Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Mércores, 7 de decembro de 2016 Páx. 53777

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 170/2016, do 17 de novembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun novo enlace da AP-9 coa cidade de Santiago de Compostela, no punto quilométrico 70+000, de clave AC/16/108.01, no concello de Santiago de Compostela.

Antecedentes.

O 22 de marzo de 2012 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 57) a Resolución do 6 de marzo de 2012 pola que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado da obra de enlace no p.q. 70 da AP-9 coa cidade de Santiago de Compostela e coa Cidade da Cultura de Galicia, de clave AC/10/071.00, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Tras a análise dos informes e demais alegacións recibidas, o 20 de novembro de 2015 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 222) o Anuncio do 10 de novembro de 2015, polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado sometido á información pública.

A raíz dunha nova alegación do Ministerio de Fomento sobre a necesidade de coordinar esta actuación coas obras de ampliación da AP-9 no treito Santiago Norte-Santiago Sur e da solución técnica achegada o 1 de abril de 2016 polo ministerio, o 9 de maio de 2016, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de construción dun novo enlace no p.q. 70+000 da AP-9 coa cidade de Santiago de Compostela, de clave AC/16/108.01, onde están incluídas as modificacións solicitadas polo ministerio.

Con data do 14 de xullo de 2016 publícase no BOE a resolución do Ministerio de Fomento pola que se aproba provisionalmente e se ordena a incoación do expediente de información oficial e pública do proxecto de construción do novo enlace no p.q. 70+000 da autoestrada do Atlántico-AP-9, enlace de conexión co complexo Cidade da Cultura e coa cidade de Santiago de Compostela, de clave 98-LC-9904, onde se somete á información pública o proxecto aprobado por la Xunta de Galicia.

O 26 de setembro de 2016 publícase no Boletín Oficial del Estado (BOE) o real decreto polo que se aproba o convenio entre a Administración xeral do Estado, a Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Autopistas del Atlántico, Concesionaria Española, Sociedade Anónima Unipersoal, para a construción dun novo enlace na autoestrada AP-9 de acceso a Santiago de Compostela e ao complexo da Cidade da Cultura.

Con data do 20 de outubro de 2016 publícase no BOE a resolución do Ministerio de Fomento pola que se aproba o expediente de información oficial e pública do proxecto de construción do novo enlace no p.q. 70+000 da autoestrada do Atlántico-AP-9, enlace de conexión co complexo Cidade da Cultura e coa cidade de Santiago de Compostela, de clave 98-LC-9904, redactado pola Xunta de Galicia, onde non se modifica a relación de bens e dereitos do proxecto sometido á información pública.

Por todo o exposto, a xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución do proxecto de construción do novo enlace no p.q. 70+000 da AP-9 coa cidade de Santiago de Compostela, de clave AC/16/108.01, vén motivada pola necesidade de aliviar o tráfico do resto de enlaces, proporcionando un novo acceso á zona norte da cidade, ao mesmo tempo que permite a comunicación desde unha vía de alta capacidade á Cidade da Cultura de Galicia. As obras consistirán en deseñar, no sentido Pontevedra, os ramais de saída e entrada do novo enlace; no sentido A Coruña, o ramal de saída desde o tronco da AP-9 cara ao novo enlace; que se deseñaría como prolongación do quinto carril procedente do enlace de Santiago de Compostela; finalmente, o ramal de entrada desde a Cidade da Cultura, no sentido A Coruña, incorporaríase ao tronco mediante un carril de aceleración.

De acordo coa cláusula primeira do convenio entre a Administración xeral do Estado, a Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Autopistas del Atlántico, para a construción dun novo enlace na autoestrada AP-9 de acceso a Santiago de Compostela e ao complexo da Cidade da Cultura, a Xunta de Galicia expropiará os terreos que sexan necesarios para a execución da obra.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de novembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do novo enlace no p.q. 70+000 da AP-9 coa cidade de Santiago de Compostela, de clave AC/16/108.01.

Santiago de Compostela, dezasete de novembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda