

Mediante Resolución do 16 de decembro de 2015 déuselle publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases das axudas ao acceso ao financiamento operativo das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca galegas e as entidades financeiras adheridas (Re-solve 2016) (DOG núm. 247, do 29 de decembro).

O importe máximo estimado de operacións financeiras para formalizar ao abeiro da convocatoria foi de 8.000.000 €. Tendo en conta as características deste tipo de operacións (risco moi diversificado, beneficiarias predominantemente pequenas e microempresas e risco compartido con sociedades de garantía recíproca e entidades financeiras) e a porcentaxe histórica de falidos (cun risco razoablemente moderado), dotouse dunha provisión do 10 % por operación de reaval concedida, destinado ao fondo de garantía de avais. Deste xeito, para un máximo de 8.000.000 € en operacións financeiras, o risco máximo por reavais sería de 2.000.000 € (25 %) e suporá a dotación de provisións por importe máximo de 200.000 € para atender posibles falidos (partida orzamentaria 09.A1.741A.8900).

No punto cuarto do Resolvo da Resolución do 16 de decembro de 2015 establecíase un límite máximo de reavais de 2.000.000 €. A data actual, o importe de operacións financeiras a reavalar ascende a 10.540.434,07 € e prevense necesidades por un total de 13 millóns de euros. Para poder reavalar ata o dito importe, estímanse unhas necesidades adicionais de 125.000 € destinados ao fondo de garantía de avais, de maneira que o risco máximo por reavais sería de 3.250.000 €.

O éxito que está tendo este programa para o financiamento das pemes galegas, tanto polo impacto económico posto de manifesto, como polo número de solicitudes que o Igape recibe, aconsella ampliar o crédito dispoñible para o ano 2016.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Amplíase para o exercicio 2016 en 125.000 € o fondo de garantía de avais establecido na partida orzamentaria 09.A1.741A.8900, quedando con un importe de 325.000 €, das bases reguladoras das axudas ao acceso ao financiamento operativo das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca galegas e as entidades financeiras adheridas (Re-solve 2016) e establécese un límite máximo de reavais de 3.250.000 €.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2016

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica