Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 11 de outubro de 2016 Páx. 46541

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2016 pola que se convoca concurso público para a elaboración dunha lista de agarda de persoal docente e investigador contratado interino para cubrir as necesidades docentes de distintas áreas de coñecemento desta universidade para o curso académico 2016/17.

Esta reitoría resolveu convocar un concurso público para a elaboración dunha lista de agarda de persoal docente e investigador contratado interino, en previsión da cobertura das necesidades docentes que poidan xurdir por causas sobrevidas, nas áreas de coñecemento que se relacionan no anexo I, conforme o disposto no artigo 38.2 da normativa pola que se regula a selección de persoal docente investigador contratado e interino da USC, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. A este procedemento seralle de aplicación a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (en diante, LOU); a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, LRX-PAC); o Decreto 266/2002, do 6 de setembro, sobre contratación de profesorado universitario; os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro; a normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino, aprobada por acordo do Consello de Goberno do 17 de febreiro de 2005 e modificada polo Consello de Goberno do 10 de maio, 19 de xullo de 2007 e 22 de xullo de 2009 (en diante, normativa); o II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, subscrito con data do 26 de xaneiro de 2011 (DOG do 14 de abril), prorrogado con data do 12 de xullo de 2013 (DOG do 29 de xullo) (en diante, convenio), e as bases desta convocatoria.

1.2. Cando os prazos a que fai referencia esta convocatoria se expresen en días, entenderase que estes son hábiles, excluíndo do cómputo os domingos e os declarados festivos. Consideraranse festivos, segundo o disposto no artigo 48.1 de la LRX-PAC para estes efectos, os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo, ampliando en calquera caso en ambos os dous campus o prazo establecido por un número de días igual ao dos festivos existentes.

Cando os prazos rematen nun día en que os rexistros da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estean pechados, prorrogaranse ata o seguinte día hábil.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

Os requisitos que as/os aspirantes deben reunir para seren admitidas/os neste concurso serán os seguintes:

a) Ser español/a, nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles Estados a que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadoras/es nos termos en que esta se atopa definida no Tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Tamén poderán participar o cónxuxe non separado de dereito e os descendentes e descendentes do cónxuxe non separado de dereito menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas, dos españois, dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, ou de nacionais doutros Estados, cando así o estableza un tratado internacional subscrito pola Unión Europea e ratificado por España.

As/os nacionais de Estados distintos dos indicados anteriormente poderán tamén participar nos concursos e seren contratadas/os, sempre que se atopen en España en situación de legalidade e sexan titulares dun documento que as/os habilite para residir e para acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter cumpridos dezaseis anos.

c) Non ter sido separada/o mediante expediente disciplinario de servizo de calquera Administración pública española, da Unión Europea ou do Estado de que teña nacionalidade a persoa concursante.

d) Non padecer enfermidade ou limitación física ou psíquica que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Ser titulado universitario oficial ou estar en posesión de título equivalente, ou da certificación supletoria correspondente. Cando o título se obtiver no estranxeiro, deberá estar homologado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. No caso de candidatos con títulos da Unión Europea, deberán estar en posesión da homologación ou da credencial de recoñecemento dirixido da profesión de profesor de universidade.

f) No caso de persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira, será requisito para poder concursar o coñecemento de calquera das linguas oficiais da USC.

A posesión de todos os requisitos estará referida sempre á data de expiración do prazo de presentación de solicitudes de participación.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe participar nesta convocatoria deberá facelo constar na instancia que se axustará ao modelo anexo II que se atopa no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html, así como nas dependencias do Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador. Deberase presentar unha instancia por cada concurso en que se desexe participar.

A non presentación da instancia será causa de exclusión e non poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

3.2. As solicitudes dirixiranse ao reitor no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3.3. A presentación da solicitude farase en calquera dos rexistros xerais desta universidade, situados no Campus de Santiago de Compostela (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro s/n, 15782 Santiago de Compostela) e no Campus de Lugo (edificio de servizos administrativos e Biblioteca Intercentros, avda. Bernardino Pardo Ouro s/n, polígono Fingoi, 27002 Lugo), ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da LRX-PAC. As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto, para que sexan datadas e seladas antes de que procedan á súa certificación. As solicitudes subscritas no estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes.

No caso de terse presentado a solicitude a través dos últimos procedementos descritos, os solicitantes deberán adiantar, por correo electrónico ao enderezo spdocente@usc.es e dentro do prazo establecido para a presentación de solicitudes, copia da instancia debidamente dilixenciada polo organismo competente.

4. Documentación acreditativa de requisitos e méritos. Momento de presentación.

Xunto coa solicitude (anexo II: instancia) xuntarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

As/os descendentes e descendentes do cónxuxe non separado de dereito deberán presentar, ademais, os documentos acreditativos do vínculo de parentesco e, de ser o caso, do feito de viviren ás expensas ou estaren a cargo do nacional dun Estado membro da Unión Europea ou doutros Estados, cando así o estableza un tratado internacional subscrito pola Unión Europea e ratificado por España, co que teña o dito vínculo. A acreditación realizarase por medio de certificados expedidos polas autoridades competentes do seu país de orixe, traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

b) Fotocopia do título universitario oficial ou, de ser o caso, certificación supletoria correspondente.

Os títulos expedidos por universidades ou autoridades estranxeiras deberanse acreditar por algún dos procedementos que se recollen no artigo 20.2 da normativa.

c) De conformidade co indicado na alínea f) da base 2.1, as persoas aspirantes nacionais de Estados que non teñan o español como lingua oficial, poderán presentar coa solicitude a documentación acreditativa do coñecemento dalgunha das linguas oficiais da USC. O coñecemento do español acreditarase mediante fotocopia compulsada dos diplomas de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou nivel C2) ou equivalente. A acreditación do coñecemento do idioma galego farase conforme dispón a norma sétima.2 do anexo II da normativa.

No caso de que non se acredite documentalmente o dito coñecemento, este verificarao, ben a comisión encargada de resolver o concurso, que poderá solicitar o asesoramento de persoas expertas en caso necesario, ou ben a Administración a través dunha proba específica.

d) Presentarase un currículo por cada concurso de lista de agarda a que se solicite participar, consonte o modelo anexo III que se atopa no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html.

Serán obxecto de valoración exclusivamente os méritos alegados polas persoas concursantes no dito currículo, sempre que os posúan na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes establecido na base 3.2. desta convocatoria e que, dentro do dito prazo, sexan acreditados conforme o establecido no punto seguinte.

e) Documentos acreditativos dos méritos alegados polas persoas aspirantes no currículo a que se refire a letra anterior, consonte o establecido no anexo VI, o cal se pode consultar no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html

Non será preciso achegar os documentos acreditativos do rendemento académico e da experiencia docente cando estes méritos correspondan a actividades desenvolvidas na USC, sen prexuízo da necesidade de relacionalos no modelo de currículo (anexo III). Non obstante, no caso de titulacións acadadas nesta universidade con anterioridade a 1988, recoméndase a presentación das certificacións académicas correspondentes.

O expediente académico será valorado como aprobado cando se acredite estar en posesión dun título e non se presente a certificación das cualificacións correspondentes.

Os documentos acreditativos terán que estar indexados, estruturados consonte o modelo de currículo, numerados en cada unha das súas páxinas, numeración que debe coincidir coa indicada no currículo (anexo III) para cada mérito. Estes documentos presentaranse encadernados (espiral ou canudo) ou suxeitos de calquera outro xeito que os manteña unidos de maneira sólida e permanente e que garanta que se impida a posterior inclusión ou perda de documentación. Para tal fin, o Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador poderá adoptar medidas que permitan manter a documentación na orde en que foi presentada.

Os libros e outros materiais non encadernables deberán presentarse en caixas tipo arquivador definitivo ou similar, identificados con número de orde, número do concurso e nome da persoa aspirante. A súa presentación deberá facerse constar no modelo de currículo (anexo III) e indicar o número de orde do arquivador que os contén.

Toda a documentación acreditativa de méritos a que se refire esta alínea e) deberá achegarse dentro do prazo de presentación de solicitudes. Non se admitirá ningunha documentación acreditativa de méritos unha vez rematado o antedito prazo, nin sequera no prazo de emenda de documentación a que se refire a base 5.3. A non acreditación en prazo dos méritos alegados non determinará a exclusión da persoa aspirante ao concurso, pero impedirá o cómputo e a valoración de tales méritos no baremo establecido.

Non presentar os documentos especificados nas alíneas a) e b) será causa de exclusión que poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

A presentación defectuosa do antedito modelo será causa de exclusión, que poderá repararse conforme o establecido no parágrafo anterior. Non obstante, neste acto non poderán alegarse novos méritos.

5. Admisión de aspirantes.

5.1. A Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador publicará unha resolución en que aprobe a lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión, nun prazo máximo de sete días hábiles desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.

5.2. A lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos publicarase no taboleiro electrónico da USC e nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, coa data da súa inserción. Así mesmo, difundirase a través da web: http://www.usc.es/profesorado

5.3. As persoas interesadas poderán presentar reclamación contra esta resolución ante o reitor no prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico da USC. Neste prazo, as persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de aspirantes admitidos e excluídos poderán reparar os defectos que motivaron a súa exclusión ou omisión, senón serán excluídas definitivamente.

5.4. Unha vez rematado o prazo para emendar os defectos aprobarase, no prazo máximo de sete días hábiles, a lista definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión.

5.5. Esta resolución, que será publicada nos mesmos taboleiros e web que as listas provisorias, esgota a vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os recursos oportunos. A inclusión nas listas definitivas non prexulga o cumprimento dos requisitos normativamente exixidos para a subscrición do correspondente contrato.

6. Comisións de selección e desenvolvemento dos concursos.

6.1. Os concursos obxecto desta convocatoria de lista de agarda serán resoltos polas comisións que se poden consultar no enderezo electrónico: http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html. Estas comisións rexeranse polo disposto na normativa.

6.2. A puntuación de cada concursante será a suma das puntuacións obtidas na valoración do currículo, conforme o disposto no artigo 42 e no anexo II da normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino da Universidade de Santiago de Compostela. O baremo para a cualificación de méritos será o establecido no anexo I da normativa.

6.3. Unha vez avaliados os méritos das persoas aspirantes, as comisións adoptarán un acordo que constará de:

a) Puntuacións detalladas de todas as persoas candidatas en cada un dos puntos e subpuntos do baremo.

b) Relación de todas as persoas candidatas ordenadas pola puntuación total.

c) Proposta de persoas declaradas aptas polas comisións para a súa inclusión na lista de substitución, ordenada segundo as puntuacións acadadas.

As comisións poderán acordar que ningunha/ningún aspirante é apta/o para a inclusión na lista de substitución e motivará esta decisión.

6.4. Coas persoas candidatas aptas que consten nas propostas das comisións constituiranse as listas de agarda, coa orde de prelación en que figuren.

6.5. Unha vez rematado o procedemento, a documentación das persoas concursantes quedará ao seu dispor no Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador, de onde deberán retirala. Non obstante, no caso de interposición de recurso, non se poderá retirar ata que a resolución impugnada sexa firme, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan realizar copia compulsada da documentación para outros efectos logo do aboamento das taxas correspondentes.

Transcorridos seis meses desde a finalización do procedemento ou, no caso de haber recurso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza, a documentación será destruída.

7. Publicación de aspirantes aptas/os e formalización de contratos.

1. Nun prazo máximo de cinco días desde o seguinte ao da finalización da valoración dos méritos, farase pública a lista de agarda no taboleiro electrónico da USC e nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, nos taboleiros dos centros onde actúen as comisións de selección, así como na páxina web da universidade http://www.usc.es/profesorado. A publicación no taboleiro electrónico da USC substituirá a notificación persoal ás persoas interesadas e producirá os mesmos efectos que esta, segundo o previsto no artigo 59.6.b) da LRX-PAC.

2. Producida a necesidade docente nunha das áreas do presente concurso, o Servizo de Persoal Docente e Investigador convocará a persoa candidata segundo a orde de prelación para que presente copia compulsada (ou copia simple acompañada dos respectivos orixinais para o seu cotexo) daqueles documentos que avalen o cumprimento dos requisitos exixidos nesta convocatoria, así como a documentación necesaria para formalizar o contrato.

De non comparecer na data indicada para a formalización do contrato sen mediar causa suficiente, considerarase que renuncia ao contrato e convocarase a seguinte persoa na orde de prelación que figure na proposta.

8. Reclamacións.

As persoas interesadas poderán interpoñer reclamación ante o reitor contra a proposta de lista de agarda, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao da publicación da antedita proposta. A reclamación será instruída por unha comisión de revisión nos termos e consonte o procedemento establecido nos artigos 31 e 32 da normativa. A admisión a trámite da reclamación non suspenderá o funcionamento desta lista de agarda, salvo resolución motivada en contra.

9. Condicións dos contratos e obrigas.

1. A dedicación e a duración do contrato corresponderase coas necesidades de docencia sobrevidas durante o curso académico. Os contratos que se formalicen en virtude desta convocatoria terán as remuneracións que se sinalan no convenio.

2. A prestación de servizos e, polo tanto, a devindicación das retribucións asignadas ao posto obtido, iniciarase na data en que se asinen os contratos, agás que neles se dispoña outra cousa, sen que en ningún caso poida ter efectos retroactivos.

3. Consonte o disposto nos artigos 3 ao 10 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, os contratos de profesora interina ou profesor interino non serán compatibles con outra actividade no sector público.

10. Norma derradeira.

As listas de agarda terán unha vixencia limitada ao curso académico en que se xeraron, sen prexuízo da duración dos contratos derivados da súa utilización, que estará en función da necesidade docente que motivou a contratación. De xeito excepcional, e se concorren circunstancias que o xustifiquen, mediante resolución reitoral motivada, poderase ampliar a vixencia dunha lista de agarda mais aló do curso académico en que se xerou a dita lista.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e ss. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2016

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 22.9.2015; DOG do 5 de outubro)
Luis Lima Rodríguez
Vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador

ANEXO I
Relación de áreas de coñecemento para as cales se convoca a lista de agarda

Nº de concurso: L001/16-17.

Área de coñecemento: ciencia política e da Administración.

Departamento: Ciencia Política e Socioloxía.

Centro (*): Fac. de Ciencias Políticas e Sociais.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: L002/16-17.

Área de coñecemento: socioloxía.

Departamento: Ciencia Política e Socioloxía.

Centro (*): Fac. de Ciencias Políticas e Sociais.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: L003/16-17.

Área de coñecemento: didáctica da matemática.

Departamento: Didácticas Aplicadas.

Centro (*): Fac. de Ciencias da Educación.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: L004/16-17.

Área de coñecemento: economía financeira e contabilidade.

Departamento: Economía Financeira e Contabilidade.

Centro (*): Fac. de Administración e Dirección de Empresas.

Localidade: Lugo.

Nº de concurso: L005/16-17.

Área de coñecemento: filoloxía francesa.

Departamento: Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana.

Centro (*): Fac. de Filoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: L006/16-17.

Área de coñecemento: filoloxía italiana.

Departamento: Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana.

Centro (*): Fac. de Filoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: L007/16-17.

Área de coñecemento: psicoloxía social.

Departamento: Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía.

Centro (*): Fac. de Psicoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: L008/16-17.

Área de coñecemento: medicina preventiva e saúde pública.

Departamento: Psiquiatría, Radioloxía e Saúde Pública.

Centro (*): Fac. de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

(*) Centro onde se realizará con carácter preferente a actividade.