Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 27 de setembro de 2016 Páx. 44105

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2016 pola que se abre o prazo posesorio dos postos adxudicados en virtude da resolución definitiva do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia.

Por Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 20 de xullo de 2016 (DOG núm. 140, do 26 de xullo), cunha corrección de erros publicada no DOG núm. 154, do 17 de agosto, resolveuse o concurso para a provisión de postos vacantes da Administración xeral da Xunta de Galicia.

Debido a causas organizativas e para manter o bo funcionamento dos servizos públicos, dado que unha parte importante das persoas funcionarias afectadas pola resolución do concurso teñen que desfrutar o seu período vacacional preferentemente nos meses de xullo e agosto, tal e como se establece na Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 24 de febreiro de 2016, pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas, adiáronse os prazos posesorios derivados da resolución do concurso co fin de asegurar a continuidade na prestación de servizos.

Polo exposto, esta dirección xeral, de acordo co disposto na Orde da Consellería de Facenda do 8 de xullo de 2013 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública (Diario Oficial de Galicia núm. 136, do 18 de xullo), modificada pola Orde da Consellería de Facenda do 26 de agosto de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 162, do 27 de agosto), de conformidade co previsto na base VIII.5 da convocatoria,

DISPÓN:

Primeiro. A apertura do prazo de toma de posesión que se establece no ordinal segundo da Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 20 de xullo de 2016.

Segundo. De conformidade co previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, o prazo da toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.

O cesamento deberá efectuarse o día 3 de outubro de 2016.

Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes e deberá computarse desde o día 3 de outubro de 2016.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición, ante o conselleiro de Facenda, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2016

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública