Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Venres, 16 de decembro de 2016 Páx. 54938

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2016, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Cariño (expediente IN407A 2016/328-1).

Expediente: IN407A 2016/328-1.

Promotor: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Instalación: adecuación LMTA MEA-816 CT Feás.

Concello: Cariño.

Feitos.

1. O 31 de marzo de 2016 o promotor solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. Características técnicas:

– Adecuación da liña eléctrica de media tensión aérea MEA-816 (circuíto 1), a 20 kV, cunha lonxitude de 0,038 km, coa orixe en apoio existente nº 38 da LMTA MEA-816, condutor tipo LA-110 mm2 e final en apoio para instalar HVH 15/3500.

– Adecuación da liña eléctrica de media tensión aérea MEA-816 (circuíto 2), a 20 kV, cunha lonxitude de 0,145 km, coa orixe en apoio existente nº 35 da LMTA MEA-816, condutor tipo LA-110 mm2 e final en apoio para instalar HVH 15/4500, en substitución do nº 36 existente.

– Liña eléctrica de media tensión subterránea a novo CT Feás, a 20 kV, cunha lonxitude de 0,124 km, coa orixe no paso aéreo-subterráneo en apoio para instalar na liña MEA-816, condutor tipo RHZ1-2 OL-12/20 kV-1×240 Al e final no paso aéreo-subterráneo en apoio para instalar en substitución do nº 36 existente da LMTA MEA-816, tras realizar entrada e saída nas celas do CTC proxectado.

– Centro de transformación prefabricado Feás, cunha potencia de 250 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

Resolución de información pública: 25 de abril de 2016.

DOG: 21 de xuño de 2016.

BOP: 8 de xuño de 2016.

Xornal La Voz de Galicia: 25 de xuño de 2016.

Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 15 de xullo de 2016.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

Por medio dun anuncio desta xefatura territorial do 11 de xullo de 2016 (publicado no BOE do 11 de agosto de 2016 e no DOG do 29 de xullo de 2016), foron notificados os interesados descoñecidos, de conformidade co disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O período durante o cal se someteu ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións.

• María del Carmen Salgueiro Bellon (predio nº 1), mediante escrito recibido o 22 de xuño de 2016, solicita a modificación do proxecto sen afectar ao predio da súa propiedade, e alega en síntese o seguinte:

– Que non se lle notificou a afección.

– Que a instalación do CT no seu predio lle supón un gran prexuízo.

– Que o trazado da liña é arrevesado, cando podería ir dunha forma máis lóxica e directa a través do CT existente, sen afectar máis predios que os que xa estaban antes afectados polo proxecto.

Destas alegacións déuselle traslado ao promotor, que contestou:

– Escrito recibido o 6 de xullo de 2016, no cal se valoran as alegacións presentadas por María del Carmen Salgueiro Bellon (predio nº 1), no cal en síntese manifesta o seguinte:

– O prexuízo ocasionado no predio será valorado polo Xurado de Expropiación de Galicia, co fin de que non se produza unha perda no patrimonio da súa propietaria.

– O obxecto do proxecto é a eliminación do antigo centro de transformación tipo caseta e o soterramento de varias liñas aéreas. As actuacións proxectadas contribúen a mellorar o contorno da zona do lugar de Feás.

– A alegante non concreta unha alternativa e ten a única finalidade de non afectar a súa parcela.

5. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

6. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas.

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro).

– Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 194, do 9 de outubro).

– Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4 de decembro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar o emprazamento das instalacións, non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58 a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións do promotor, cómpre sinalar:

– Non procede atender a solicitude realizada por María del Carmen Salgueiro Bellon (predio nº1), polo seguinte:

– As afeccións foron comunicadas á solicitante mediante escrito desta xefatura notificado o día 3 de xuño de 2016.

– Non foi achegada pola alegante unha proposta de trazado alternativo avaliable.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

Resolvo:

1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada deberá presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude á cal se xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houbese, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 21 de novembro de 2016

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña