Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 29 de novembro de 2016 Páx. 52916

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 163/2016, do 17 de novembro, polo que se aproba a modificación dos estatutos do Consorcio Local dos Peares.

Mediante o Decreto 178/1999, do 27 de maio, aprobouse a constitución e os estatutos do Consorcio Local dos Peares, e aqueles foron modificados posteriormente mediante o Decreto 242/2004, do 30 de setembro.

Con esta nova modificación adáptanse os estatutos do Consorcio ao establecido na Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, co fin de recoller a determinación da Administración a que se adscribe, en cada exercicio económico, conforme o establecido na disposición adicional vixésima da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e para a súa adaptación á Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, disposicións que foron posteriormente incorporadas á Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, concretamente aos seus artigos 120 a 122.

Deste xeito, a modificación dos estatutos prevé a adscrición formal do Consorcio á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Consello Xeral debe acordar, para cada exercicio económico, a determinación da Administración pública a que queda adscrito conforme os criterios establecidos no artigo 120 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e todo iso sen que esta adscrición de carácter formal supoña a integración do Consorcio no sector público autonómico nin a alteración da súa natureza xurídica, que segue a ser a dunha entidade local, de conformidade co establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A tramitación da modificación dos estatutos do Consorcio realizouse conforme o establecido no artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que, pola súa vez, fai referencia ás normas contidas no artigo 151 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que remite ao procedemento de modificación para as mancomunidades de municipios recollido no artigo 143 da dita lei. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente do Consorcio remitiulle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación deste consorcio observáronse, entre outros, os seguintes trámites:

– O Consello Xeral do Consorcio aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos na súa sesión do 3 de novembro de 2015.

– O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes nos boletíns oficiais das provincias de Lugo e Ourense, e a informe da Deputación Provincial de Lugo e da Dirección Xeral de Administración Local.

– Posteriormente, o Pleno do Consorcio aprobou a modificación definitiva dos estatutos, e os plenos de cada unha das entidades locais integrantes do Consorcio e a Asemblea da Asociación Veciños sen Fronteiras aprobaron a modificación dos estatutos.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto nos artigos 196, 151 e 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de novembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da modificación dos estatutos da entidade local

Apróbase a modificación dos estatutos da entidade local Consorcio Local dos Peares, cuxo texto se recolle como anexo a este decreto.

Artigo 2. Determinación anual da Administración pública de adscrición

De acordo cos estatutos, a Administración pública a que queda adscrito o Consorcio para cada exercicio económico será determinada anualmente polo seu Consello Xeral, conforme os criterios establecidos na disposición adicional vixésima da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Réxime do persoal

O persoal ao servizo do Consorcio poderá ser funcionario ou laboral procedente exclusivamente dunha reasignación de postos de traballo das administracións participantes, sen prexuízo, no relativo ás funcións correspondentes aos habilitados de carácter nacional, do que determine a lexislación aplicable a estes.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de novembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación dos estatutos do Consorcio Local dos Peares

Artigo 1. Constitución, denominación e adscrición

1. A Xunta de Galicia, as deputacións provinciais de Lugo e Ourense e os municipios de Pantón e Carballedo, da provincia de Lugo, e da Peroxa e Nogueira de Ramuín, da provincia de Ourense, de común acordo constitúen un consorcio denominado Os Peares para articular a cooperación das administracións citadas á efectividade dos servizos e actividades de interese local e garantir a prestación integral e axeitada destes nos lugares dos municipios mencionados que integran a zona coñecida como Os Peares.

2. En virtude de acordo do Consello Xeral, co quórum favorable de votación previsto no artigo 14.2 destes estatutos, poderán incorporarse ao Consorcio outras entidades públicas con competencia na materia ou entidades privadas sen ánimo de lucro que persigan fins de interese público concorrentes cos das entidades públicas consorciadas.

3. O Consorcio adscríbese á Xunta de Galicia, de conformidade co previsto na disposición adicional vixésima da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo coa disposición derradeira segunda da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local.

