Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 28 de outubro de 2016 Páx. 48294

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de outubro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se lles comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado, relativo ao monte veciñal en man común da Laxe, no concello do Valadouro (expediente 1/92).

Na sesión celebrada polo xurado o día 27 de xuño de 2016, figura o seguinte acordo:

Monte da Laxe (expediente 1/92), pertencente aos veciños da parroquia de San Xoán da Laxe, no termo municipal do Valadouro, e clasificado como veciñal en man común por Resolución do Xurado Provincial do 25 de xuño de 1993.

– Con data 29 de xuño de 2015, ten entrada escrito de Juan J. García Pedreira, como presidente da comunidade propietaria, no cal solicita autorización da Administración forestal para a adquisición de tres predios, correspondentes coas referencias catastrais 5939011PJ2253N0001OT, 5939014PJ2253N0001DT e 5939012PJ2253N0001KT.

– Con data 14 de xullo de 2015, o Servizo de Montes eleva proposta favorable á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes.

– Con data 22 de setembro de 2015, a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes acorda aprobar a adquisición dos terreos.

– Con data 22 de marzo de 2016, a comunidade propietaria achega copia da escritura pública de compra das parcelas referidas, solicitando do Xurado a clasificación dos predios adquiridos.

– Con data 25 de maio de 2016, o Servizo de Montes emite informe de ampliación da clasificación, no cal se reflicte que a superficie que se vai ampliar é de 844 m2, quedando o monte da Laxe cunha superficie final de 180,72 hectáreas, partindo da superficie real clasificada medida dixitalmente. Xuntan plano resultante tras a ampliación.

O artigo 57.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, dispón que as adquisicións de terras por compra deberán ser motivadas pola comunidade veciñal titular no cumprimento dos seus fins, no interese xeral das persoas comuneiras, na defensa dos seus montes e dos seus accesos, no mellor aproveitamento dos recursos ou na mellora ou ampliación do monte veciñal en man común, e requirirá da autorización previa da Administración forestal, que deberá resolver a solicitude de compra no período máximo de tres meses. As terras adquiridas mediante compra serán cualificadas polos respectivos xurados provinciais de montes veciñais en man común como montes veciñais en man común e non poderán ser obxecto de permuta por un período mínimo de vinte anos. No caso de adquisición por doazón, non será precisa a dita autorización. En vista do anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñais en man común os terreos adquiridos, nas condicións establecidas pola Lei 7/2012 e proceder ás oportunas correccións no expediente de conformidade co informe do Servizo de Montes.

Ao descoñecerse o nome e o enderezo dos posibles titulares de dereitos e intereses sobre os referidos montes, por medio do presente anuncio, de conformidade co disposto nos artigos 44 e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, comunícase o devandito acordo.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para a execución da Lei de montes veciñais en man común, aínda que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

Lugo, 17 de outubro de 2016

José Ramón Losada Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo