Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Martes, 6 de setembro de 2016 Páx. 39242

III. Outras disposicións

Xunta Electoral de Galicia

ACORDO do 5 de setembro de 2016 polo que se toma coñecemento dos plans de cobertura informativa da campaña electoral da Corporación Radiotelevisión Española (RTVE) e da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para as eleccións ao Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2016.

A Xunta Electoral de Galicia, na sesión do 5 de setembro de 2016, tomou coñecemento dos plans de cobertura informativa elaborados polas corporacións de Radiotelevisión Española (RTVE) e de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para as eleccións ao Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2016, de conformidade co disposto no artigo 66 da LOREX e na Instrución 4/2011, do 24 de marzo, da Xunta Electoral Central, de interpretación do artigo 66 da LOREX, no relativo ás garantías de respecto aos principios de pluralismo, igualdade, proporcionalidade e neutralidade informativa polos medios de comunicación en período electoral.

Os ditos plans están publicados na páxina web da Xunta Electoral de Galicia.

Os representantes xerais das formacións políticas concorrentes ao proceso electoral en curso poden presentar ante a Xunta Electoral de Galicia as reclamacións ou os recursos que consideren pertinentes, de conformidade co disposto no punto quinto da citada instrución, ata as 10.30 horas do mércores 7 de setembro.

Os recursos formulados no tempo e na forma estarán á disposición das formacións políticas interesadas na Secretaría da Xunta Electoral, en horario de rexistro, para os efectos de que poidan formular alegacións ata o xoves 8 de setembro de 2016, ás 10.30 horas.

O presente acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia en virtude do disposto no artigo 18.6 da LOREX e no punto quinto da referida Instrución 4/2011, do 24 de marzo.

A Coruña, 5 de setembro de 2016

Miguel Ángel Cadenas Sobreira
Presidente da Xunta Electoral de Galicia