Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 26 de outubro de 2016 Páx. 47825

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 14 de outubro de 2016 pola que se anula a autorización da implantación do máster universitario en Enxeñaría Industrial da Universidade da Coruña.

O 12 de xullo de 2016 a Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo dita a Sentenza número 1736/2016 no recurso de casación número 4051/2014 coa seguinte resolución:

«Primeiro. Ten lugar o recurso de casación interposto polo procurador dos tribunais Miguel Torres Álvarez, no nome e representación do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Industriais, contra a Sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sección Primeira) do 17 de setembro de 2014, ditada no procedemento ordinario número 128/2013, sobre a implantación do máster universitario en Enxeñaría Industrial pola Universidade da Coruña, sentenza que se casa e anula.

Segundo. Estímase en parte o recurso contencioso-administrativo interposto pola representación procesal do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Industriais contra a Orde do 1 de febreiro de 2013, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, no particular da dita resolución polo cal se autoriza a implantación do máster universitario en Enxeñaría Industrial pola Universidade da Coruña, e anúlase a mencionada orde pola súa desconformidade co dereito.

Terceiro. Ordénase a retroacción do procedemento administrativo ao momento en que a Comisión de Expertos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia emitiu informe de avaliación do dito título para efectos da emisión dun novo informe por parte dunha comisión integrada por expertos do ámbito académico e do ámbito profesional nos termos previstos no artigo 25.4 do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, e conservarase a validez dos créditos superados por quen cursou o referido máster desde a súa efectiva implantación».

A Orde do 1 de febreiro de 2013, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 30, do 12 de febreiro, autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais nas universidades do Sistema universitario de Galicia, entre as que se concede autorización á Universidade da Coruña para implantar o máster universitario en Enxeñaría Industrial.

O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Industriais interpón recurso contencioso-administrativo contra a dita orde, no que atinxe á implantación do máster universitario en Enxeñaría Industrial da UDC no procedemento ordinario número 128/2013, e a Sección Primeira do Tribunal Superior de Xustiza dita sentenza o 17 de setembro de 2014.

Á vista da resolución en recurso de casación contra a Sentenza do 17 de setembro de 2014, procede a retroacción do procedemento administrativo ao momento da emisión do informe pola Comisión de Expertos da Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia, segundo se determina no punto terceiro da resolución do tribunal.

De conformidade co previsto nos artigos 103 e seguintes da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1

Anular a Orde do 1 de febreiro de 2013, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais, no que atinxe á autorización de implantación á Universidade da Coruña do máster universitario en Enxeñaría Industrial.

Artigo 2

Ordenar a retroacción do procedemento ao momento de emisión do informe de avaliación do dito título pola Comisión de Expertos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, integrada nos termos previstos no artigo 25.4 do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro.

Artigo 3

Conservar a validez dos créditos superados por parte do alumnado do máster universitario en Enxeñaría Industrial da Universidade da Coruña desde a súa efectiva implantación.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria