Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 30 de setembro de 2016 Páx. 44949

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 15 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 318163.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas, xurídicas ou pluralidade de persoas físicas que sexan pemes do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura.

Segundo. Finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos procedentes da pesca e da acuicultura, que terán como finalidade realizar investimentos que:

1. Contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no ambiente, incluíndo o tratamento de residuos.

2. Melloren a seguridade, hixiene, saúde e as condicións de traballo.

3. Axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poidan destinar ao consumo humano.

4. Se refiran á transformación de subprodutos obtidos das actividades principais de transformación.

5. Se refiran á transformación de produtos de acuicultura ecolóxica en virtude dos artigos 6 e 7 do Regulamento (CE) nº 834/2007.

6. Que dean lugar a novos e mellores produtos, novos ou mellores procesos, ou novos ou mellores sistemas de xestión e organización.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 15 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Para o ano 2016 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.771.1 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2016, aprobado pola Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016. A concesión das subvencións queda supeditada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016. Os importes máximos das subvencións que se concedan ascenderán a 6.800.000 euros distribuídos nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2016: 500.000 euros.

– Anualidade 2017: 6.300.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2016

Mª Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar