Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 31 de outubro de 2016 Páx. 48379

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 21 de outubro de 2016 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (Auxs) para evitar os cortes de subministración eléctrica ás persoas economicamente máis vulnerables, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN414D).

O día 31 de decembro de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (Auxs) para evitar os cortes de subministración eléctrica ás persoas economicamente máis vulnerables, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 na Comunidade Autónoma de Galicia.

No artigo 2.6 da citada orde establécese que o prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de novembro de 2016. Co fin de garantir a maior eficacia posible das referidas subvencións e dado que hai crédito sobrante e non se causa prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de presentación de solicitudes, para asegurar ás familias vulnerables o acceso continuado a unha subministración esencial como é a electricidade.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Amplíase ata o 15 de decembro do 2016 (inclusive) o prazo para a presentación de solicitudes de subvención ao abeiro da citada Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (Auxs) para evitar os cortes de subministración eléctrica ás persoas economicamente máis vulnerables, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria