Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 10 de outubro de 2016 Páx. 46415

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN conxunta do 15 de setembro de 2016, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Sanidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se acorda a habilitación dos centros de saúde e hospitais do Sistema Galego de Saúde como centros acreditadores do servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia Chave365.

O artigo 4 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, consagra como principios fundamentais da organización administrativa autonómica a boa administración, a calidade dos servizos públicos e a proximidade á cidadanía.

Nesta liña, a Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, creou o sistema de identificación e sinatura electrónica Chave365, baseado no uso de claves concertadas, co obxectivo de potenciar o acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos e establecer mecanismos que eviten que as persoas que carezan dos medios necesarios queden excluídas do acceso aos servizos electrónicos.

A recente Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, potencia o emprego de sistemas de clave concertada como mecanismo de identificación e sinatura nos procesos que requiran a identificación ou sinatura das persoas interesadas no procedemento administrativo.

Desde a posta en funcionamento de Chave365, as persoas usuarias xa poden formalizar a presentación de solicitudes, declaracións responsables, comunicacións e, en xeral, calquera actuación prevista no procedemento administrativo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade do uso de certificados electrónicos.

Actualmente, as persoas interesadas poden darse de alta en Chave365 electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia e nas restantes oficinas de rexistro habilitadas para estes efectos e cuxa relación actualizada está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Nesta liña, co obxectivo de ofrecer unha Administración cada vez máis próxima e áxil, e para evitar desprazamentos aos administrados, a través desta resolución acórdase a habilitación dos centros de saúde e hospitais do Sistema galego de saúde como centros acreditadores do servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia Chave365.

Deste xeito, desde a entrada en vigor da presente resolución as persoas que así o desexen poderán solicitar a súa alta en Chave365 nos centros de saúde e hospitais do Sistema galego de saúde que se habiliten.

A titularidade do servizo Chave365 correspóndelle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, como titular da sede electrónica da Xunta de Galicia.

A disposición adicional primeira da Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, autoriza a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

En definitiva, á vista do exposto,

ACORDAN:

Primeiro. Obxecto

Habilítanse os centros de saúde e hospitais do Sistema galego de saúde como centros acreditadores do servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia Chave365.

A través da sede electrónica pódese consultar a relación actualizada de órganos ou unidades administrativas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e os centros de saúde e hospitais da Comunidade Autónoma de Galicia que realizan as funcións de rexistro de usuarios de Chave365.

Segundo. Ámbito de actuación

Chave365 está á disposición das persoas usuarias para a presentación de solicitudes, declaracións responsables, comunicacións e, en xeral, calquera actuación prevista no procedemento administrativo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, o sistema Chave365 incorporarase paulatinamente aos servizos e actuacións da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e do Servizo Galego de Saúde en que concorran circunstancias que fagan aconsellable a admisión de sistemas de identificación electrónica alternativos baixo criterios de proporcionalidade.

Terceiro. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia