Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Mércores, 21 de decembro de 2016 Páx. 55346

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2016, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Monfero (expediente IN407A 2015/250-1).

Expediente: IN407A 2015/250-1

Promotor: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Denominación da instalación: adecuación LMT EUM-708 e CT San Bartolomeu, concello de Monfero.

Concello: Monfero.

Feitos.

1. O 25 de agosto de 2015 o promotor solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica indicada.

No escrito recibido o 1 de agosto de 2016, Unión Fenosa Distribución, S.A. solicita a autorización administrativa previa e a de construción e desiste da petición de declaración de utilidade pública ao ter acordo amigable coa totalidade dos propietarios afectados.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a súa inserción no DOG do 23 de outubro de 2015, no BOP do 9 de outubro de 2015, no xornal La Voz de Galicia do 5 de marzo de 2016 e no taboleiro de anuncios do Concello de Monfero segundo dilixencia municipal do 5 de novembro de 2015.

3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, se for o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

4. Durante o período en que se someteu o proxecto ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións:

• A Asociación de Veciños de San Bartolomeu (predio número 2) manifestou o seguinte:

– Nun escrito recibido o 15 de marzo de 2016 manifestan a súa desconformidade coa expropiación e fan referencia a un acordo previo.

– Nun novo escrito con rexistro de entrada do 21 de marzo de 2016 manifestan a súa desconformidade coa localización do centro de transformación e coa expropiación.

• Noemí Seijo Souto alega, en síntese, o seguinte:

– Nun escrito recibido o 15 de marzo de 2016, que se opón á expropiación do terreo comunal pola proximidade do centro de transformación a vivendas.

– Nun escrito con data de rexistro de entrada do 12 de xullo de 2016 declárase comuneira da parcela afectada polo proxecto na cal se ten previsto instalar o centro de transformación, pon en cuestión a capacidade de decisión da Asociación de Veciños de San Bartolomeu sen acordo de todos os comuneiros, e manifesta a súa oposición á colocación do centro de transformación.

– Nun escrito recibido o 1 de setembro de 2016 reitérase no manifestado anteriormente, presenta un extracto dunha copia dun documento notarial e denuncia irregularidades no procedemento de toma de decisións dentro da Asociación de Veciños de San Bartolomeu.

Destas alegacións deuse traslado ao promotor, que manifestou o seguinte:

– Escrito recibido o 29 de xullo de 2016, no cal se valoran as alegacións presentadas pola Asociación de Veciños de San Bartolomeu (predio número 2), no cal, en síntese, manifesta que chegou a un acordo amigable co titular do predio.

– Escrito con rexistro de entrada 3 de outubro de 2016, no cal se valoran as alegacións presentadas por Noemí Seijo Souto, no cal en síntese manifesta o seguinte:

– Que teñen un acordo amigable para a instalación do centro de transformación coa Asociación de Veciños de San Bartolomeu, a cal manifesta ser propietaria do predio.

– Noemí Seijo Souto non presenta ningún documento que demostre que este predio non é propiedade da Asociación de Veciños, por lo que Unión Fenosa Distribución, S.A. entende que por aplicación do artigo 3 da Lei de expropiación forzosa, e salvo decisión xudicial, é público e notorio que o propietario ou titular do predio en cuestión é esta asociación de veciños. Xuntan copia do título notarial acreditativo.

5. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas.

1. Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2. Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3. Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4. Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

6. As características técnicas da instalación son as seguintes:

– Liña eléctrica de media tensión subterránea, a 15 kV, cunha lonxitude de 1,222 km, coa orixe no paso aéreo-subterráneo en apoio metálico nº 9 incluído no proxecto de adecuación do DC Eume 703 e 704, condutor tipo RHZ1-2 OL-12/20 kV 1×240 mm2 Al e final en cela de liña que se vai instalar no novo CT San Bartolomeu (proxectado).

– Centro de transformación prefabricado San Bartolomeu, cunha potencia de 250 kVA e unha relación de transformación de 15000/400-230 V.

– Desmontaxe da liña de media tensión aérea EUM-708 e do CT intemperie actual San Bartolomeu.

O orzamento da instalación segundo o proxecto é de 149.531,85 €.

7. En relación coas alegacións formuladas Noemí Seijo Souto e coas manifestacións do promotor ao respecto, infórmase do seguinte:

– Procede declarar a Noemí Seijo Souto parte interesada no procedemento para os efectos oportunos.

– As cuestións referentes á propiedade do predio e ao procedemento de toma de decisións no ámbito da Asociación de Veciños de San Bartolomeu deberán dilucidarse na xurisdicción civil.

8. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado, resolvo:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á instalación de distribución eléctrica indicada.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar perante esta xefatura territorial unha solicitude que se acompañará da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do director da montaxe no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas, na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e o ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

A Coruña, 22 de novembro de 2016

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña