Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Xoves, 10 de novembro de 2016 Páx. 49951

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 7 de novembro de 2016 pola que se modifica a Orde do 27 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2016 e 2017, das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

O día 8 de xullo de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 27 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2016 e 2017, das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

No seu artigo 1 disponse que a orde ten por obxecto regular as bases do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar, así como a mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como a mellorar o estado da paisaxe galega dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia socioeconómica, por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos e para o mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e cos seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarios para acadar obxectivos ambientais, é dicir, investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou da rendibilidade das explotacións agrícolas, senón que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas Rede Natura 2000.

O artigo 20 establece que a notificación e o remate das accións (total ou parcial) e a solicitude de pagamento das axudas se deberán xustificar con data límite do 15 de novembro de 2016, para a anualidade do ano 2016 e do 15 de xuño de 2017, para a anualidade de 2017. Así mesmo, a orde recolle que estes prazos serán, en todo caso, improrrogables.

O elevado número de solicitudes presentadas, a necesidade de efectuar un gran número de requirimentos para completar a documentación presentada coa solicitude ou emenda de erros; ademais da obriga de efectuar unha inspección sobre o terreo para comprobar a realidade e viabilidade do solicitado, previa á proposta de resolución de concesión das axudas, xeraron unha demora na resolución da convocatoria que dificulta o cumprimento polos beneficiarios dos prazos establecidos na orde para a execución e xustificación das axudas.

Esta situación provoca a necesidade de establecer novos prazos de execución e xustificación destas.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 20.7 da Orde do 27 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2016 e 2017, das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, nos seguintes termos:

Modificase o artigo 20.7 que queda redactado como segue: «A notificación e o remate das accións (total ou parcial) e a solicitude de pagamento das axudas deberán xustificarse con data límite do 12 de decembro para a anualidade do ano 2016, e do 15 de xuño de 2017 para a anualidade do ano 2017. Para estes efectos, considérase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio