Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 28 de setembro de 2016 Páx. 44423

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) na Estrada (Pontevedra), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/13-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

– Peticionario.

Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

– Antecedentes.

O 4 de novembro de 2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Estrada, na provincia de Pontevedra (expediente IN627A 2008/8-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 30 de decembro de 2011 e no Boletín Oficial da provincia do 22 de decembro.

Neste proxecto prevese a subministración de gas natural a través dunha planta de GNL (gas natural licuado) que se situará no polígono de Toedo, desde a cal partirá a rede de distribución cara ao núcleo urbano da Estrada seguindo a estrada C-541.

O 18 de marzo de 2015, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución das instalacións da rede de distribución para subministración de gas natural no núcleo de poboación da Estrada (Pontevedra), promovido por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2014/8-0).

Nesta resolución, a respecto da planta de GNL, establécese o seguinte: «A subministración de gas realizarase desde unha planta de GNL que se instalará nunha parcela situada ao leste do núcleo urbano, e que será obxecto doutro proxecto. Este proxecto da planta de GNL, pendente de presentación, someterase no seu momento ao procedemento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución, xa que a situación da planta de GNL non se corresponde coa prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa».

O 30 de marzo de 2016, Gas Galicia SDG, S.A. presentou o proxecto de execución denominado «Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) na Estrada (Pontevedra)».

– Obxecto da petición.

De acordo co disposto nos antecedentes, o proxecto de execución denominado «Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) na Estrada (Pontevedra)», que se tramitará baixo o número de expediente IN627A 2016/13-0, someterase non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao procedemento de autorización administrativa.

– Descrición das instalacións.

A planta de GNL situarase na parcela de referencia catastral nº 36017N510104570000IT (polígono 510, parcela 10457) e estará composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización, e módulos auxiliares. Terá unha capacidade de almacenamento de GNL de 30 m3 (1 depósito horizontal) e unha capacidade de regasificación de 750 m3(N)/h.

– Termo municipal.

A solicitude afecta o termo municipal da estrada, na provincia de Pontevedra.

– Orzamento.

Cento cincuenta e oito mil seiscentos oitenta e catro euros con noventa e sete céntimos (158.684,97 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións, no prazo de vinte (20) días a partir da data de publicación deste anuncio, as cales poderán examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas; Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria; rúa Fernández Ladreda, 43-5º, 36071 Pontevedra.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas