Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Martes, 8 de novembro de 2016 Páx. 49163

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

DECRETO 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional quinta, parágrafo segundo, establece que, para os efectos sinalados no artigo 47 da citada lei, se procederá á adaptación das normas regulamentarias e estatutarias reguladoras dos entes, organismos e entidades do sector público autonómico declarados medios propios e servizos técnicos pola referida lei nos cales non se prevexa expresamente a referida condición. Así mesmo, a disposición transitoria terceira sinala que as entidades instrumentais creadas con anterioridade á entrada en vigor da norma continuarán rexéndose pola súa normativa específica mentres non procedan a adaptar a súa regulación ás determinacións da lei, que se realizará mediante decreto da Xunta de Galicia no prazo de un ano desde a súa entrada en vigor.

Na súa virtude, procédese á transformación do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) en Axencia, mantendo a súa adscrición á consellería competente na materia, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo. A nova entidade, que asumirá as competencias atribuídas ao referido Inega, terá como obxectivos básicos o fomento, impulso e realización de iniciativas e programas de actuación para a investigación, o estudo e apoio das actuacións de coñecemento, desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia, así como a participación na xestión e prestación, se for o caso, de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Mediante o presente decreto desenvólvese a citada disposición adicional e dáse cumprimento ao previsto no artigo 54.5 de dita lei, regulando os aspectos referidos á organización e funcionamento da axencia, a súa estrutura, o réxime do seu persoal, o seu réxime económico-financeiro e o seu réxime patrimonial e de contratación.

O decreto consta dun único artigo, cuxo obxecto é a modificación das normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e a aprobación dos estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia, así como de catro disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

A disposición adicional primeira refírese á sucesión da axencia Instituto Enerxético de Galicia en todos os bens, dereitos, obrigas e competencias do ente público Instituto Enerxético de Galicia.

A disposición adicional segunda establece o proceso de constitución do Instituto Enerxético de Galicia como axencia pública autonómica.

Na disposición adicional terceira trátase da adscrición provisional do persoal do ente público Instituto Enerxético de Galicia na axencia.

A disposición adicional cuarta alude á obriga de realizar o primeiro contrato plurianual de xestión.

As disposicións transitorias establecen a situación profesional do persoal e o réxime transitorio dos procedementos.

A disposición derradeira primeira ten por finalidade recoller a modificación da estrutura orgánica da consellería con competencias en enerxía.

Por último, as disposicións derradeiras segunda e terceira tratan da habilitación para o desenvolvemento do decreto e da súa entrada en vigor.

Os estatutos desenvólvense en corenta e tres artigos agrupados en oito capítulos.

O capítulo I reúne as disposicións xerais relativas á natureza, réxime xurídico, adscrición, obxecto e fins, así como as funcións da axencia Instituto Enerxético de Galicia. Configúrase a axencia como unha entidade pública instrumental cuxo obxecto é a execución da política autonómica en materia de enerxía. En canto tal entidade instrumental, en virtude do establecido nas leis, recóllese no artigo 3 a condición da axencia como medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

O capítulo II ocúpase da organización da axencia. A estrutura da axencia Instituto Enerxético de Galicia conta con dous órganos de goberno, un unipersoal (Presidencia) e outro colexiado (o Consello Reitor). A Dirección é o órgano encargado da xestión ordinaria. Dispón tamén dun Comité de Dirección.

O contrato de xestión, no cal se recollen os obxectivos da axencia, os medios para cumprilos e as consecuencias do grao de cumprimento, e o plan de acción anual constitúen o obxecto do capítulo III.

O capítulo IV regula o réxime de persoal da axencia, así como os procedementos de selección de postos de traballo, distinguindo entre as condicións de acceso á axencia do persoal directivo e do persoal non directivo.

O capítulo V regula o réxime patrimonial e de contratación, que é o xeral de aplicación a todas as administracións públicas.

O réxime económico e financeiro da axencia constitúe o obxecto do capítulo VI. Nel especifícanse os recursos económicos necesarios para que a axencia desenvolva as súas funcións.

O capítulo VII regula, pola súa banda, as disposicións aplicables á actuación da axencia, con especificación do réxime xurídico que rexerá o seu funcionamento.

O capítulo VIII establece os procedemento que se seguirán para a modificación dos estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia e para a extinción desta, con enumeración das causas que poden motivar esta última circunstancia.

Na súa virtude, por iniciativa do conselleiro de Economía, Emprego e Industria e por proposta conxunta do vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e do conselleiro de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e dous de setembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación das normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e aprobación dos estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia

1. O obxecto deste decreto é adaptar as normas reguladoras do ente de dereito público Instituto Enerxético de Galicia (Inega), creado pola Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia, ao disposto para as axencias públicas autonómicas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. Esta entidade instrumental, conforme o previsto na disposición adicional quinta da dita Lei 16/2010, do 17 de decembro, terá a mesma denominación: Instituto Enerxético de Galicia.

3. En consecuencia, mediante este decreto apróbanse os estatutos da axencia pública autonómica Instituto Enerxético de Galicia, cuxo texto se insire a seguir.

Disposición adicional primeira. Sucesión do Instituto Enerxético de Galicia

1. A axencia Instituto Enerxético de Galicia, como entidade pública instrumental do sector público autonómico, subrógase en todos os dereitos e obrigas do ente público Instituto Enerxético de Galicia e asumirá as competencias deste.

2. Todas as referencias normativas relativas ao ente público Instituto Enerxético de Galicia entenderanse referidas á axencia pública autonómica Instituto Enerxético de Galicia.

Disposición adicional segunda. Constitución da axencia Instituto Enerxético de Galicia

A constitución da axencia Instituto Enerxético de Galicia producirase coa celebración da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, que terá lugar no prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto, a partir do cal se realizarán todas as actuacións conducentes á súa adaptación organizativa e de funcionamento.

Disposición adicional terceira. Adscrición provisional do persoal

Quedan adscritos á axencia, no momento da súa constitución efectiva, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior a director/a de departamento previstos na relación de postos de traballo ou instrumento equivalente correspondentes ao ente público Instituto Enerxético de Galicia coas dotacións existentes no momento de creación da axencia. A adscrición efectuarase aos órganos da estrutura orgánica previstos nos estatutos segundo se dispoña por resolución da Dirección. Estas unidades e postos de traballo continuarán subsistentes e serán retribuídas con cargo aos créditos orzamentarios da axencia ata que se aprobe a súa relación de postos de traballo, adaptada á estrutura orgánica establecida nos seus estatutos.

Disposición adicional cuarta. Primeiro contrato plurianual de xestión

O Consello Reitor da axencia Instituto Enerxético de Galicia aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo máximo de tres meses desde a súa constitución.

Disposición transitoria primeira. Expedientes en tramitación

Os expedientes en trámite no Instituto Enerxético de Galicia na data de constitución da axencia serán resoltos por esta.

Disposición transitoria segunda. Persoal da axencia

O persoal que preste servizos no ente público Instituto Enerxético de Galicia pasará a desenvolvelos na axencia Instituto Enerxético de Galicia e a prestar servizos nesta nas mesmas condicións en que se atopase con efectos desde a data da súa entrada en funcionamento.

En especial, o persoal laboral propio existente no momento de creación da axencia Instituto Enerxético de Galicia conserva os seus dereitos, deberes e condicións profesionais que tiña en función da relación xurídica de emprego pola cal estaba vinculado co ente de dereito público Instituto Enerxético de Galicia, concretamente os establecidos no acordo de adhesión do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ao V convenio único do persoal laboral da Xunta de Galicia, subscrito o 15 de decembro de 2014 e publicado no Boletín Oficial da provincia da Coruña número 75, do 23 de abril de 2015.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Derrógase o Decreto 280/1999, do 4 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Instituto Enerxético de Galicia.

2. Derrógase a Resolución do 7 de marzo de 2014 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Administración do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) que aproba a modificación da estrutura organizativa do Instituto Enerxético de Galicia.

3. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación da estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria

1. Modifícase a letra b) punto 5 do artigo 5 do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e a súa redacción queda do seguinte xeito:

«Artigo 5

b. Quedan adscritos a esta consellería:

1. A Axencia Galega de Innovación.

2. O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

3. O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

4. O organismo autónomo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

5. A axencia Instituto Enerxético de Galicia.

6. O Consello Galego de Relacións Laborais».

2. Modifícase a letra e) apartado 1 do artigo 3 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que terá a seguinte redacción:

«Artigo 3. Entidades instrumentais e demais órganos

1. Quedan adscritas a esta consellería as seguintes entidades:

a) A Axencia Galega de Innovación.

b) O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

c) O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

d) O organismo autónomo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

e) A axencia Instituto Enerxético de Galicia.

f) O Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, consultivo, creado pola Lei 5/2008, do 23 de maio».

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de enerxía para ditar cantas disposicións normativas sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de setembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Sección 1ª. Configuración Institucional

Artigo 1. Natureza e adscrición

1. O Instituto Enerxético de Galicia é unha axencia pública autonómica encadrada dentro das entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A axencia Instituto Enerxético de Galicia está adscrita á consellería competente en materia de enerxía e conta con personalidade xurídica propia diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía de xestión nos termos que precisan as leis.

Artigo 2. Obxecto e fins

1. Os obxectivos básicos da axencia Instituto Enerxético de Galicia son o fomento, impulso e realización de iniciativas e programas de actuación para a investigación, o estudo e apoio das actuacións de coñecemento, desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia, así como a participación na xestión e prestación, se for o caso, de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

2. A axencia Instituto Enerxético de Galicia poderá, directamente ou a través de sociedades adscritas ou sobre as que teñan atribuídas a súa tutela funcional, cumprir os obxectivos sinalados no punto precedente, en virtude das encomendas ou encargos que reciba dos órganos ou entidades competentes.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. A axencia Instituto Enerxético de Galicia axustará a súa actuación ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; ao disposto na normativa básica estatal de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; na normativa financeira e orzamentaria da Comunidade Autónoma de Galicia; nos presentes estatutos e nas súas normas de desenvolvemento; e, supletoriamente, nas normas aplicables ás entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

2. A axencia Instituto Enerxético de Galicia e o seu persoal axustarán a súa actuación aos valores e principios establecidos nas disposicións contidas nos presentes estatutos e nas normas de conduta aplicables conforme a lexislación vixente.

Artigo 4. Condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

1. A axencia Instituto Enerxético de Galicia ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dela dependentes, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden no ámbito do seu obxecto social e nos termos fixados nestes estatutos.

2. As relacións da axencia Instituto Enerxético de Galicia cos poderes adxudicadores de que é medio propio e servizo técnico teñen natureza instrumental e non contractual, e articúlanse a través das encomendas de xestión previstas no artigo 24.6 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, polo que, para todos os efectos, as devanditas relacións son de carácter interno, dependente e subordinado.

3. A axencia Instituto Enerxético de Galicia non poderá participar nos procedementos para a adxudicación de contratos convocados polos poderes adxudicadores de que sexa medio propio e servizo técnico. Porén, cando non concorra ningún licitador poderá encargárselle a execución da actividade obxecto de licitación pública.

4. En todo caso será de aplicación a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 5. Potestades administrativas

1. Corresponde ao Instituto Enerxético de Galicia, no marco das competencias que estes estatutos e, se é o caso, das que outras normas lle atribúan, o exercicio, de acordo coa lexislación aplicable, das potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins e funcións.

2. As relacións da axencia cos órganos da Administración autonómica e das restantes administracións públicas a que dea lugar o exercicio das competencias e funcións establecidas nestes estatutos serán mantidas pola persoa titular da Presidencia da axencia, no marco que estableza o Consello Reitor. A Presidencia poderá delegar o desenvolvemento ordinario das ditas relacións na persoa titular da Dirección e no persoal directivo da axencia.

Artigo 6. Sede

A axencia Instituto Enerxético de Galicia ten a súa sede institucional en Santiago de Compostela.

Sección 2ª. Réxime básico de actuación

Artigo 7. Principios de actuación

1. A axencia Instituto Enerxético de Galicia respectará na súa actuación os principios de xestión transparente por obxectivos, de descentralización funcional, de servizo á cidadanía, ás institucións e á sociedade no seu conxunto, de obxectividade, eficacia e eficiencia e, especificamente, os seguintes:

a) Principio de transparencia e participación, entendidos respectivamente como a rendición de contas á cidadanía e como o compromiso de consulta e participación das persoas interesadas na realización dos seus traballos.

b) Principios de autonomía e responsabilidade, entendidos respectivamente como a capacidade da axencia de xestionar con autonomía os medios postos ao seu dispor para alcanzar os obxectivos comprometidos, e como a súa disposición a asumir as consecuencias dos resultados alcanzados.

c) Principios de cooperación interadministrativa e participación institucional, entendidos, respectivamente, como a disposición activa a colaborar con outras administracións e institucións.

d) Principio de calidade e mellora continua, entendido como o compromiso sistemático coa autoavaliación e a utilización de modelos que permitan establecer áreas de mellora.

e) Principio de incorporación transversal da perspectiva de xénero e do obxectivo da igualdade efectiva entre homes e mulleres en toda a actividade da axencia.

2. O principio de transparencia e participación cidadá, enunciado na alínea a) do número anterior, concretarase, en relación co ámbito xeral de actuación da axencia Instituto Enerxético de Galicia, na publicación na sede electrónica da axencia dos seguintes aspectos:

a) O contrato de xestión da axencia, o plan de acción anual, o informe xeral de actividade e as contas anuais, acompañadas do informe de auditoría de contas.

b) As redes de coñecemento e intercambio de información que impulse e, de ser o caso, outras que existan no territorio de Galicia.

c) Os recursos públicos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas que desenvolve a axencia e, de ser o caso, condicións e formas de acceso a eles.

d) Outros recursos públicos ou privados destinados a tales fins e dispoñibles no ámbito de Galicia dos cales a axencia teña coñecemento.

e) Os procedementos e medios de acceso das persoas interesadas aos servizos da axencia e os dereitos que para ese efecto lles correspondan.

3. Logo de aprobados o contrato de xestión, o plan de acción, o informe xeral de actividade e as contas anuais, publicarase no Diario Oficial de Galicia un resumo de cada un deses documentos, indicando na dita publicación o enderezo web en que se pode acceder ao contido íntegro daqueles.

Artigo 8. Competencias e funcións

1. Para a consecución dos seus fins, corresponde á axencia Instituto Enerxético de Galicia o exercicio das seguintes competencias e funcións:

a) Elaborar e propoñer á consellería competente en materia de enerxía plans e programas en materia enerxética.

b) Promover e, se for o caso, executar os plans e programas indicados, aprobados pola consellería competente en materia de enerxía.

c) Controlar, vixiar e inspeccionar, dentro do ámbito de actuación do Inega e en coordinación coa subdirección xeral competente en materia de enerxía, as instalacións de produción, condución, distribución, subministración e consumo de enerxía, tendo como obxectivo prioritario a seguridade das instalacións.

d) Propoñer a elaboración de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión da política enerxética.

e) Fomentar e desenvolver programas de asesoramento e auditoría enerxéticos para impulsar actuacións de aforro e mellora da eficacia enerxética, elaborar programas de racionalización do uso da enerxía e promover o aproveitamento dos recursos enerxéticos.

f) Fomentar e participar en programas e proxectos de investigación e desenvolvemento de tecnoloxías enerxéticas, bens de equipamento e servizos relacionados coa enerxía.

g) Fomentar e participar na avaliación e implantación de sistemas de produción de enerxía baseados en recursos endóxenos, con especial promoción dos que utilicen enerxías renovables e de coxeración.

h) Elaborar estudos e realizar e emitir informes e recomendacións en materia enerxética para entes públicos ou privados.

i) Organizar programas de formación e reciclaxe profesional, en colaboración con centros de formación de ámbito universitario e profesional.

j) Orientar as persoas usuarias nos hábitos de consumo enerxético mediante campañas e actuacións específicas.

k) Fomentar a participación das empresas e institucións galegas nos programas enerxéticos estatais e internacionais, principalmente os emprendidos pola Unión Europea, así como emitir informe e asesorar sobre as directrices e programas comunitarios dirixidos ao ámbito enerxético.

l) Poderá exercer a representación da Comunidade Autónoma nos organismos previstos pola normativa vixente en materia enerxética.

m) Xestionar a Rede de enerxía da Xunta de Galicia, creada mediante o Decreto 66/2013, do 18 de abril.

n) Realizar un labor divulgativo e formativo no ámbito da certificación enerxética de edificios.

ñ) Impulsar e xestionar incentivos para a implantación de proxectos de enerxías renovables e de eficiencia enerxética.

o) Asesorar no ámbito enerxético e promover a realización de estudos para a posta en marcha de medidas de eficiencia enerxética e enerxías renovables na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

p) Impulsar e realizar o seguimento de proxectos innovadores con carácter demostrativo no ámbito da enerxía.

2. As funcións mencionadas no número precedente poderá exercelas directamente a axencia, a través dunha sociedade pública autonómica ou calquera medio propio.

3. Para o exercicio das devanditas funcións, o Instituto Enerxético de Galicia poderá actuar tanto directamente como a través de calquera das entidades dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das limitacións establecidas pola lexislación vixente no caso de que a súa actuación comporte o exercicio de potestades administrativas.

Artigo 9. Colaboración con outras administracións públicas e co sector privado

1. A axencia Instituto Enerxético de Galicia poderá cooperar con outras administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias e funcións, e con entes do sector privado a través de convenios de colaboración.

2. A persoa titular da Presidencia, en calidade de máxima representación da entidade, poderá subscribir con entidades públicas e privadas convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público en nome da entidade que preside.

CAPÍTULO II
Organización

Sección 1ª. Órganos de goberno

Artigo 10. Órganos de Goberno

1. Os órganos de goberno da axencia Instituto Enerxético de Galicia son:

a) A Presidencia.

b) O Consello Reitor.

2. Na designación das persoas titulares e dos membros dos órganos de goberno da Axencia respectarase a paridade entre mulleres e homes.

Artigo 11. A Presidencia

1. A Presidencia da axencia Instituto Enerxético de Galicia corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de enerxía. Por razóns organizativas e de oportunidade, a persoa titular da consellería competente en materia de enerxía poderá propoñer ao Consello da Xunta o nomeamento dunha persoa para desempeñar a Presidencia da axencia no seu lugar.

2. No suposto de ausencia, vacante, enfermidade ou outro impedimento legal, a persoa titular da Dirección substituirá a persoa titular da Presidencia.

3. O cargo de presidente non será retribuído.

Artigo 12. Competencias da Presidencia

1. Son competencias da persoa titular da Presidencia:

a) A representación institucional e legal da axencia Instituto Enerxético de Galicia, sen prexuízo das delegacións que poida establecer na persoa titular da dirección da axencia e das funcións que a este poidan corresponder.

As relacións do Instituto Enerxético de Galicia cos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das restantes administracións públicas a que dea lugar o exercicio das competencias e funcións establecidas nestes estatutos serán mantidas pola Presidencia da axencia, no marco que, por proposta desta, estableza o Consello Reitor. A Presidencia poderá delegar o desenvolvemento ordinario das ditas relacións na persoa titular da Dirección e no persoal directivo da axencia.

b) Exercer a máxima representación da axencia Instituto Enerxético de Galicia.

c) Presidir o Consello Reitor e desempeñar as demais competencias que, en exercicio desta función, lle correspondan segundo o disposto na normativa básica estatal de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

d) Ordenar a convocatoria do Consello Reitor, fixar a orde do día e presidir as súas sesións.

e) Subscribir contratos, convenios de colaboración, acordos e outros instrumentos xurídicos que poidan xerar compromisos ou obrigas para a axencia, sen prexuízo das delegacións que, se for o caso, se establezan.

f) Propoñer ao Consello da Xunta o nomeamento e cesamento da persoa titular da Dirección da axencia Instituto Enerxético de Galicia.

g) Remitir a proposta de contrato plurianual de xestión á consellería con competencias en materia de facenda e á consellería competente en materia de administracións públicas para a súa presentación ao Consello da Xunta.

h) Remitir a proposta de modificación dos estatutos da axencia á consellería con competencias en materia de facenda e á consellería competente en materia de administracións públicas para a súa presentación ao Consello da Xunta, nos casos en que proceda.

i) Resolver os recursos de alzada interpostos fronte aos actos da Dirección da axencia.

j) Informar o Parlamento de Galicia, cando for requirido, das actuacións desenvolvidas pola axencia.

k) Velar pola consecución dos obxectivos asignados á axencia.

l) Propoñer a adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e funcionamento da axencia.

m) Calquera outra que lle atribúa o presente estatuto ou as demais normas que resulten de aplicación ou, se for o caso, delegar o seu exercicio na persoa titular da Dirección da axencia.

2. A persoa titular da Presidencia poderá solicitar aos órganos regulados no presente estatuto os informes e ditames que sexan precisos para o correcto exercicio das funcións que ten encomendadas.

Artigo 13. Definición e composición do Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da axencia Instituto Enerxético de Galicia.

2. O Consello Reitor estará integrado polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Presidencia da axencia.

b) Vicepresidente/a: a persoa titular da Dirección da axencia.

c) Sete vogais, nomeados pola persoa titular da consellería de adscrición:

– Tres vogais representarán a consellería competente en materia de enerxía e serán designados por esta.

– Dous vogais representará a consellería competente en materia de ordenación do territorio e ambiente e serán propostos por esta.

– Un/unha vogal en representación da consellería competente en materia de facenda e será proposto/a por esta.

– Un/unha vogal representará as corporacións locais e será proposto pola Fegamp.

d) Secretario/a: designado e nomeado polo Consello Reitor entre o persoal que presta servizos na axencia. A persoa titular da Secretaría asistirá ás reunións con voz pero sen voto.

3. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou cando concorra outra causa legal xustificada:

a) A persoa titular da Vicepresidencia do Consello Reitor substituirá a persoa titular da Presidencia.

b) Os/as vogais serán substituídos polos seus respectivos suplentes, propostos pola mesma persoa ou entidade que tivese designado as persoas titulares.

c) A persoa titular da Secretaría será substituída pola persoa nomeada polo Consello Reitor para estes efectos.

4. Poderán asistir ás sesións do Consello Reitor todas aquelas persoas que sexan convocadas pola Presidencia en calidade de persoas expertas en relación coas materias incluídas na orde do día para as cales o seu ditame e asesoramento sexa relevante.

5. O cargo no Consello Reitor non será retribuído.

Artigo 14. Funcións do Consello Reitor

1. Corresponden ao Consello Reitor as seguintes funcións:

a) Aprobar a proposta de modificación dos estatutos e das normas de réxime interno.

b) Aprobar a proposta de contrato de xestión da axencia.

c) Aprobar os obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais da axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

d) Aprobar o anteproxecto de orzamento anual e da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites fixados no contrato de xestión.

e) O seguimento, a supervisión e o control da actuación da entidade e da xestión da persoa titular da Dirección e a exixencia das responsabilidades que procedan.

f) Aprobar as contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, consonte a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Aprobar o informe xeral anual da actividade desenvolvida e de cantos extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

h) Designar e nomear a persoa titular da Secretaría do Consello Reitor.

i) Nomear e cesar o persoal directivo, por proposta motivada da Dirección.

j) Propoñer a aprobación e modificación da relación de postos de traballo da axencia, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos, de función pública e de avaliación e reforma administrativa.

k) Resolver as reclamacións previas en asuntos civís e laborais.

l) Aprobar a iniciativa de creación ou participación de sociedades mercantís e fundacións con carácter previo ao procedemento establecido no artigo 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

m) Decidir sobre os asuntos propostos pola Presidencia.

n) Autorizar contratos laborais de duración determinada, logo dos informes favorables dos centros directivos competentes en materia orzamentaria e de función pública. A selección deste persoal realizarase de acordo co previsto no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

o) Aprobar as normas de desenvolvemento dos presentes estatutos propostas pola Dirección.

p) Calquera outra que lle atribúa a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dos presentes estatutos ou as demais normas que resulten de aplicación.

2. Para o axeitado exercicio das súas funcións, o Consello Reitor poderá requirir a información necesaria dos órganos directivos e unidades administrativas da axencia Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 15. Funcionamento do Consello Reitor

1. O Consello Reitor reunirase con carácter ordinario, logo de convocatoria da Presidencia, cunha periodicidade trimestral e, en sesión extraordinaria, cando sexa necesario para o desenvolvemento das funcións da axencia, logo de convocatoria da persoa titular da Presidencia, por iniciativa propia ou por solicitude de, ao menos, un terzo dos seus membros.

2. A convocatoria do Consello Reitor será realizada pola persoa titular da Secretaría cunha antelación mínima de corenta e oito horas e incorporará a orde do día dos asuntos que se vaian tratar.

3. Para a válida constitución do Consello Reitor, ademais das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría, ou de quen as substitúa, deberán estar presentes, na primeira convocatoria, a metade dos seus membros e, na segunda convocatoria, a terceira parte. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberán transcorrer, cando menos, vinte e catro horas e pode ser a propia orde de convocatoria inicial a que inclúa unha referencia a ambas.

En todo caso, quedará validamente constituído o Consello Reitor cando, sen cumprirse os anteriores requisitos de convocatoria, asistan á xuntanza todos os seus membros e así o acorden por unanimidade. Neste caso, unha vez constituído o órgano, a orde do día deberaa acordar a maioría absoluta dos seus membros.

4. Os acordos do Consello Reitor tomaranse por maioría de votos dos seus membros presentes ou representados. En caso de empate, a persoa titular da Presidencia terá voto de calidade.

5. Os demais aspectos relativos ao funcionamento do Consello Reitor axustarase ao disposto no seu regulamento de réxime interno, á normativa básica estatal de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Sección 2ª. Órganos executivos

Artigo 16. A Dirección

1. A Dirección é o órgano executivo da axencia Instituto Enerxético de Galicia, e correspóndelle a súa xestión ordinaria.

2. A Dirección da axencia Instituto Enerxético de Galicia será exercida, por razón do cargo, pola persoa titular da dirección xeral con competencias en enerxía.

3. Son funcións da Dirección:

a) Elaborar os proxectos normativos de desenvolvemento dos presentes estatutos.

b) Elaborar o proxecto de contrato de xestión da axencia.

c) Elaborar propostas de modificación dos estatutos da axencia e proxectos de normas de réxime interior dela e, se é o caso, das unidades adscritas.

d) Elaborar a proposta dos obxectivos, dos plans de acción anuais e plurianuais da axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

e) Elaborar a proposta de relación de postos de traballo da axencia e as súas propostas de modificación.

f) Propoñer ao Consello Reitor o nomeamento, de acordo cos criterios de profesionalidade, mérito e capacidade e atendendo a criterios de idoneidade, do persoal directivo, así como o seu cesamento. O proceso de nomeamento levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

g) Exercer a xefatura do persoal da axencia.

h) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar as áreas, os servizos e as unidades adscritas á axencia e ditar as instrucións e circulares relativas ao seu funcionamento.

i) Elaborar o anteproxecto de orzamentos da axencia, así como render as contas correspondentes.

j) Autorizar as modificacións orzamentarias.

k) Executar os orzamentos da axencia e, por tanto, dispoñer os créditos e dotacións, os recoñecementos das obrigas e a ordenación dos pagamentos dentro dos límites que lle correspondan.

l) Autorizar os pagamentos e os gastos da axencia.

m) Propoñer as variacións da contía global do orzamento, así como as que afecten os gastos de persoal e de capital, para a súa autorización pola consellería competente en materia de facenda.

n) Autorizar as restantes variacións por enriba do inicialmente orzamentado, incluso na contía global cando sexan financiadas con recursos derivados das letras b), e), f) e g) do artigo 82 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e se destinen directamente a fins da axencia con dotación orzamentaria, logo de informe favorable da Comisión de Control e Seguimento.

o) Acordar a incorporación do remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo de informe preceptivo e vinculante da consellería que teña competencias en materia de orzamentos, dando conta á Comisión de Control e Seguimento.

p) Executar o plan anual de actividades da axencia.

q) Elaborar o informe anual sobre a actuación e a xestión da axencia.

r) Informar a consellería de adscrición e as competentes en materia de administracións públicas e facenda acerca da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión ao longo do anterior exercicio.

s) Propoñer a resolución dos recursos administrativos, das reclamacións previas en asuntos civís e laborais e das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

t) Resolver os expedientes tramitados no ámbito de programas de apoio convocados pola axencia Instituto Enerxético de Galicia, así como declarar o incumprimento de condicións, a procedencia de reintegros ou o arquivo de expedientes.

u) Executar os acordos da Presidencia e do Consello Reitor e exercer as funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

v) Actuar como órgano de contratación da axencia.

w) As demais que se lle atribúan na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, nestes estatutos ou noutras disposicións aplicables, así como calquera outra competencia da axencia non encomendada a outro órgano dela.

x) Calquera outra non atribuída a outros órganos da axencia.

y) A Dirección poderá delegar nas persoas titulares da Xerencia e dos departamentos as atribucións específicas que teña encomendadas nos presentes estatutos.