Artigo 4. Duración

O Consorcio terá unha duración indefinida e subsistirá mentres perduren os fins e funcións que se lle atribúen, a non ser que, por imposibilidade de continuar o funcionamento ou por outras circunstancias excepcionais, se decida a súa disolución.

Artigo 5. Domicilio

1. O Consorcio terá o seu domicilio na Casa Consorcial, s/n, 32440 Os Peares. Por acordo do Consello Xeral, determinados servizos do Consorcio poderán ter a súa sede noutros lugares da zona dos Peares.

2. O disposto no parágrafo anterior non impedirá que o Consello Xeral poida xuntarse, cando así se acorde expresamente, en lugar distinto ao do seu domicilio.

3. O Consello Xeral poderá modificar o domicilio do Consorcio, o cal se notificará a todos os entes consorciados, se fará público nos boletíns oficiais das provincias e nos dous xornais de maior difusión e se comunicará ás administracións estatal e autonómica.

Artigo 7. Do Consello Xeral

1. O Consello Xeral, que asumirá o goberno e xestión superior do Consorcio, estará constituído, en número de nove vogais, polos seguintes representantes das entidades asociadas:

a) Os presidentes das deputacións provinciais de Lugo e Ourense, na representación das devanditas entidades provinciais, ou persoas en que estes deleguen.

b) Os alcaldes dos concellos de Pantón, Carballedo, A Peroxa e Nogueira de Ramuín, ou concelleiro en que estes deleguen.

c) Un representante da Xunta de Galicia, designado polo Consello da Xunta de Galicia.

d) Dous representantes das asociacións veciñais.

2. O Consello Xeral elixirá, co quórum favorable de votación previsto no artigo 14.2 dos seus estatutos e de entre os seus membros, o vicepresidente.

3. O número de membros do consello pódese ampliar, e na mesma proporción, por integración doutras entidades, coa aprobación do Consello Xeral.

Artigo 8. Atribucións do Consello Xeral

1. As atribucións do Consello Xeral serán, con carácter común e en relación cos fins do Consorcio, as mesmas que lle atribúe ao pleno municipal a lexislación de aplicación, sen prexuízo de que poidan delegar o que consideren conveniente noutros órganos do Consorcio, sempre que se trate de competencias susceptibles de delegación de acordo coa lexislación de réxime local.

2. En todos os casos, correspóndelle ao Consello Xeral do Consorcio, con carácter indelegable:

a) O nomeamento do presidente nos supostos en que proceda e o nomeamento do vicepresidente.

b) A incorporación ao Consorcio de novas entidades ou administracións públicas.

c) A separación de calquera entidade consorciada.

d) A proposta de modificación dos estatutos.

e) A fixación da sede de determinados servizos do Consorcio.

f) A aprobación da disolución do Consorcio.

g) A determinación das contribucións tanto ordinarias como extraordinarias das entidades asociadas.

h) Establecer e exixir prezos públicos.

i) A aprobación do programa de actividades.

j) A aprobación das contas anuais e da memoria de xestión dos servizos.

k) A determinación do sistema de exercicio de funcións reservadas a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

l) A proposta aos concellos da elaboración de plans especiais, co obxecto de desenvolver unha actuación de harmonización integral das actuacións urbanísticas.

m) A determinación da Administración pública a que corresponda adscribir o Consorcio nos termos expostos no artigo 1 dos estatutos.

Artigo 10. Atribucións do presidente

1. En relación cos fins do Consorcio, as atribucións do presidente serán as que se lle atribúen ao alcalde, de conformidade coa lexislación de aplicación.

2. O presidente daralle conta sucinta ao Consello Xeral, en cada sesión ordinaria deste, das resolucións que adoptase desde a última sesión de tal carácter, para que o consello coñeza e fiscalice a xestión.

3. O presidente poderá delegar, tanto xenérica como especialmente, o exercicio de determinadas atribucións, de conformidade coa lexislación de aplicación, nos membros do Consello Xeral.

Artigo 11. Do vicepresidente

O vicepresidente substituirá o presidente na totalidade das súas funcións nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que o imposibilite para o exercicio das súas atribucións, nos termos previstos na lexislación de aplicación.

