Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Luns, 7 de novembro de 2016 Páx. 48977

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2016, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Anxos.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Anxos, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. O 9 de maio de 2016 Anunciación Gloria González Pérez, presidenta do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Anxos foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 18 de xaneiro de 2016, ante o notario Ernesto Regueira Núñez, co número de protocolo 111, por Paula María González Pérez, Alfonso Paz Andrade Rodríguez, Elizabeth An Taylor, Nuria Casal Domínguez e Anunciación Gloria González Pérez, que actúan no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi emendada por outras dúas outorgadas na mesma cidade e ante o mesmo notario: unha correspondente ao 5 de xullo de 2016, co número de protocolo 1.680, e outra do 20 de xullo de 2016 co número de protocolo 1.816.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto axudar e orientar os nenos e mozos no desenvolvemento integral do seu ser, potenciando todas as súas capacidades e intelixencias múltiples, coas metodoloxías máis avanzadas, a través da música clásica, a ciencia, a arte, a bioenerxética, a natureza, o deporte e as terapias naturais.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Anunciación Gloria González Pérez como presidenta; Alfonso Paz Andrade Rodríguez como vicepresidente; Nuria Casal Domínguez como secretaria; e Elizabeth An Taylor e Paula María González Pérez como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Anxos, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e o artigo 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado exercerao a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

6. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 20 de setembro de 2016, clasificouse de interese educativo a Fundación Anxos, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Anxos, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Fundación Anxos, polo que

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Anxos.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta resolución poderá interporse un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2016

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria