Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 23 de decembro de 2016 Páx. 55666

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 16 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases de subvencións para salas de artes escénicas e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 325805.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán solicitar as subvencións as persoas físicas ou xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade igual ou inferior a 250 localidades que presenten un proxecto de programación artística para o ano 2017. Exclúense salas cuxa titularidade pertenza á asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro. O solicitante deberá probar a dispoñibilidade da sala mediante copia da escritura de propiedade, contrato de aluguer ou outros documentos válidos en dereito, e deberá estar en posesión da licenza de apertura da sala para a cal solicita a axuda na actividade correspondente.

Segundo. Finalidade

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para fomentar a estabilidade e consolidación das salas de artes escénicas de titularidade privada que desenvolvan programacións artísticas de carácter profesional.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 16 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases de subvencións para salas de artes escénicas e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

O importe máximo para o financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria é de 70.000 euros, da partida orzamentaria 2017.10.A1.432.B.470.0.

Concederase unha dotación unitaria máxima de 30.000 euros por entidade beneficiaria, co límite do 50 % do orzamento do proxecto presentado.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais