O día 30 de decembro de 2015, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.
De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, punto 4, da Lei 4/2006, do 20 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, finalidade da subvención, beneficiario e cantidade concedida.
Segundo o establecido no punto 9 do artigo 15 da citada orde, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesta notificación os beneficiarios serán informados de que se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, medida 8.1 do PDR de Galicia, e a súa selección segundo os criterios establecidos no artigo 11.
De conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a publicación substituirá a notificación en procedementos de concurrencia competitiva nos casos en que así se prevexa na normativa reguladora. Tal como estipula o artigo 15 da Orde do 28 de decembro de 2015, a notificación realizarase mediante unha publicación onde se especificará a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación, e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, o órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e o prazo para interpoñelos; ademais, reflectirá que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e o eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural de que se trata.
En virtude do artigo 2 da Orde do 17 de novembro de 2015 sobre delegación de competencias en diversos órganos da Consellería do Medio Rural (DOG núm. 223, do 23 de novembro), o director xeral de Ordenación e Produción Forestal:
1. Acorda a publicación do contido da Resolución do 27 de outubro de 2016 das axudas concedidas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.713B.7700 e tamén daquelas desestimadas, ao abeiro da Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.
Estas axudas sométense ao Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Esta medida foi comunicada polo Estado co número de axuda SA.43021 (2015/XA) ao amparo do Regulamento (UE) 702/2014, e cumpren co Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia para o período 2014-2020, no cal se inclúe a medida 8.1 (establecemento e mantemento de superficies forestais co fin de fomentar o incremento das masas forestais como sumidoiro de carbono e contribuír desta forma á loita contra o cambio climático). O PDR 2014-2020 foi aprobado pola Decisión de ejecución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015.
2. A orde estableceu unha liña de axuda obxecto de subvención:
Primeira forestación de terras non agrícolas con especies do anexo I. Unicamente se inclúe a subvención de especies do anexo II ás superficies que, conforme os apartados c, d, e e g do anexo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, quedan reducidas exclusivamente a frondosas caducifolias.
O anexo I relaciona a lista daquelas axudas solicitadas que foron concedidas e o anexo II presenta aquelas axudas desestimadas coa indicación das causas da desestimación. Estas listas atópanse na páxina web da Consellería do Medio Rural.
3. As axudas concedidas, dispostas no anexo I, deberán:
1. Presentar por escrito a comunicación de remate dos traballos-solicitude de pagamento antes do prazo máximo para rematar os traballos e xustificalos, que termina o día 30 de decembro de 2016, para a anualidade 2016, e o día 15 de xuño de 2017, para a anualidade 2017, xunto coa comunicación de remate dos traballos, deberá entregar, segundo o disposto no artigo 18 da dita orde de axudas, a seguinte documentación:
a) A memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.
b) A memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes datos:
– Acreditación sobre o número de unidades físicas executadas. No caso dos propietarios particulares de forma individual cuxa superficie de actuación sexa igual ou superior a 10 hectáreas, das CMVMC, das sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas, das cooperativas agrícolas, dos proindivisos, dos de montes de varas, abertais, de voces, voceríos, de fabeo, das comunidades de bens, das entidades locais, e doutras persoas xurídicas, a acreditación deberá estar asinada por un enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal.
– Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación dos prezos das unidades de obra previstos no anexo III.
– Un detalle doutros ingresos ou axudas que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia e co balance final do proxecto (ingresos e gastos).
c) Arquivo gráfico (medición GPS) en formato digital e formato vectorial tipo «shape» no datum ETRS89 e coordenadas UTM sobre fuso 29N coa superficie afectada polos traballos de forestación.
d) Documentación da planta empregada de todas as especies incluídas no anexo I e XII do Real decreto 289/2003: pasaporte fitosanitario, etiquetas e documentos do provedor, conforme os modelos especificados no anexo IX do Real decreto 289/2003, na forma en que sexan exixibles pola autoridade competente as especificaciones recolleitas no Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución.
e) Certificado final de obra emitido polo director de obra, excepto no caso de superficie inferior a 10 hectáreas, no cal figure unha relación valorada dos traballos executados.
f) Só no caso de CMVMC, xustificación do cumprimento da obrigación de comunicación establecida no artigo 125.7 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recórdase que as cotas mínimas de reinvestimentos dos montes veciñais serán do 40 % de todos os ingresos xerados.
g) Xustificantes de gasto (facturas): os xustificantes de gasto consistirán nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria.
h) Xustificantes bancarios do pagamento polo beneficiario: xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc., en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, deberá ser orixinal ou copia compulsada e estará selado pola entidade bancaria.
2. No caso da anualidade 2016 e de acordo co suposto previsto no artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas axudas cun importe subvencionado superior aos 18.000,00 € deberán constituír unha garantía bancaria ou unha garantía equivalente que corresponda ao 110 % do importe do pagamento á conta. A devandita garantía liberarase cando a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal comprobe que o beneficiario cumpre todos os requisitos exixidos na convocatoria para o pagamento da axuda e o importe dos gastos considerados finalmente como elixibles supera o importe do pagamento á conta.
3. En cumprimento do disposto no artigo 17 punto 2 da orde, deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas a diferentes provedores (sen vinculación entre si, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público) e entregalas antes do remate do prazo de execución, ou entregalas coa notificación de remate dos traballos.
4. No caso de axudas que se atopen na Rede Natura 2000, que existan bens de interese cultural de Galicia, unha zona de protección lateral do Camiño de Santiago ou calquera outra afección segundo a lexislación sectorial vigente en materias distintas da forestal, a execución delas está supeditada ao informe do órgano administrativo correspondente segundo o caso.
5. Os compromisos adquiridos pola concesión desta axuda terminan unha vez transcorrida a quenda da especie ou polo menos 20 anos contados a partir da data da comprobación final.
Contra a resolución que se publica cabe a interposición de recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo cos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2016
Tomás Fernández-Couto Juanas
Director xeral de Ordenación e Produción Forestal