Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 22 de decembro de 2016 Páx. 55497

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se autorizan e se publican diversos acordos adoptados pola Comisión Central de Seguimento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño).

De conformidade coas competencias previstas nas normas I.6.1 e II.7 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal, asinado o 13 de xuño de 2016, no seo da Comisión Central de Seguimento do devandito pacto, en reunión mantida o 2 de decembro de 2016, adoptáronse os acordos que se recollen como anexo da presente resolución.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2016

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Acordos da Comisión Central de Seguimento en desenvolvemento da Norma II.7 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia do 13 de xuño de 2016:

I. Titulacións académicas equiparables á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde como requisito de acceso ás áreas especiais.

Analizados os programas formativos das distintas especialidades de enfermaría relacionadas no anexo I do Real decreto 639/2014, do 25 de xullo, e logo do informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, acórdase equiparar, na categoría de enfermeiro/a, á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde o título oficial de enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica para o acceso ás áreas especiais de Hospital de Día Onco-Pediátrico, Prematuros-Neonatos e UCI Pediátrica.

Tal equivalencia farase efectiva a partir do proceso de actualización de listas correspondente en 31 de outubro de 2016.

Para tal efecto, aquelas persoas aspirantes que tivesen solicitado a través de Fides/expedient-e a súa inscrición nas listas da categoría de enfermeiro/a con data anterior ao 1 de novembro de 2016 e tivesen rexistrado nesta aplicación e acreditado documentalmente con anterioridade á dita data a titulación oficial de enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica, poderán, dentro do prazo de reclamación contra a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se faga pública a lista provisional de admitidos/excluídos da categoría, solicitar, mediante escrito para o efecto dirixido á Unidade de Validación, a inscrición en calquera das áreas especiais indicadas, de non telo efectuado con anterioridade. Fóra deste suposto e prazos non se admitirá ningunha modificación da inscrición presentada.

II. Experiencia profesional en áreas especiais no Sistema Nacional de Saúde.

Para os efectos de acreditación do requisito de experiencia exixido para o acceso ás listas de área especial e co obxecto de homoxeneizar criterios na selección fixa e temporal do persoal estatutario, terán a consideración de experiencia profesional no Sistema Nacional de Saúde os servizos prestados por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do Sistema sanitario público español/Unión Europea/ Espazo Económico Europeo/Suíza.

Tal equivalencia farase efectiva a partir do proceso de actualización de listas correspondente en 31 de outubro de 2016. Neste proceso de xeración, e exclusivamente dentro do prazo de reclamación contra a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se faga pública a lista provisional de admitidos/excluídos, permitiráselles ás persoas aspirantes inscritas con anterioridade ao 1 de novembro de 2016 nunha categoría que dispoña de área especial, complementar, mediante escrito para o efecto dirixido á Unidade de Validación, os certificados de experiencia externa rexistrados e presentados con anterioridade ao 1 de novembro de 2016, coa información da área especial de prestación de servizos, se desexan figurar nunha lista concreta de área especial.

III. Actualización dos ámbitos territoriais de inscrición nas distintas listas.

Co obxecto de adecuar as/os aspirantes dispoñibles para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais ás necesidades organizativas e asistenciais das áreas/zonas sanitarias, actualizaranse periodicamente a través de Fides/expedient-e os ámbitos territoriais de inscrición de cada categoría, en lista xeral e, de ser o caso, área especial.

Esta actualización efectuarase o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da lista definitiva de puntuacións e da orde de prelación de cada categoría, e farase visible no correspondente formulario electrónico de inscrición (fides/expedient-e).

Desde este momento e ata a data límite de corte do seguinte proceso de xeración (31 de outubro), a/o aspirante poderá introducir no formulario electrónico de inscrición as modificacións que considere oportunas, que producirán efecto na seguinte listaxe que se xere, derivada do proceso de actualización.