Sección 3ª. Outros órganos

Artigo 17. O Comité de Dirección

1. A persoa titular da Dirección da axencia Instituto Enerxético de Galicia estará asistida por un comité de dirección composto polas persoas titulares da Xerencia, dos departamentos e da Secretaría do Consello Reitor, en caso de que este non exerza posto de director/a de departamento ou xerente/a.

2. O Comité de Dirección reunirase, polo menos, unha vez cada catro meses, e o seu réxime de funcionamento será o establecido con carácter xeral para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. Son funcións do Comité de Dirección:

a) Elaborar para o Consello Reitor, coa periodicidade que este decida, e polo menos unha vez ao semestre, informes sobre o desenvolvemento e execución do contrato de xestión.

b) Analizar os resultados da xestión económico-financeira a través da información que, de forma periódica, deberán proporcionarlle os órganos xestores.

c) Solicitar información sobre os sistemas de control e procedementos internos establecidos para asegurar o debido cumprimento das disposicións legais e demais normas aplicables, así como coñecer dos informes de auditoría de contas e adicionais sobre funcionamento de control interno, e propoñer ao Consello Reitor as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas.

Artigo 18. A Comisión de Control e Seguimento: composición e réxime de funcionamento

1. A Comisión de Control e Seguimento é o órgano de control do funcionamento da axencia Instituto Enerxético de Galicia e estará composta polos seguintes membros:

a) Unha persoa representante da entidade titular do contrato de xestión.

b) Unha persoa representante da consellería de adscrición da axencia.

c) Unha persoa representante da consellería que ten as competencias en materia de orzamentos.

d) Unha persoa representante da consellería que ten as competencias en materia de avaliación e reforma administrativa.

2. En ningún caso os membros da Comisión de Control e Seguimento serán coincidentes cos membros do Consello Reitor, a excepción dos membros que non teñan voto no dito consello.

3. A Presidencia da Comisión de Control e Seguimento exerceraa a persoa representante da consellería que ten competencias en materia de orzamentos.

4. A Secretaría da comisión será exercida pola persoa titular da Secretaría da entidade obxecto do contrato, que dará comunicación de todas as propostas e acordos, tanto ao Consello Reitor ou órgano equivalente da entidade, como á dirección política das consellerías que forman parte da comisión.

5. Os membros da comisión serán designados pola persoa titular da entidade/consellería con presenza na comisión, de entre o seu persoal técnico que ocupe postos con nivel de subdirección xeral, xefatura de servizo ou equivalente.

6. Sempre que se xustifique debidamente, poderán exixirse determinados coñecementos como requisito para formar parte da Comisión de Control e Seguimento.

7. Os membros da comisión poderán asistir cun asesor sempre que os asuntos que se van tratar o xustifiquen.

8. O cargo na Comisión de Control e Seguimento non será retribuído.

Artigo 19. Funcións da Comisión de Control e Seguimento

1. Son funcións da Comisión de Control e Seguimento:

a) Supervisar o procedemento e sistemas de elaboración da información de xestión e a económica e financeira que se someterá ao Consello Reitor. Para tal efecto formulará o marco normalizado de comunicación desta información, analizará os seus resultados e coñecerá os informes de control da xestión económico-financeira emitidos polos órganos de control externo e interno e propoñerá as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas.

b) Revisar as contas anuais que deben someterse ao Consello Reitor para a súa formulación de acordo coa normativa aplicable.

c) Supervisar as memorias e informes da Xerencia nas cales se relacione o grao de cumprimento de obxectivos cos sistemas de responsabilidade, carreira profesional e incentivos que debe levar asociados. Neste ámbito, elaborará coa periodicidade que decida o Consello Reitor, e cando menos unha vez ao semestre, informes sobre o desenvolvemento e execución do contrato de xestión.

d) Vixiar o cumprimento das normas orzamentarias na elaboración do orzamento, así como na súa execución a través da análise do estado de execución orzamentaria mensualmente remitido á Comisión de Control e Seguimento. Neste ámbito emitirá informe sobre as autorizacións de variacións orzamentarias emitidas pola persoa titular da Dirección da axencia e coñecerá os acordos de incorporación dos remanentes de tesouraría.

e) Informar o Consello Reitor sobre os asuntos que este lle solicite.

2. Ademais de conter un pronunciamento sobre as cuestións formuladas, os informes emitidos pola comisión poderán conter propostas ou recomendacións para a súa toma en consideración polo Consello Reitor.

3. Os informes da Comisión de Control e Seguimento teñen carácter preceptivo nas materias sinaladas, sen que sexan vinculantes para o Consello Reitor.

4. Corresponde á Comisión de Control e Seguimento elaborar o seu regulamento de réxime interno.

5. O funcionamento da Comisión de Control e Seguimento axustarase ao disposto no seu regulamento de réxime interno; á normativa básica estatal de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 20. Asesoría Xurídica e representación e defensa en xuízo da axencia Instituto Enerxético de Galicia

1. O asesoramento xurídico da axencia Instituto Enerxético de Galicia corresponderá á súa Asesoría Xurídica, que, integrada por persoal funcionario da escala de letrados da Xunta de Galicia, se rexerá polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

2. Para a representación e defensa en xuízo, a axencia poderá acordar a sinatura dun convenio coa Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, nos termos previstos no citado regulamento orgánico.

Sección 4ª. Estrutura organizativa

Artigo 21. Estrutura organizativa

A axencia Instituto Enerxético de Galicia estrutúrase internamente nos seguintes departamentos e áreas:

a) A Xerencia, da cal depende a Área de Xestión e Coordinación coas Administracións Públicas.

b) O Departamento de Enerxía, do cal dependen a Área de Enerxías Renovables e a Área de Aforro e Eficiencia Enerxética.

Artigo 22. A Xerencia

1. A persoa titular da Xerencia da axencia Instituto Enerxético de Galicia, con nivel orgánico de subdirección xeral, serao tamén de todos os seus órganos colexiados.

2. Á Xerencia correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Coordinar, baixo as instrucións da Dirección, as actuacións xurídico-administrativas dos diferentes programas e actuacións que desenvolva a axencia.

b) Prestar asistencia xurídica e administrativa á persoa titular da Dirección da axencia en cantos asuntos esta considere conveniente, así como emitir informe sobre os anteproxectos normativos e orzamentarios.

c) Dirixir e xestionar os servizos comúns da axencia, así como os órganos e unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia.

d) Velar pola organización, simplificación e racionalización da actividade administrativa e propoñer as modificacións encamiñadas a mellorar e perfeccionar os servizos.

e) Xestionar, de conformidade coas directrices da Dirección, os asuntos relacionados co réxime interno, a prevención de riscos laborais e o réxime de persoal da axencia.

f) Elaborar os proxectos de plans xerais de actuación da axencia.

g) Xestionar os medios materiais adscritos ao funcionamento da axencia.

h) Xestionar e controlar os servizos de documentación e publicación da axencia.

i) Asistir ás reunións dos órganos colexiados dos cales forme parte e efectuar as convocatorias por orde da persoa titular da Presidencia.

j) Xestionar a Rede de enerxía da Xunta de Galicia (Redexga) nos termos establecidos no Decreto 66/2013, do 18 de abril, así como xestionar e coordinar todos aqueles proxectos desenvolvidos entre a axencia e outras administracións públicas.

k) Xestionar o procedemento de inscrición no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

l) Calquera outra que lle encomende a Dirección da axencia no desenvolvemento das competencias desta.

3. A Xerencia estará integrada pola Área de Xestión e Coordinación, con nivel orgánico de xefatura de servizo, á cal corresponden as seguintes funcións:

a) A xestión da Rede de enerxía da Xunta de Galicia (Redexga) exercendo todas aquelas funcións que poidan corresponder ao Inega, consonte o disposto no Decreto 66/2013, do 18 de abril, polo que se crea a Rede de enerxía da Xunta de Galicia e se regula a organización e competencias para a contratación da subministración enerxética dentro da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

b) A xestión, coordinación e seguimento de todas aquelas estratexias, programas ou proxectos que se desenvolvan no conxunto das administracións públicas coa participación do Inega.

Artigo 23. Departamento de Enerxía

1. A persoa titular do Departamento de Enerxía terá carácter de persoal directivo e exercerá as seguintes funcións:

a) Elaborar estudos e desenvolver a planificación das infraestruturas enerxéticas dentro do ámbito de actuación do Inega e en coordinación coa subdirección xeral competente en materia de enerxía.

b) Desenvolver e xestionar tecnicamente as actuacións en materia de enerxías renovables.

c) Elaborar estudos e informes relativos a alternativas enerxéticas dentro do ámbito de actuación do Inega e en coordinación coa subdirección xeral competente en materia de enerxía.

d) Desenvolver e xestionar tecnicamente as actuacións que realice a axencia en materia de aforro e eficiencia enerxética.

e) Elaborar os estudos e informes relativos á planificación enerxética dentro do ámbito de actuación do Inega e en coordinación coa subdirección xeral competente en materia de enerxía.

f) Elaborar os estudos e informes en materia de transporte e distribución de enerxía.

g) Asistir aos órganos colexiados para os que for nomeado.

h) Coordinar coa subdirección xeral competente en materia de enerxía os asuntos relacionados co desenvolvemento das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia.

i) Realizar o balance enerxético de Galicia para dar a coñecer e analizar a distribución da enerxía importada, xerada e consumida en Galicia.

j) Realizar e actualizar o Atlas enerxético.

k) Actuar como instrumento de captación de fondos europeos para Galicia en programas específicos de enerxía.

l) Organizar programas de divulgación, formación e reciclaxe profesional no eido enerxético en colaboración con centros de formación de ámbito universitario e profesional.

m) Realizar labores de fomento, control e inventario das auditorías enerxéticas nos sectores industrial e servizos.

n) Realizar o control e seguimento das empresas de servizos enerxéticos.

o) Actualizar o programa informático de caracterización da xeración eléctrica do réxime especial para visualizar a xeración das centrais eléctricas situadas en Galicia.

p) Realizar e actualizar a base de datos sicapdeweb con información das distintas centrais eléctricas en réxime especial.

q) Calquera outra que lle encomende a Dirección da axencia no desenvolvemento das competencias desta.

2. O Departamento de Enerxía contará coas seguintes áreas con nivel orgánico de xefatura de servizo:

a) Área de Enerxías Renovables, á cal corresponden todos os aspectos do estudo, proxecto, desenvolvemento e xestión técnica das actuacións en materia de enerxías renovables e doutras alternativas enerxéticas.

b) Área de Aforro e Eficiencia Enerxética, á cal corresponden todos os aspectos do estudo, proxecto, desenvolvemento e xestión técnica das actuacións en materia de aforro e eficiencia enerxética en todos os sectores.

CAPÍTULO III
Xestión transparente por obxectivos

Artigo 24. O contrato plurianual de xestión

1. O contrato plurianual de xestión terá por obxecto regular a actividade da axencia e as relacións recíprocas entre esta e a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco da lexislación xeral e específica vixente durante o seu período de aplicación.

2. O Consello Reitor aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución. Os posteriores contratos plurianuais de xestión presentaranse no último trimestre da vixencia do anterior.

3. O contrato de xestión aprobarase para períodos de tres anos coincidentes cos respectivos exercicios orzamentarios.

4. A aprobación do contrato plurianual de xestión terá lugar por acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería de adscrición e das competentes nas materias de Administracións públicas e de facenda, nun prazo máximo de tres meses contados desde a súa presentación. No caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato anterior.

5. O contrato plurianual de xestión deberá establecer, como mínimo e para o período da súa vixencia, os seguintes aspectos:

a) O seu período de vixencia.

b) Os obxectivos que se persigan, tanto estratéxicos como operativos, e os plans necesarios para alcanzar os obxectivos, con especificación dos marcos temporais correspondentes e dos proxectos asociados a cada unha das estratexias e os seus prazos temporais.

c) Os resultados que se queren obter, así como os indicadores para avaliar os resultados obtidos, establecendo o seu escenario plurianual.

d) O marco de actuación en materia de xestión de recursos humanos, que comprenderá a determinación das necesidades de persoal durante a vixencia do contrato, incluíndo a previsión máxima do cadro de persoal; a natureza e características dos postos de traballo da axencia e o seu réxime de retribucións.

e) A determinación dos recursos persoais, materiais e orzamentarios que a Administración autonómica debe soportar para a consecución dos obxectivos establecendo o seu escenario plurianual.

f) Os efectos asociados ao grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no que atinxe á exixencia de responsabilidade pola xestión dos órganos executivos e do persoal directivo.

g) De ser o caso, a contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade ou concepto equivalente do persoal laboral, segundo o establecido na normativa da función pública e nas leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma. Esta contía estará vinculada estritamente ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados, co informe previo favorable das direccións xerais competentes en materia de función pública e de orzamentos, nos termos aprobados no contrato plurianual de xestión.

h) O procedemento que se seguirá para a cobertura dos déficits anuais que, de ser o caso, se poidan producir por insuficiencia dos ingresos reais respecto dos estimados e as consecuencias de responsabilidade na xestión que, de ser o caso, se deban seguir de tales déficits.

i) O procedemento para a introdución das modificacións ou adaptacións anuais que, de ser o caso, procedan.

j) Os mecanismos que permitan a exixencia de responsabilidades pola xestión dos órganos executivos e o persoal directivo polos efectos asociados ao grao de cumprimento dos obxectivos establecidos.

Artigo 25. O plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais

1. O Consello Reitor da axencia, por proposta da súa Dirección, aprobará:

a) O plan de acción anual no marco do contrato de xestión e sobre a base dos recursos dispoñibles.

O plan de acción anual comprenderá a definición dos obxectivos que se teñen que acadar no exercicio, a previsión dos resultados que se queren obter e os instrumentos de seguimento, control e avaliación a que se ten que someter a actividade da axencia.

b) O informe xeral da actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. Os documentos a que se refire o punto anterior son públicos e a cidadanía terá acceso ao seu contido desde a súa aprobación, accedendo ao seu contido a través da páxina web da axencia www.inega.gal.

3. No primeiro trimestre de cada ano, a persoa titular da Dirección da axencia Instituto Enerxético de Galicia informará a consellería de adscrición e ás competentes en materia de administracións públicas e de facenda, acerca da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio.

CAPÍTULO IV
Réxime de persoal

Artigo 26. Persoal da axencia Instituto Enerxético de Galicia

1. A axencia Instituto Enerxético de Galicia contará con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia. En todo caso, quedan reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen a participación, directa ou indirecta, no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público.

2. O persoal funcionario da axencia réxese pola normativa reguladora do réxime do empregado público e polas súas normas de desenvolvemento.

3. Ao persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma destinado na axencia garantiránselle os dereitos e deberes que se recollen no Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e rexerase polo texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As persoas representantes do persoal participarán na determinación das condicións de traballo do persoal que presta servizos na axencia Instituto Enerxético de Galicia, incluíndo os aspectos relativos á organización, estrutura e marco de actuación en materia de recursos humanos e retribucións, nos termos previstos na lexislación vixente.

5. Ao persoal, cando opte a postos de traballo da propia axencia, recoñeceráselle o tempo de servizos prestados en organismos, axencias ou entidades do sector público para os únicos efectos de antigüidade unha vez que se reingrese ao servizo activo, coa excepción dos prestados en sociedades mercantís ou fundacións.

Artigo 27. Ordenación de postos de traballo

1. A relación de postos de traballo da axencia conterá necesariamente os seguintes datos de cada posto: o órgano ou dependencia a que se adscribe, denominación, tipo e sistema de provisión, nivel e retribucións complementarias do persoal funcionario e categoría profesional e réxime xurídico aplicable aos postos que vaia desempeñar o persoal laboral e os requisitos para o seu desempeño.

2. A aprobación e modificación da proposta de relación de postos de traballo da axencia serán acordadas polo Consello Reitor, por proposta da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos, función pública e de avaliación e reforma administrativa, e estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación de persoal.

Artigo 28. Selección do persoal, provisión de postos de traballo e mobilidade

1. Os procesos de selección do persoal funcionario e/ou laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia destinado na axencia serán realizados polo centro directivo competente en materia de función pública e seranlle de aplicación as disposicións da lexislación galega sobre emprego público.

2. A provisión de postos de traballo e a mobilidade do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na axencia corresponde á consellería competente en materia de función pública, de conformidade cos principios xerais e procedementos de provisión establecidos na normativa de función pública.

3. A mobilidade do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na axencia someterase ao réxime xeral previsto na normativa de función pública.

Artigo 29. Réxime retributivo

1. Os conceptos retributivos do persoal que presta os seus servizos na axencia Instituto Enerxético de Galicia serán os establecidos na normativa reguladora da función pública da Xunta de Galicia e dos orzamentos da Comunidade Autónoma, coas especialidades previstas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e nestes estatutos.

2. As súas contías determinaranse no marco do contrato de xestión e requirirán informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

3. As condicións retributivas do persoal laboral serán as determinadas no convenio colectivo de aplicación e nas leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. As súas contías fixaranse de acordo co establecido no punto anterior.

4. A contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade ou concepto retributivo equivalente do persoal laboral vincularase estritamente ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión.

5. No marco da política de recursos humanos, e de acordo cos sistemas de representación e participación do persoal, logo do informe favorable da consellería con competencias en materia de avaliación e reforma administrativa, establecerase un sistema de avaliación que sirva de instrumento obxectivo para a valoración do desempeño dos postos de traballo e a asignación da produtividade sinalada no punto anterior, sen que en ningún caso se poida superar a contía da masa salarial que dispoña o contrato de xestión.

O sistema de avaliación valorará rendementos colectivos das unidades e realizará unha valoración individual de cada posto de traballo baixo as premisas da obxectividade, transparencia, imparcialidade e non discriminación, de conformidade co artigo 83 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

6. A aprobación dos instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal da axencia e o seu réxime retributivo requirirá informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública, así como da súa negociación previa coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública de Galicia.

Artigo 30. Persoal directivo

1. O persoal directivo é nomeado e cesado polo Consello Reitor, logo de proposta motivada da Dirección. A súa designación atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade e competencia profesional e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

2. Cando o persoal directivo da axencia Instituto Enerxético de Galicia teña a condición de funcionario, permanecerá na situación administrativa que lle corresponda segundo a normativa reguladora da función pública.

3. Cando o persoal directivo da axencia Instituto Enerxético de Galicia teña a condición de persoal laboral, estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección. Neste caso, a fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable dos centros directivos da Administración xeral da Comunidade Autónoma competentes en materia de orzamentos e de función pública.

4. O persoal directivo da axencia Instituto Enerxético de Galicia poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de acordo cos criterios e porcentaxes que se establezan polo Consello Reitor e de conformidade coa normativa reguladora da función pública e co Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, que no seu artigo 10 regula as retribucións variables do persoal directivo.

CAPÍTULO V
Réxime patrimonial e de contratación

Artigo 31. Patrimonio

1. A axencia Instituto Enerxético de Galicia terá, para o cumprimento dos seus fins, un patrimonio propio, distinto do da Xunta de Galicia, integrado polo conxunto de bens e dereitos de que sexa titular.

2. Así mesmo, quedarán adscritos á axencia para o cumprimento dos seus fins, os bens do patrimonio da Comunidade Autónoma de calquera titularidade que así se acorde, de conformidade co disposto na normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 32. Bens e dereitos propios

1. A axencia Instituto Enerxético de Galicia poderá adquirir toda clase de bens e dereitos por calquera dos modos admitidos no ordenamento xurídico, entendéndose implícita a afectación aos fins da axencia dos bens mobles ao aprobarse a súa adquisición.

2. A adquisición de bens inmobles ou de dereitos sobre eles requirirá informe favorable previo da consellería competente en materia de patrimonio.

3. No caso de alleamento, observarase o disposto na lexislación patrimonial da Comunidade Autónoma.

Artigo 33. Bens adscritos.

A adscrición e desadscrición de bens por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma rexerase pola lexislación autonómica de patrimonio, conservando aqueles a súa cualificación e titularidade xurídica orixinaria e correspondendo á axencia o exercicio das competencias demaniais, así como a vixilancia, protección xurídica, defensa, administración, conservación, mantemento e demais actuacións que requira o correcto uso e utilización deles e cantas prerrogativas referentes ao dominio público e aos bens patrimoniais estean legalmente establecidas.

Artigo 34. Inventario

A axencia Instituto Enerxético de Galicia, a través da persoa titular da Dirección, formará e manterá actualizado o seu inventario de bens e dereitos, tanto propios como adscritos.

Artigo 35. Contratación

A contratación da axencia Instituto Enerxético de Galicia réxese pola normativa básica vixente en materia de contratos do sector público e polas normas de desenvolvemento aprobadas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

O órgano de contratación da axencia é a Dirección, que poderá delegar a dita competencia no seu persoal directivo.