Artigo 14. Acordos

1. Os acordos do Consello Xeral adoptaranse por maioría simple dos membros presentes e procederase, no caso de empate, na forma prevista na normativa do réxime local.

2. Será preciso o quórum favorable da maioría absoluta do número estatutario de membros do Consello Xeral para a adopción dos acordos do consello que se adopten nas materias seguintes:

a) A modificación dos estatutos.

b) A incorporación ou separación de membros do Consorcio.

c) A disolución do Consorcio.

d) O nomeamento de presidente nos supostos de renuncia do alcalde a que lle corresponda.

e) O nomeamento de vicepresidente.

Artigo 17. Recursos económicos

1. A facenda do Consorcio estará integrada polos recursos económicos que se enumeran a continuación:

a) Os ingresos procedentes do seu patrimonio e demais de dereito privado.

b) As subvencións.

c) Os percibidos en concepto de prezos públicos.

d) O produto das operacións de crédito.

e) Calquera outro que lle poida ser atribuído consonte o dereito.

2. De igual xeito, constituirán recursos do Consorcio as contribucións ordinarias e extraordinarias das entidades consorciadas que, con respecto ás primeiras, serán as seguintes:

a) No caso dos concellos, doce euros con dous céntimos (12,02 euros) por habitante dos lugares de cada concello dentro do territorio que comprende o Consorcio.

b) No caso das deputacións: vinte e catro mil corenta euros con corenta e oito céntimos de euro (24.040,48 euros) cada unha delas.

c) No caso da Xunta de Galicia: vinte e catro mil corenta euros con corenta e oito céntimos de euro (24.040,48 euros).

3. O importe das débedas que por contribucións non aboadas teñan os entes consorciados poderao reter a Comunidade Autónoma ou deputación a favor do Consorcio, por pedimento do seu presidente e tras a audiencia do ente afectado.

Artigo 18. Réxime orzamentario

O Consorcio estará suxeito ao réxime orzamentario da Administración pública a que estea adscrito, sen prexuízo da súa suxeición ao previsto na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Artigo 19. Réxime de contabilidade e control

O Consorcio estará suxeito ao réxime de contabilidade e control da Administración pública a que estea adscrito, sen prexuízo da súa suxeición ao previsto na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira. En todo caso, levarase a cabo unha auditoría das contas anuais que será responsabilidade do órgano de control da Administración a que se adscriba o Consorcio. O Consorcio deberá formar parte dos orzamentos e incluírse na conta xeral da Administración pública de adscrición.

Artigo 22. Persoal

O persoal ao servizo do Consorcio poderá ser funcionario ou laboral procedente exclusivamente dunha reasignación de postos de traballo das administracións participantes.

Artigo 23. Réxime xurídico e retribucións

O réxime xurídico do persoal ao servizo do Consorcio será o da Administración pública de adscrición e as súas retribucións en ningún caso poderán superar as establecidas para postos de traballo equivalentes naquela.

CAPÍTULO VII
Modificación dos estatutos. Separación.
Disolución e liquidación do Consorcio

Artigo 24. Modificación dos estatutos

A modificación destes estatutos, tras o acordo do Consello Xeral co quórum establecido no seu artigo 14.2, terá que ser ratificada pola totalidade dos entes consorciados e aprobada coas mesmas formalidades exixidas para a aprobación daqueles.

Artigo 25. Separación

1. Causas e procedemento para o exercicio do dereito de separación do Consorcio.

Os membros do Consorcio poderán separarse del en calquera momento.

Cando un municipio deixe de prestar un servizo, de acordo co previsto na Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, e ese servizo sexa un dos prestados polo Consorcio a que pertence, o municipio poderá separarse del.

O dereito de separación deberase exercer mediante escrito notificado ao máximo órgano de goberno do Consorcio. No escrito deberá facerse constar o incumprimento que motiva a separación, a formulación de requirimento previo do seu cumprimento e o transcurso do prazo outorgado para cumprir tras o requirimento.

2. Efectos do exercicio do dereito de separación do Consorcio.

O exercicio do dereito de separación produce a disolución do Consorcio salvo que o resto dos seus membros, de conformidade co previsto nos seus estatutos, acorde a súa continuidade e sigan permanecendo no Consorcio, polo menos, dúas administracións, ou dúas entidades ou organismos públicos vinculados ou dependentes de máis dunha Administración.

Cando o exercicio do dereito de separación non comporte a disolución do Consorcio, aplicaranse as seguintes regras:

a) Considerarase cota de separación a que lle correspondeu na liquidación. Na falta de determinación da cota de liquidación, teranse en conta tanto a porcentaxe das achegas que efectuase quen exerce o dereito de separación ao fondo patrimonial do Consorcio como o financiamento concedido cada ano. Se o membro do Consorcio que se separa non realizou achegas por non estar obrigado a iso, o criterio de repartición será a participación nos ingresos que, se é o caso, recibise durante o tempo que pertenceu ao Consorcio.

O Consorcio acordará a forma e as condicións en que terá lugar o pagamento da cota de separación, no suposto en que esta resulte positiva, así como a forma e as condicións do pagamento da débeda que corresponda a quen exerce o dereito de separación se a cota é negativa.

A efectiva separación do Consorcio producirase unha vez determinada a cota de separación, no suposto en que esta resulte positiva, ou unha vez que se pague a débeda, se a cota é negativa.

b) Se o Consorcio estivese adscrito, de acordo co previsto na lei, á Administración que exerceu o dereito de separación, o Consorcio terá que acordar a quen, das restantes administracións ou entidades ou organismos públicos vinculados ou dependentes dunha Administración que permanecen no Consorcio, se adscribe en aplicación dos criterios establecidos na lei.

Artigo 26. Disolución e liquidación

1. O Consorcio poderá disolverse por algunha das causas seguintes:

a) Pola realización do seu obxecto e mediante acordo do Consello Xeral, co quórum do artigo 14.2 destes estatutos, que ratificarán as entidades consorciadas.

b) Por transformación do Consorcio noutra entidade, por acordo do Consello Xeral co mesmo quórum, que ratificarán os entes consorciados.

c) Cando o consideren conveniente todos os entes consorciados, tras o acordo do Consello Xeral adoptado baixo o reiterado quórum.

d) Por imposibilidade de continuar o funcionamento.

e) Por separación dun ou de diversos entes consorciados, dando lugar a que o Consorcio resulte inoperante.

f) Por incumprimento do obxecto.

2. O acordo de disolución determinará a forma para liquidar os bens do Consorcio e para a reversión das obras e instalacións existentes ás entidades membros deste.

3. Liquidación do Consorcio.

3.1. A disolución do Consorcio produce a súa liquidación e extinción. En todo caso, será causa de disolución que os fins estatutarios do Consorcio fosen cumpridos.

3.2. O máximo órgano de goberno do Consorcio ao adoptar o acordo de disolución nomeará un liquidador. Na falta de acordo, o liquidador será o presidente do Consorcio.

3.3. O liquidador calculará a cota de liquidación que corresponda a cada membro do Consorcio de conformidade co previsto nos estatutos. A mencionada cota calcularase de acordo coa participación que lle corresponda no saldo resultante do patrimonio neto tras a liquidación, tendo en conta que o criterio de repartición considerará tanto a porcentaxe das achegas que efectuase cada membro do Consorcio ao seu fondo patrimonial como o financiamento concedido cada ano. Se algún dos membros do Consorcio non realizou achegas por non estar obrigado a iso, o criterio de repartición será a participación nos ingresos que, se é o caso, recibise durante o tempo que pertenceu ao Consorcio.

3.4. O Consorcio acordará a forma e as condicións en que terá lugar o pagamento da cota de liquidación no suposto en que esta resulte positiva.

3.5. As entidades consorciadas poderán acordar, coa maioría que se estableza nos estatutos ou, na falta de previsión estatutaria, por unanimidade, a cesión global de activos e pasivos a outra entidade xuridicamente adecuada coa finalidade de manter a continuidade da actividade e alcanzar os obxectivos do Consorcio que se liquida.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A entrada en vigor destes estatutos producirase coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.