CAPÍTULO VI
Réxime económico-financeiro e orzamentario

Artigo 36. Recursos económicos

1. Os recursos económicos da axencia Instituto Enerxético de Galicia son:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciban como contraprestación polas actividades que poida realizar en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

d) Os rendementos procedentes dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas e legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Os ingresos procedentes de persoas físicas e xurídicas como consecuencia do patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estea autorizada a percibir.

h) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído conforme o ordenamento xurídico vixente.

2. Os recursos que deriven das alíneas b), e) e f) do número anterior e non previstoss inicialmente no orzamento da axencia Instituto Enerxético de Galicia poderán destinarse a financiar maiores gastos por acordo da súa Dirección.

3. A axencia Instituto Enerxético de Galicia poderá realizar a contratación de pólizas de crédito ou préstamo cando isto sexa necesario para atender desfases temporais de tesouraría, entendendo como tales as situacións de falta de liquidez que poidan producirse de forma ocasional.

4. A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de cada exercicio autorizará o límite máximo do endebedamento a curto prazo.

5. A axencia non poderá acudir ao endebedamento a longo prazo, salvo que unha lei así o autorice expresamente.

Artigo 37. Participación en sociedades mercantís e fundacións

Para o mellor cumprimento dos seus fins e cun obxecto acorde cos seus obxectivos, a axencia, de acordo co que se estableza no contrato de xestión, poderá formular proposta de creación de sociedades mercantís ou fundacións ou participar nelas. Será requisito imprescindible a pertinente aprobación da proposta polo Consello Reitor e o cumprimento dos trámites previstos nos artigos 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 38. Orzamento

1. O Consello Reitor aprobará o anteproxecto de orzamento da axencia Instituto Enerxético de Galicia, conforme o disposto no contrato de xestión e coa estrutura e documentación establecida pola consellería competente en materia de facenda.

2. Unha vez aprobado polo Consello Reitor, o anteproxecto será remitido á consellería de adscrición, que, logo do seu exame, achegará, xunto co orzamento da propia consellería á competente en materia de facenda, para a súa integración no anteproxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O orzamento deberá estar equilibrado e terá carácter limitativo polo seu importe global e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal e capital que, en todo caso, teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

4. Corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de facenda, por proposta do Consello Reitor, a autorización das variacións da contía global do orzamento, así como as que afecten gastos de persoal e de capital. A autorización das restantes variacións que superen o inicialmente orzamentado, mesmo na contía global, cando sexan financiadas con recursos derivados letras b), e), f) e g) do artigo 36, por riba dos inicialmente orzamentados e sempre que existan garantías suficientes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, corresponde á Dirección, logo de informe favorable da Comisión de Control e Seguimento, e debe dar conta posteriormente á consellería competente en materia de facenda.

5. Non se poderán adquirir compromisos de gastos que se estendan máis de catro exercicios e o gasto que se impute a cada un deles non poderá exceder a cantidade que resulte de aplicar ao importe total de cada programa, excluídos o capítulo de persoal e os restantes créditos que teñan carácter vinculante, as seguintes porcentaxes: o 70 % no exercicio inmediato seguinte, o 60 % no segundo e o 50 % nos exercicios terceiro e cuarto.

Porén, en casos especialmente xustificados, o Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda e logo do informe preceptivo do centro directivo competente en materia de orzamentos e daqueles que se consideren oportunos, poderá modificar as porcentaxes e os importes anteriores, así como modificar o número de anualidades.

6. A Dirección da axencia poderá acordar incorporar o remanente de tesourería non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante do centro directivo da Comunidade Autónoma competente en materia de orzamentos, que se pronunciará respecto dos seus efectos sobre a estabilidade orzamentaria. Do devandito acordo darase conta á Comisión de Control e Seguimento.

7. A cobertura dos déficits anuais que, se for o caso, se poidan producir por insuficiencia dos ingresos reais respecto dos estimados compensaranse na forma prevista no contrato de xestión.

Artigo 39. Contabilidade

1. O réxime de contabilidade será o establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A axencia Instituto Enerxético de Galicia deberá aplicar os principios contables que lle correspondan, para o cal contará cun sistema de información económico-financeiro e orzamentario que teña por obxecto mostrar, a través de estados e informes, a imaxe do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento, e proporcione información dos custos sobre a súa actividade que sexa suficiente para unha correcta e eficiente adopción de decisións.

2. Así mesmo, a axencia contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita seguir o cumprimento dos compromisos asumidos no contrato de xestión.

Artigo 40. Control da xestión económico-financeira

1. O control externo da xestión económico-financeira da axencia Instituto Enerxético de Galicia corresponde ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da axencia corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e realizarase de acordo co disposto na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do control establecido no número anterior, a axencia Instituto Enerxético de Galicia estará sometida a un control de eficacia que será exercido, a través do seguimento do contrato de xestión, pola consellería competente en materia de enerxía. O devandito control ten por finalidade comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos e a axeitada utilización dos recursos asignados.

CAPÍTULO VII
Dos actos da axencia e dos recursos contra os mesmos

Artigo 41. Disposicións, actos administrativos e recursos contra eles

1. A axencia Instituto Enerxético de Galicia ditará as disposicións e actos administrativos necesarios para o cumprimento do seu obxecto e para o seu funcionamento, que poderán adoptar a forma de:

a) Resolucións, instrucións e circulares da Presidencia e da Dirección da axencia.

b) Acordos do Consello Reitor.

c) Resolucións de contido administrativo da Dirección.

2. Os actos e resolucións ditados polos órganos de goberno da axencia poñen fin á vía administrativa e son susceptibles de impugnación na vía contencioso-administrativa, sen prexuízo da posibilidade de interpoñer contra eles recurso potestativo de reposición.

3. Os actos administrativos da Dirección da axencia Instituto Enerxético de Galicia poderán ser impugnados en alzada perante a Presidencia, agás que fosen ditados por delegación desta.

4. A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de enerxía.

5. Así mesmo, atribúese á persoa titular da consellería competente en materia de enerxía a resolución das reclamacións previas en asuntos civís e laborais e das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

6. A rectificación de erros materiais, de feito ou aritméticos corresponderá ao propio órgano que ditou o acto.

7. O recurso extraordinario de revisión interporase de acordo co que estableza a lexislación xeral do procedemento administrativo e será competente para resolvelo o propio órgano que ditou o acto impugnado.

CAPÍTULO VIII
Modificación e extinción

Artigo 42. Modificación dos estatutos

A modificación dos presentes estatutos levarase a cabo por decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda, previamente negociada coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública cando a modificación proposta afecte aos contidos regulados no artigo 37 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público.

Artigo 43. Extinción

1. A axencia Instituto Enerxético de Galicia extinguirase por algunha das seguintes causas:

a) Polo cumprimento total dos fins e obxectivos por que foi creada a axencia, de tal xeito que non se xustifique a súa pervivencia.

b) Pola asunción dos seus fins e obxectivos polos servizos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A supresión da axencia levarase a cabo por decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda. Este decreto determinará o destino dos bens, dereitos e obrigas da axencia, así como as medidas aplicables ao persoal empregado da axencia no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal.